mércores, 1 de xaneiro de 2014

Compilación de toponimia de XERMADE



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________________

A AUREANA (Piñeiro)

Este núcleo de poboación, que rodea o Rego de Porto Vello, ten un nome de interés toponímico.
Foi analizado por Edelmiro Bascuas, nun dos seus estudos de hidronimia prerromana, e postulou que, ou ben remite ao alcume "aureana" 'que recolle pebidas de ouro no río', ou ben deriva do apelativo de orixe prerromana  aura 'auga' (cf. p. 190 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
O Nomenclator rexistra outro  "Aureana" en  Fafián (Sarria), á beira do río Sarria. Tendo en conta a repetición, parece que a hipótese de ser un alcume é máis plausible, pois o mantemento do -n- intervocálico ten sentido para referencias persoais ("paisana", "fulana") pero non tería tanto se fose un derivado de "aura".
Están separados máis de cen quilómetros, semella improbable que o "Aureana" de Fafián remita ao outro.

A ABELLEIRA (Xermade, Lousada)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". Polo xeral o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.
Aínda que o apelativo "abelleira" tamén corresponde coa "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.
Tampouco podemos desbotar unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

ABOELLE (Xermade)
De *(uilla) Abonelli, forma en xenitivo de Abonelli, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe xermánica. 
Alternativamente, o nome do posesor podería ser Bonellus en vez de Abonellus, xa que Abonellus non o atopamos na Hispania e si atopamos Bonellus. Non sería un caso infrecuente o engadido de a- frente a consonante.

A ADRA DO REGO TRAVESO (Roupar)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal".  Cf. DdD.

A AGRA (Roupar-lugar da Agra)
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor". Cf. DdD.
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

O ALBELO (Roupar)
Diminutivo de "albo" 'branco', en referencia á cor da terra, posiblemente pola abundancia de arxila.
Alternativamente, aínda que improbable, "Albelo" podería derivar da raíz paleoeuropea *alv-, frecuente en hidrónimos (cf. pp. 271 e 275 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

O ALTO DO VISO (Roupar)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". Cf. DdD

AMEIXIDO (Lousada)
Lugar onde abundan (abundaron) as ameixeiras, árbore que dá "ameixas" (latín damascena).

A AMENTA (Roupar -lugar da Agra)
Amenta é un topónimo de orixe prerromana, e inclúe o coñecido radical hidronímico indoeuropeo *am- ‘canle, suco, cavar’, a partir da cal Krahe relaciona un bon número de ríos europeos. O profesor E. Bascuas estudou a frecuente ocorrencia deste radical en Galiza, incluíndo ocorrencias como Amosa, Amio, Amoá, así como o apelativo "ameneiro", "amieiro". Cf. pp. 207 e ss. de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A AMOSA (Cabreiros)
O topónimo "Amosa" tén a mesma orixe que o mencionado "Amenta", no radical hidronímico indoeuropeo *am- ‘canle’. Ver "A Amenta" para máis detalles.
"Amosa" é estudado explicitamente por E. Bascuas Cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Hai outras "Amosa" en Recaré, en Galdo (Viveiro), en Camanzo, en Ollares, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), en Moeche (A Coruña), etc.

ANDRADE (Burgás)
Este topónimo pode aludir a unha persoa de apelido Andrade, que sería a antiga posesora deste lugar. Tamén pode ter unha orixe na forma en xenitivo dun possessor medieval.
No caso concreto deste "Andrade" de Burgás, é importante reparar en que na época medieval o Conde de Andrade era dono das parroquias de Xermade e Burgás, polo que é probable esta orixe a partir do apelido.
Tamén pode corresponder simplemente co nome en xenitivo dun possessor dunha uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval.

A orixe do apelido "Andrade" é controversa. Nicandro Ares considérao derivado dun *Andreati, que sería unha flexión vulgar de xenitivo para Andreas (o mesmo que Abbas - AbbatisCucuphas - CucuphatisThomas - Thomatis). Esa forma en xenitivo *(uilla) Andreati, daría orixe aos apelidos Andreade e Andrade. Cf. páx. 262 de  "Estudos de toponimia galega". Vol I. N. Ares, 2011. 
Por outro lado, Méndez Ferrín suxire a mesma teoría que Boullón Agrelo,  baseándose en Piel e Kremer, que o derivan dun antropónimo reconstruído *Andreatus, que sería de orixe xermánica. Este antropónimo en xenitivo daría igualmente o sintagma (uilla) AndreatiCf. aquí.

A ANELLADA DA ESPERADA (Roupar)
AS ANELLADAS (Roupar)
O topónimo "Anellada" non ten que ver co termo castelán anilla, senón que posiblemente teña a orixe no tema pre-latino *ann-, que Bascuas  liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anilleira", "anido" e "aneiro". 
Para "da Esperada", ver "A Esperada".

O ANGARRÓN (Roupar)
Significado e orixe descoñecidas. 
Talvez podería vir de Arangón por metátese.

A ANGUIEIRA (Roupar)
Lugar onde abundan as anguías.

OS ANOVADOS (Roupar -lugar da Pinguela)
Terreos gañados ao monte. Derivado de "anovar", que define o dicionario como "convertir un monte en labradío ou terreo."

A ANTOA (Piñeiro)
Posiblemente referido ao hipocorístico "Antoa", feminino de Antón.
Esta forma "Antoa" xa figura documentada no 1377(cf. aquí), e aínda en uso no século XIX, rexistrada por exemplo en Vilalba unha "Antoa do Ferreiro" (cf. aquí).
Alternativamente,  Carolina Pérez Capelo indica que "antoa" pode ser interpretado como diminutivo de "anta","denominación popular dos dólmens do período megalítico".  A esta forma "anta" procedente de antae e con abundante presenza na toponimia engadiríaselle o sufixo -ŏla na formación deste topónimo "Antoa". (cf.  Carolina Pérez Capelo "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).

O ARANGÓN (Xermade -lugar de Arangón)
O topónimo "Arangón" é probablemente de orixe prerromana pre-céltica. Considerámolo un probable derivado da raíz hidronímica indoeuropea *er-, 'fluír, moverse', aínda non tendo sido incluído por E. Bascuas na lista de derivados desa raíz, si foi incluído outro de morfoloxía próxima, "Arangaño" (cf. p. 97 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

O ARUXO (Roupar -lugar do Aruxo, Cazás -lugar do Aruxo)
O topónimo "Aruxo" é de orixe prerromana, e relacionado con correntes de auga. E. Bascuas derívao de *aruwio, da raíz indoeuropea *er-, 'fluír, moverse' (cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A ARMADA (Roupar -lugar da Armada)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

ARMIL (Lousada)

De *(uilla) Hermemiri, forma en xenitivo de Hermemirus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica. 
Igualmente probable é que o nome de posesor fose Aremiro, ou aínda Ermildo, tamén de orixe xermánica. Porén, foi máis frecuente o primeiro indicado, o cal documenta o CODOLGA, coas variantes Ermemiro  e Hermemiro en documentos dos séculos X a XII. O Nomenclator rexistra tamén Armilo (Barreiros), da mesma procedencia.

ARREDOR DOS VERDES (Xermade)
Ver "A Chousa dos Verdes".

A ARREDOADA (Burgás -lugar da Arredoada)
Do verbo "arredoar", coas dúas acepcións: "rodear, ir arredor" e "redondear".
O Nomenclator rexistra outro "Arredoada" en Viveiro, así como "A volta da Arredoada" que confirma o significado indicado.

A AVEEIRA (Roupar)
A AVIEIRA (Roupar -lugar da Graña)
AVEÁS (Roupar -lugar de Aveás)
As voces aveeira e "aveal" remiten a lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

A AZOREIRA (Roupar -lugar da Azoreira)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

BADOI (Burgás)
Probablemente de *(uilla) Baddoni, sendo *Baddo o nome do antigo posesor da uilla (casal, explotación agrícola).
O  nome Baddo sería un hipocorístico de orixe goda. Como se sabe, a declinación -o, -oni é frecuente nos nomes de orixe xermánica, especialmente nos monotemáticos hipocorísticos - cf. e.g. A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VIII–XII)"
En efecto, a orixe da raíz Bad- foi xa analizada por J. M. Piel, que postulou  para o topónimo "Bade" unha procedencia en Badde, xenitivo tamén de Baddo, nome de orixe gótica. Para Baddo, derívao como forma cariñosa de Baldo, formado a partir do elemento gótico bald- 'audaz'. Cf. p. 223 e ss. de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

É importante notar que, aínda habendo pouca dúbida de o topónimo corresponder cun nomen possessoris dunha vila medieval (tratándose dunha entidade de poboación, terminación do topónimo en -oi), o nome concreto é apenas unha suposición, plausible pero sen probas documentais.


Os datos do Nomenclator son coherentes con esta hipótese: no veciño concello das Pontes existe un núcleo de poboación chamado Badón, que encaixaría coa mesma orixe. Un reforza o outro.

AS BALOIRAS (Roupar)
Grafía alternativa por "Valoiras". O termo "valoira" é relativo a "val", co elemento -oira que é controverso, posiblemente derivado  dunha raíz prelatina *awr, relativa a correntes de auga.

A BALSA (Roupar -lugar da Torre)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
O profesor F. Villar derívaa da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana").
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

OS BARBEITOS (Xermade)

O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARRASCA (Roupar -lugar da Pena Vaqueira)
Significado e etimoloxía incertas.
O dicionario de galego de Aníbal Otero define "barrasco" e "barrascada" como "chaparrón". Cf. DdD. Porén, non parece encaixar cun topónimo, o mesmo que non existen como topónimos **Chubasco ou **Borrasca.
O dicionario portugués recolle "barrasco" e "varrasco" como sinónimos de "verrón", "porco non castrado destinado á reproducción". Cf. Priberam.

O BARRO (Burgás -lugar do Barro)
O nome deste núcleo de poboación pode ter o significado obvio referido ao elemento natural dese nome, mais tampouco se pode descartar que se refira a un outeiro ou a un lugar moi pedregoso, e derive dunha raíz prerromana *bar- 'altura' (cf. Cabeza Quiles aquí).

O BATÁN DO LESTE (Xermade)
O BATÁN DO OESTE (Xermade)
O BATÁN NOVO (Xermade)
O termo "(muíño do) batán" deriva do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo. Os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BAXÍN (Roupar -lugar de Baxín)
De *(uilla) Bagini, forma en xenitivo de Baginuso nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe céltica.
O Nomenclator rexistra outro "Baxín" no veciño concello de Muras.

OS BESTILLEIROS (Roupar)
O termo "bestilleiro" e "besteiro" designa un soldado que usaba a "besta". Estando neste caso flexionado en plural, parece referirse a uns agros que antigamente pertencerían a un "bestilleiro" ou que tiña ese alcume, ou ese apelido, documentado como tal desde a Idade Media.
Por outro lado, hai varios lugares en Galiza con este nome, incluíndo varias entidades de poboación. Algúns destes terían explicación na existencia no mesmo dalgún tipo de destacamento militar na época medieval. 

O BEQUE (Roupar -lugar da Casanova)
Este topónimo é moi frecuente na comarca de Ferrol, aínda que tamén aparece noutras zonas de Galiza. Rivas Quintas derivou os topónimos "O Beque", "Os Beques" e "Os Bequiños" do céltico becc-/bicc-/picc- 'punta'  (cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín"). Da mesma opinión é Cabeza Quiles. Porén, a maioría destes topónimos aparecen en terreos mixtos, ou incluso prados, co cal é incerta a forza desa interpretación.

A BIRTA DA RIBEIRA (Burgás)
A BIRTA GRANDE (Burgás)
O dicionario define "birta" como "cano" ou guía dos canos nun regadío. O verbo "britar" ou "birtar" é definido como "quebrar, fracturar".
Por outra banda, o dicionario de Sobreira recolle en Ferrol a acepción de "porción pequena de monte, cerrada por si soa" Cf. DdD.

O BOUCELLO (Roupar -lugar do Boucello)
Diminutivo de "bouza".

BREA (Xermade)
Brea pode ter varias orixes e significados. O máis probable é que derive de"vrea" ("verea", "vereda").

BROSENDE (Xermade -lugar de Brosende)
De (uilla) Berosindi, forma en xenitivo de Berosindus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe céltica.

BURGÁS (Burgás)
Etimoloxía controversa.
Atestado en 1124 como "Sancta Eolalia de Burganes" (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo...". 1999), é interpretado por Bascuas como hidrónimo de orixe paleoeuropea, da forma *burga, derivada da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir'. Así, burganes indicaría unha zona de burgas, quer de auga quente ou de simple fervenza (cf. p. 35 e 36 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
Bascuas indica o topónimo "Burganes" en Zamora, que tería igual orixe.
Por outro lado, J. Piel deriva os topónimos Burganes, Burgás, Burgán, como derivados do apelativo "burgo", o cal Bascuas coida improbábel, dadas as razóns que indica para a indicada raíz *bher-.
Alternativamente, Miguel Costa derívao de *(uilla) Burgalanis, forma en xenitivo de Burgala, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. CfFrornarea. Porén, Bascuas tamén inclúe os topónimos atestados como Burgala Burgalanes como hidrónimos. 
Cremos que, neste caso, pese a autoridade de Bascuas, se trata dun "nomen possessoris": é  interesante reparar en que tanto este Burgás como o de Ourol, como o de Chantada, os tres corresponden con entidades de poboación, e o mesmo ocorre con  "Burgáns" en Cambados e "Burgán" en Tordoia. Pola contra, non atopamos ningún "Burgás" ou "Burgáns" non correspondente con entidade de poboación. Tampouco ningún leva artigo, que indicaría un posíbel uso apelativo. Todo isto parece indicar que se tratan de nomen possessoris, e por tanto reforzar a interpretación indicada de M. Costa. 

BUSCALTE (Roupar -lugar de Buscalte)
Probablemente sintagma compsto coa voz "busto", lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
En canto a "-Calte", remitindo ao nome de posesor, en xenitivo como é habitual nestes casos, non é clara cal sería a orixe específica.

BUSTO REDONDO (Lousada)
O termo "busto" indica lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas'  (cf. Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

O BUXATEIRO (Xermade)
Lugar onde abundan ou aniñan as aves chamadas "buxato".

O CADAVAL (Xermade, Roupar, Burgás)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).

O CAL DA VALIÑA (Roupar)
O termo "valiña" é o diminutivo de "val". Antigamente o termo "val" era feminino, de aí esta forma.

A CALEIRA (Roupar -lugar da Azoreira Nova)
Indica "lugar onde se extrae o cal, ou forno onde se queima o cal". Cf. DdD.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presencia dunha única planta.

A CALOUSADA (Roupar -lugar da Calousada)
Probablemente do composto "Casa Lousada". A existencia de "Casteita" en Muras e de "Casateite" en Mañón reforzan esta interpretación do topónimo.

O CALVARIO (Burgás, Xermade)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPO DO MINGOLO (Roupar)
O termo "Mingolo" é un hipocorístico de Mingos ou Domingos, aludindo ao antigo propietario.

O CAMPÓN (Roupar -lugar da Torre)
Un "campón" é un "prado de secano de moita extensión" (cf. DdD).

A CAMPOSA (Roupar -lugar da Torre)
A CAMPOSA LONGA (Roupar)
A CAMPOSIÑA (Roupar)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CAMPOSA DE CORSINA (Xermade)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).
En canto ao termo "Corsina", pode vir do nome ou alcume de antiga posesora.

CANDAMIL (Candamil)
De *(uilla) Quendamiri, forma en xenitivo de Quendamirus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

OS CANDEDOS (Roupar)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen os cognados Cándano, Cándana, Candanal, etc.

A CANDIEIRA (Momán)
Cremos que o nome deste núcleo de poboación deriva de "candaeira" (>candeeira > candieira), o mesmo que "candedo", lugar onde abundan os "candos". Neste senso, tamén Martínez Lema cre que ten que ver coa presenza no lugar de varas de uz secas, usadas para alumar e que xeralmente eran penduradas da gramalleira da lareira (cf. aquí).
Segundo Gonzalo Navaza, os derivados toponímicos deste substantivo refírense a lugares utilizados para obter algún tipo de combustíbel vexetal, como frouma ou similar (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). 
O Nomenclator rexistra un "Candieiras" en Foz.

O CANEIRO (Burgás -lugar do Caneiro)
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:

"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."
Tamén se recolle para "caneiro" a acepción de "canizo", pero tería menos encaixe nun topónimo.

O CANELO (Roupar -lugar do Campo)
Diminutivo de "cano" 'canle'.

O CANTEIRO (Burgás)

Forma derivada de "canto", ben no sentido de "recuncho" ou no de "pedra grande non labrada".
Aínda que a voz "canteiro" pode aludir a unha persoa dese oficio, pensamos que é máis plausible interpretalo nun topónimo no senso de "recuncho". O dicionario de  Carré Alvarellos recolle esta acepción de "recuncho", remitindo ás voces Canto e curruncho (cf. L.  Carré, 1951. "Diccionario galego-castelán"). 

OS CANTELOS DO ROCÍN (Xermade)
Un cantelo, diminutivo de canto. Neste contexto, o termo "canto" significaría un lugar esquinado, un recuncho. Ver "O Cantón do Coxo" para máis pormenores.
O termo "Rocín" indicaría talvez o antigo posesor. Ver "O Rego do Rocín".

O CANTÓN DO COXO (O Burgo)
Formalmente esta voz corresponde co aumentativo de "Canto", ben na acepción de "recuncho" ou ben na de "pedra grande non tallada".
Aínda que os dicionarios de galego non recollen acepción ningunha que encaixe coa toponimia, si figura recollido no vocabulario do galego usado na zona das Médulas (León), no que a voz "cantón" se define como ‘Terreo valdío, pedregoso’ (cf. aquí).

O CAÑOTO (Piñeiro)
O termo "cañoto" significa o mesmo que "canoto", " talo de certas plantas como a col ou o millo". Outra acepción é a "parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta".

O CAPEIRÓN (Cazás)
O dicionario de Eladio Rodríguez define "capeirón" como "capa longa e grande" (cf. E. Rodríguez (1958-1961) "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").
Terá un sentido metafórico, por tanto, aludindo á forma do terreo.
Aínda que o Nomenclator non rexistra en Galiza outros topónimos deste nome, si rexistra "Capeludo(s)" e "A Capelada" e similares, os cales interpretamos (para OrtigueiraViveiro, Burela, Muras, ..) como referíndose a unha orografía do terreo en forma de capucha.

A CARBA (Lousada)
O dicionario define "carba" como "especie de roble, de folla miúda e mala calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro".

OS CARBALLÁS (Candamil, Xermade)
Un "carballal" fai referencia un  lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

A CARBALLOSA (Cabreiros, Cazás)
O topónimo alude a un lugar poboado de carballos.

OS CARPIZOS (Cazás)

Aníbal Otero recolleu a voz "carpizo" co significado de carpanza, posiblemente a Cistus hirsutus (cf. A. Otero (1977): "Vocabulario de San Jorge de Piquín").

O CARRACEDO (Burgás)
Topónimo que alude a un lugar no que abunda o carrizo ("canaveira").

CAS CELA (Roupar)
CASCHAO (Cabreiros)
CAS DIEGO (Roupar -lugar de Cas Diego)
CAS GARCÍA (Xermade -lugar de Cas García)
CAS MASEDA (Roupar)
O termo "cas" é apócope de "casa","na casa de",  e é análogo ao francés  chez ou o catalán ca'n. Ao termo "cas" séguelle o nome, alcume ou apelido do propietario da casa.

A CASADEDRA (Candamil)
Composto de "Casa de hedra", casa en ruínas.

CASAL (Lousada, Roupar, Roupar -lugar da Torre)
Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASÓN (Xermade, Burgás)

A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Posiblemente "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".

O CASTELO (Cazás)

Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRILLÁN (Roupar)
Composto derivado de Castru Iuliani, remitindo a un castro dun posesor chamado Iulianus.

O CASTRILLÓN (Xermade)
Derivado do apelativo "castro". Aludiría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

O CASTRO (Cabreiros, Burgás, Roupar -lugar de Sucastro)
OS CASTROS (Roupar -lugar da Pinguela)
Do latín castrum 'castelo, fortaleza’'. En galego designa un tipo de asentamento prehistórico característico do Noroeste peninsular, aínda que tamén é usado na toponimia para se referir a outra clase de edificacións semellantes ou mesmo a unha elevación do terreo onde puidese ter existido un castro (cf. P. Martínez Lema, 2012. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CASTRORRAMIL (Momán)
De *Castrum Ramiri, castro dun antigo posesor chamado Ramirus, nome de orixe xermánica.
Ver "O CASTRO" para máis detalles.

AS CAVADAS (Xermade -lugar das Cavadas)
Alén do significado máis común referido a "terreo que foi cavado, xeralmente para dedicalo a cultivo", o apelativo "cavada" tén a acepción antiga de "foxo" (cf. DdD), do latín caua 'gabia, cova'.
O  alemán G. Schulz, a mediados do século XIX, describía un método de cultivo que consistía nas "rozas" ou "cavadas”, usado en montes e zonas pendentes do oeste de Asturias e parte de Galicia “cuya cubierta vegetal se cava, seca y quema una vez cada cierto número de años, sembrando y recogiendo una cosecha de trigo, a la que sirve de abono la ceniza de la vegetación quemada”. 
Sería, por tanto, un sinónimo de "rozas".

CAZÁS (Cazás)
A orixe do nome estaría en *(uilla) Cazanis, forma en xenitivo de Caza, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe xermánica.
Está atestado como S. Iuliani de Cazanes en 1077 (cf. p. 377 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
No 1527 aparece como "Caçanes" no Censo de Pecheros.

AS CERNADAS (Cabreiros)
O termo "cernada" vén de *(terra) cinerata. Significaría, portanto, "as terras queimadas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza: nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Escribiu Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (V. Risco, "Terra de Melide").

O CERQUEIRAL (Piñeiro)
Este topónimo ten o significado de "lugar onde abundan os cerqueiros". O "cerqueiro" é unha árbore da mesma familia que o carballo (cf. DdD).
Este topónimo foi recollido xa por Gonzalo Navaza con este significado (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006). 
O Nomenclator rexistra outro "Cerqueiral" en Salceda de Caselas (Pontevedra), así como o plural "Cerqueirás" en Coristanco (A Coruña).

O CEPETAL (Xermade)
Referido a un lugar onde abundan os cepos, os troncos remanentes das árbores cando se cortan.
O apelativo "cepo" procede do latín cǐppŭm ‘poste’.
Existen outros "O Cepetal" en Muras, Galdo, etc. Existe tamén "O Zopetal" en Muras.

A CERVEIRA (Piñeiro)
Topónimo transparente, indicando a antiga presenza de cervos, en abundancia ou criando.
O sufixo -eira neste caso actúa, tal como indicado, como abundancial, o mesmo que ocorre con topónimos como Leboreira (lebres), Lobeira, Coelleira, Golpilleira (raposos), etc.

É de notar que para os topónimos con raíz Cerv- tamén poden ter orixe prerromana. Por exemplo, os Cervantes, Cervaña, Cérvora, Cervia (a actual Servia), considerando os sufixos que inclúen: -nt-, -aña, -ora, -ia, semellan típicos da hidronimia paleoeuropea. Moralejo para o topónimo "Cervantes" postula unha orixe na raíz indoeuropea *(s)kerbh- 'afiado', da que deriva a forma protocelta *kerbo- 'puntiagudo, afiado', ou o letón skarbs 'afiado, agudo' [e tamén o inglés sharp]. Naqueles casos indicaría, por tanto, unha elevación do terreo ou un terreo rochoso. 

Volvendo ao topónimo "A Cerveira", nada indica a priori que non se trate da orixe indicada ao comezo deste artigo.

AS CHAFARICAS (Xermade)
Posiblemente "Chafaricas" se refira a "casopas, cabanas" neste contexto.
O termo "chafarica" non está rexistrado no dicionarios de galego, aínda que si "chafarico" 'casopa, tenderete' (cf.Estraviz). Por outro lado,  "chafarica" figura en portugués, co significado de 'taberna, baiuca'.
Tampouco podemos desbotar unha interpretación como sinónimo de "chafariz" 'fonte', pois tanto a chafariz como a chafarica se lles asigna unha procedencia no apelativo árabe hispano  ihrīǧ 'fonte, poza'.
En conclusión,  cremos que debe interpretarse como "casopas, cabanas" neste contexto, xa que, dada a súa ocorrencia en plural (tanto neste caso como noutros na xeografía galega), non parece probábel que nun pasado existisen varias tabernas no mesmo lugar.

A CHOUSA DE NOIA (Xermade)
O topónimo "Noia" foi estudado por Bascuas, que o deriva da forma paleoeuropea (pre-céltica) *noigw-. da raíz indoeuropea *neigw'lavar'. Cf. p. 354 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
En Céltigos (Ortigueira), tamén atopamos unha "Fonte Noia", que parece reafirmar esa posible orixe hidronímica (cf. Céltigos no Cadastro de Ensenada).
Para este topónimo en concreto, tampouco podemos descartar, sen coñecer o caso, que tivese a orixe no apelido dun posesor desta chousa.

A CHOUSA DO CANEIRO (Xermade)
Ver "O Caneiro".

A CHOUSA DO ILLOA (Xermade)
Posiblemente "Illoa", neste caso, estea relacionada con "illó", "terreo pantanoso, parte dunha finca que é máis húmida que o resto do terreo e case sempre está mollada". Cf. DdD.
De feito, E. Bascuas menciona un "Illoa" en Monterroso documentado en 11285 como Viloa.
É, por tanto, un hidrónimo de orixe prerromana, paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *wel- 'xirar, virar'. Cf. p.142 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A CHOUSA DOS VERDES (Xermade)
O significado non semella referir á cor dos prados.
Podería derivar de "Clausa Viridii" 'a chousa de Viridius', e daí ter derivado, de Chousa Verde a "Chousa dos Verdes" por etimoloxía popular.
Alternativamente, e talvez o máis probable, indicando pertenza á familia dun antigo posesor apelidado Verde.


O CHOUSO DE GONZALBO (Xermade)
Un chouso é unha pequena chousa. Neste caso, indica a que foi antigamente pertencente a Gonzalvo, nome de orixe xermánica.

O COCHÓN (Roupar)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". 
Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
O Nomenclator rexistra outro "Cochón" no viciño concello do Valadouro.

A CODESEIRA (Burgás, Xermade)
O CODESEIRO (Burgás)
CODESO (Momán)
O "codeso" é unha planta da familia das leguminosas, similar á xesta. En singular,remite a un lugar onde abunda esta planta. Nos casos de "codeseira", "codeseiro" ou "codesal", igualmente remiten a lugar onde abundan os codesos. 
O codeso, tamén chamado cítiso e piorno, é o nome dunha especie de arbusto, semellante á xesta (Adenocarpus complicatus, aínda que tamén se dá este nome a outras especies como o Adenocarpus hispanicus e o Adenocarpus viscosus) . 
Indicaba Marcial Valladares que "Crece en casi todos los montes; florece en junio y julio y sus flores son amarillas. Los labradores úsanla comunmente para barrer y juntar la hoja que los robles y castaños sueltan en el otoño." (cf DdD - M.Valladares, 1884. "Diccionario gallego-castellano").

O CONCHARELO (Roupar)
Forma diminutiva, probablemente de "conchal", abundancial de "concha". Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Por outro lado, os topónimos "Concheiro" e similares foron analizados por Navaza, que indica que algúns deles poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concheiro" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras. 
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" (escrofularia nodosa).
Dada a situación, ben lonxe da costa, desbotamos que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.
O Nomenclator rexistra outro "Concharelo" no cercano concello de Mañón.

O CONCHOUSO (Roupar)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum "horta pechada".

O CONZADO (Burgás)
O dicionario define "conzado" como "terreo coberto de mato a rentes dunha leira" (cf. DdD).

A CORRETA (Burgás)
Significado incerto. Talvez ultracorrección por "Curreta", diminutivo de "curro" 'terreo pechado, inculto, de pasto ou monte baixo', e evoluiría de Curreta para Correta por etimoloxía popular.

A CORTIÑA (Roupar, Roupar -lugar da Pinguela, Xermade, etc)
AS CORTIÑAS (Xermade)
O termo "cortiña" vén do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivaron cohortina ‘cortiña’ e  cohorticulum  ‘cortello’. 
As "cortiñas" son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A CORTIÑA DE ILLOA (Burgás)
Ver "A Chousa do Illoa".

A CORTIÑA DO ABADE (Roupar)
Podería indicar que a leira pertencía ou pagaba foro a algún mosteiro.
Alternativamente, aínda que menos probable, o termo "abade" podería ser relativo co elemento paleoeuropeo *ap-, presente en hidrónimos. No entanto, ao non ter máis indicacións, debemos supoñer a priori a primeira alternativa e non a prerromana.

A COTARELA (Burgás, Roupar)
Un "cotarelo" é un pequeno coto, outeiro, pequena colina (cf. DdD). O xénero feminino, neste caso, unicamente podería indicar variación de tamaño con respecto ao masculino, algo maior que un cotarelo.

A COTAREÑA (Roupar)
Referido a coto, talvez un orónimo ou máis ben referido ao antigo posesor, de alcume "cotareño", e de aí "(terra) cotareña", pertencente ao "Cotareño".

O COTO DA PÍA (Lousada)
Indica un coto (lugar elevado, outeiro) no que se encontra unha pía. Podería encontrarse labrada na pena, quer por acción erosiva quer pola acción do home (e ser, por tanto, un petróglifo).

O COUTADO (Burgás)
O dicionario define "coutado" como "terreo cercado" (cf. DdD).

O COVELO (Burgás)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVILLÓN (Cazás)
O COVO  (Roupar -lugar da Graña)
A voz "covillón" é un diminutivo de "covo".
O apelativo "covo" remite a un lugar localizado nunha depresión do terreo, nunha concavidade orográfica. 
O significado literal de "covo" é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. DdD).
É por tanto análogo aos topónimos "A Cova", que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").


O CUNCHOUSO (Roupar)
O mesmo que "conchouso". Ver "O Conchouso".

O CURRO DE GUIZÁN (Xermade)

Un "curro" é definido polo dicionario como "cerca de madeira ou de pedra onde se concentra o gando ceibo do monte, especialmente cabalarías e vacas".
Canto a Guizán, trátase dun antropónimo de orixe xermánica, da raíz gótica *weis- 'sabio', tratado por J. Piel en topónimos portugueses como Guizoi e Vizoi (cf. p. 55 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo IV)
En Cerdido hai un "Rego de Quiza" que tería a mesma orixe.

O CURUXÁN DE ABAIXO (Burgás)
Posiblemente relacionado con "curuxa". Talvez análogo a "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metafóricamente, indicaría un "lugar en sitio elevado e con penascos".Cf. DdD.

A DÁDIVA (Xermade)
A DÁDIVA DO LOIMIL (Xermade)
AS DÁDIVAS (Xermade)
Topónimo que indicaría que o terreo foi obtido de balde.

A DEVESA (Burgás)
Do latín terra defensa 'terra resguardada, vedada'. Significa "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións e normalmente  destinado a pasto do gando. 
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

ESCORISCADA (Cazás)
Os dicionarios recollen varias acepcións. A que encaixa para un topónimo sería como participio de escoriscar "Limpar de cantos un labradío", que recolle Rivas Quintas (cf. E. Rivas, 2001. "Frampas, contribución al diccionario gallego"). É unha formación similar á de topónimos como "Estoxada" (limpar de toxos).
Tamén pode ser que remita a "corisco" no senso de vento frío con chouva ou saraiba.

A ESCRITA (Burgás -lugar da Escrita)
O nome deste núcleo de poboación probablemente indica a existencia dun petróglifo. Por veces trátase de gravados de orixe prehistórica e outras veces refírense a marcas nas pedras ou pedrafitas, ben cun sentido relixioso ou máxico ou ben como sinal dos límites entre vales, parroquias, propiedades monacais ou xurisdicións. 
Descoñecemos neste caso se se conserva.

A ESPERADA (Roupar)
A forma "A Esperada", cremos que deriva dunha falsa deglutinación por  "A Asperada" (sonan igual en galego), sendo "Asperada" un derivado de "Áspera", topónimo frecuente, que parece derivar do latín "terra aspera", ou incluso "aspera loca" (cf. p. 306 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").
Tén, por tanto, unha orixe similar á de "O Esperón"  (Muras).

A FALCA (Burgás)
Unha "falca" defínea o dicionario como "Toro de madeira tronzado para serrar". Cf. DdD. Descoñecemos o seu encaixe toponímico.

O FEAL (Xermade, Burgás, Roupar, Candamil)
Lugar onde abunda o feo, herba para forraxe, por veces o silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” alude a un “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
        “ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).

A FEOUCA (Xermade)
Talvez "feouca" corresponde co significado transparente do termo, posiblemente relativo ao alcume dun antigo posesor ou ben caracterizando a terra como "feouca" pola pouca produtividade.
Alternativamente, relativo ao "feo", indicando terra pouco produtiva, somente de feo.

A FIOSA (Roupar -lugar da Pena Vaqueira)
O termo "fiosa" tén dúas acepcións: a primeira delas o mesmo que "feosa", "feal", paraxe no que abunda o "feo" (cast. heno), probablemente da especie silvestre (Deschampsia flexuosa). Por veces coincidente cun prado.
A segunda acepción é a de "lugar resguardado, cerca das cimas" (cf. DdD). Descoñecemos cal dos dous casos se trata neste topónimo.

FOLGOSO (Lousada)
AS FOLGUEIRAS (Xermade -lugar das Folgueiras, Roupar -lugar das Folgueiras)
Topónimos que remiten a lugar onde abundan (abundaban) os felgos.

O FONTAO (Xermade -lugar do Fontao)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa").
Alternativamente, tal como sostén Cabeza Quiles, podería derivar do nome dun posesor chamado Fontanus

FONTE CEREIXA (Roupar)
Este topónimo trátase posibelmente dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Neste caso,  o termo "Cereixa" non parece relacionado co nome común "cereixa", con pouco sentido para un topónimo.  En efecto, E. Bascuas asignou aos topónimos "Cereixa" e "Cereixiña" unha orixe nunha forma prerromana paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris' (cf. p. 297 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
O Nomenclator rexistra tamén unha "Veiga da Cereixa" en Muras.

FONTE DA NATA (Roupar)
Posiblemente "nata" teña o significado transparente. Porén, parece encaixar dificilmente unha fonte da nata.
Alternativamente, podería vir de "Fonte de Anada", co cal tería a orixe no tema pre-latino *an(n)-, común en hidrónimos, e que Bascuas  liga co radical céltico  *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anella", "anido" e "aneiro" e similares, xeralmente como hidrónimos. 

A FONTE ROMEU (Roupar)
O termo "romeu" pode corresponder con varias orixes e significados. 
Pode ter orixe no nome personal Romeo, indicando a persoa que posuía o terreo onde está situada a fonte, ou ben que a arranxou como fonte.
Tamén pode ser alcume derivado do adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago. Indicaría, portanto, "a fonte do peregrino".
Alternativamente, poden estar relacionados coa planta así chamada, que ten o nome científico de Rosmarinus officinalis

A FONTE VACARIZA (Burgás) 
Ver  "A Vacariza".

A FONTELA (Burgás) 

A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén as variantes Fontenla e Fontaela.

AS FORCADAS (Xermade)
A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ( "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato, dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
A mesma interpretación dáa Corominas na toponimia catalá, con alta frecuencia dos cognados "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, quer a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

O FORNIL (Burgás)
Este topónimo é analizado por Martínez Lema para o caso de "Forniis", que deriva do plural de *(lugar) fornil (cf. aquí).
Este termo, aínda que inexistente no galego actual, correspondería co francés fournil 'lugar onde se encontra o forno', 'lugar de traballo do panadeiro'. 
Derivaría, xa que logo, de "forno" mediante o sufixo - lis (acusativo - le> -il). Así, Du Cange recolle furnile coa definición "Pars aedis rustica, in qua est furnus, vulgo Fournil".

OS FORNELOS (Xermade)

Os dicionarios de galego rexistran varias acepcións para a voz "fornelo", tanto no sentido orixinario de "forno pequeno" como metafórico de "boquete", tal como ocorre coa acepción de "alacena na parede" (cf. DdD).
A motivación para o topónimo podería ser calquera das dúas indicadas. Por un lado, pode referirse a acepción de "fornos comunais", aínda que semella encaixar máis un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Este é probablemente o caso, por exemplo, do topónimo A Fornela (Cariño), xa que ao pé do lugar atópase a Mámoa de Fornela
Tampouco se pode excluír que faga alusión a fornos de tella, de olas, ou a forxas de ferreiros.

OS FORNOS (Roupar -lugar dos Fornos)
Aínda que o significado da voz "forno" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao núcleo de poboación ao que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos do pan, nun tempo en que non sería común telos en cada casa. Tamén puido aludir a fornos de tella ou de oleiros. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

O FOXO (Burgás)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Frecuentemente, os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Por tanto, o topónimo probablemente aluda a que neste lugar houbo unha trampa (para caza de animais, lobos normalmente) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciño, de San Pantaión e de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso" ("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, mentres que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DA MOA (Xermade)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

A FRAGA DO CANEIRO (Burgás)
Ver "O Caneiro".

O FRAIXO (Xermade -lugar do Fraixo)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
O Nomenclator rexistra outro "Fraixo" no concello de Mañón, e tamén corresponde cun núcleo de poboación, que no século XVII figura atestado como "Freixo" (cf. Toponimia do concello de Mañón).

FRAMIL (Piñeiro)
De *(uilla) Framiri, forma en xenitivo de Framirus, o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe xermánica.
O segundo r queda alterado en l pola disimilación respecto do r da primeira sílaba. De feito o nome Framirus está atestado no galego medieval como Framilo (igual que ocorreu con Ramiro / Ramilo).

FREÁN (Cazás)
De (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, de frauja 'señor'. Aínda que descoñecemos documentación antiga que proben esta orixe para este topónimo concreto, si é coñecida a orixe dun lugar "Freán" existente na freguesía de San Mamede de Carnota que figura atestado no Tombo de Toxos Outos como Frogiam Froyan, o cal proba esta orixe como (case) segura (cf. p. 737 de F. J. Pérez. "Os documentos do tombo de Toxos Outos").

FURCO DE ABAIXO (Lousada)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis, E. Rivas "Frampas").

A GALLA DOS REGOS (Roupar)
AS GALLAS DO REGO (Roupar)
Neste caso "gallas" podería indicar bifurcación, o lugar onde se bifurca o rego.
Alternativamente,  "gallas" pode indicar "pedras, rochas", o mesmo que ocorre en topónimos similares como "O Rego Galludo" en Muras, e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.
Ver entrada de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

GANDÍA (Lousada)
Etimoloxía incerta.
pode vir de *(uillam de) *Wandila, nome de orixe xermánica, indicando o antigo posesor altomedieval da uilla (granxa, explotación agrícola).
A evolución sería a normal no galego: Wandila > Guandila > Guandía > Gandía.

GOÍA (Lousada)

De *(uillla de) Gaudila, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. 
O nome Gaudila corresponde coa forma hipocorística de Gauda
O paso de Gaudila>Goía é normal no galego, coa caída do -d- e do -l- intervocálicos. 
Da mesma raíz atopamos en Galiza tamén o topónimo Goiás (<Gaudilanis, forma en xenitivo de Gaudila).
Este antropónimo está atestado en Galiza, na documentación do Tombo de Sobrado do século X atopamos "hereditate que habemus de patre nostro Gaudila et matre nostra Uistrilli".

A GOLPILLEIRA (Cazás)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'. É de notar o uso extensivo nun pasado de golpello como sinónimo de golpe.
É un topónimo frecuente en Galiza. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

A GRAÑA (Roupar -lugar da Graña)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Máis tarde chegaría a palabra "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

O ILLÓ (Xermade)
O  termo "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso  (cf. DdD). A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. E. Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo.

A INSUA (Burgás, Roupar)
AS INSUAS (Roupar)
Do latín insula. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

A LADRELA (Piñeiro)
Este topónimo tería a orixe no tema hidronímico *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *lat- "pántano, lameiro, lama", o mesmo que ocorre no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera  (cf. J.J. Moralejo, 2008. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II"). De feito, o máis probable é que o río que pasa por este lugar,  afluente do Ladra, tivese antigamente o nome Ladrela, forma en diminutivo común na toponimia para referir o curso alto de ríos ou afluentes (e.g. Sarela do Sar, Sorela do Sor, etc). Dese modo, este lugar tomou o nome do río achegado.
Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "Campo da Ladra" nas Ribeiras do Sor, e xa en Ortigueira temos Ladrido.

A LAGOA (Burgás -lugar da Lagoa, Roupar)
Do latín lacuna 'concavidade, charqueira'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

LANDOI (Cazás)
De (uilla) Nanthoi, derivado do nome dun antigo posesor altomedieval, nome de orixe xermánica. 
A evolución é usual en galego, de feito o mesmo ocorreu co "Landoi" de Cariño, que derivaría igualmente de Nanthoi, o cal está atestado (cf. X. González, 2015 "Apuntes de toponimia de Cariño" in "Terras do Ortegal").
Aínda que máis improbable, tampouco podemos descartar que derive dun *(uilla) Landoi nome igualmente de orixe xermánica.

LEBORÉ (Cabreiros)
De *(uilla) Leoveredi, forma en xenitivo de Leoveredus, o nome do antigo posesor altomedieval da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica.

O LEIRO (Roupar -lugar da Graña)
Un "leiro" defíneo o dicionario como "finca de cultivo", xeralmente coa acepción de "terreo labradío de pouca extensión". "Terreo longo e estreito, destinado polo xeral a horta". Cf. DdD.

LIÑARES (Momán)
Fitotopónimo transparente, remitindo a terras nas que se cultivava o liño, aproveitando a boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A LIÑEIRA (Burgás)
O termo "liñeira" é sinónimos de "liñar, terreo onde se cultiva o liño". Cf. DdD.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

O LODEIRO (Candamil)
O termo "lodeiro" tén dúas acepcións: "Lameira, terreo con lama", e a de "árbore tamén chamada lamigueiro ou lotus" (cf. DdD).
Cremos que correspondería á primeira, aínda que a referencia a unha árbore aíslada, se ben é infrecuente, dáse nalgúns topónimos.
Alternativamente, de Lotariu, nome de orixe xermánica. Porén, levando artigo diante é improbábel.

O LOIMIL (Xermade -lugar do Loimil, Burgás)
De "(uilla) Lodemiri, forma en xenitivo de Lodemiruso nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

LOUSADA (Lousada)
Este topónimo pode aludir ao feito de ser unha casa lousada (con tellado de lousa), en contraposición ás casas pallazas, que serían o normal daquela. 
Isto sería similar ao caso dos topónimos "A Tellada" (Foz) para lugar con casa(s) de tella. 
É interesante notar que parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común.
O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito de cada 15 anos aproximadamente.
Tampouco se pode desbotar que refira a un lugar onde abunda a lousa,  coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.


O MARCO (Xermade)
O nome "marco" indicaría a existencia dunha pedrafita divisoria, quer prerromana, romana ou medieval.

O MARCO DO BISPO (Roupar)
O nome "marco" indicaría a existencia dunha pedrafita divisoria. Neste caso trátase dun penedo.
En canto ao termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

MARÍA ALBA (Roupar)
O nome deste lugar refereriría ao nome dunha antiga propietaria do predio.
O apelido "Albo" tería a súa orixe en Ourol, tal como se deduce da  Cartografía dos Apelidos de Galicia.
O feito de o apelido ser "Alba" e non "Albo" non é problema formal, senón que confirma a antigüidade do topónimo: lembremos  que da Idade Media ata o Séc. XVIII houbo o costume de adaptar morfoloxicamente ao femenino os sobrenomes das mulleres (cf. A. Boullón, 2017. "La antroponimia en Galicia en el siglo XVIII", in Namenkundliche Informationen 109/110). 
Como topónimo tamén atopamos un lugar chamado "María Arteira" en Frexulfe (O Valadouro) e outro "María Amada", así como "María Amiga" en Xove, así como Mariñalba tamén en Xove.

AS MARIÑÁS (Burgás -lugar das Mariñás)
Posiblemente o nome deste lugar derive dun antigo posesor chamado Marinianus, nome de orixe latina.
Alternativamente, aínda que menos probable, indicando terras onde se atopa sal.

MARMOIRAL (Cazás)
Os topónimos "Marmoiral", "Marmoirais", "Marmural" e "Marmoural", frecuentes en Galiza e Portugal, parece indicar antigas necrópoles, ou tamén zonas de mámoas.  
Nalgúns casos, a relación é clara, como no caso de "Marmoirais" en Cabeceiras de Basto (Portugal), correspondente cunha zona de mámoas (cf. aquí)
O profesor J. M. Piel ao estudar este topónimo derivouno de "memorial", por cruce con "mármore". Cf. aquí e aquí.
Aínda que o nome parece levar a un latín marmorearius 'marmorista', este topónimo non parece ter ningunha relación directa co "mármore". 

OS MARTELOS (Xermade -lugar dos Martelos)
O termo "martelos" posiblemente indique a existencia dun batán ou mazo hidráulico, quer para bater o liño ou tamén para labores de ferreiro.

MAZANDOI (Piñeiro)
É clara a orixe do nome desta poboación nun antropónimo, un nome de posesor altomedieval, dada o sufixo -oi que presenta. No entanto, é difícil, sen coñecermos atestación antiga, cal sería o nome que o orixinou, dado que o sufixo -oi pode indicar orixes distintas.
Semella plausible que proveña de *(uilla) Macedonii, dun antigo posesor chamado ou alcumado  Macedonius. Existen un Manzoi en Muras (cf. "Toponimia Muras") e outro en Carballido (Lugo), así como outros chamados Mazón e Mazoi.
No caso que nos ocupa, o mantemento do -d- intervocálico semella difícil, en canto que o movimento da nasalidade para a segunda sílaba non é extraordinaria, ocorre por exemplo en "menciña".
No caso de Santalla de Mazoi, figura atestado como Macedoni no ano 760, e como Maceoi no 1088 (cf. "Nomenclator toponímico Medieval da diócese de Lugo", in Lucensia núm. 5, 1992).

Aínda que apenas como mera hipótese, poderíamos interpretalo como Mansu *Andoi, un mansus pertencente a un posesor chamado Andoi, nome de orixe xermánica. Aínda que este nome non o atopemos documentado, o sufixo é frecuente na antroponimia xermánica galega, e o prototema and- tamén  figura en Andila, Andao e Andeán, xa tratado por J. M. Piel. Cf. p. 131 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

A respecto de "mansu", o termo do baixo latín mansus figura na documentación medieval (cf. s.v. en Du Cange, "Glossarium Mediae et infimae latinitatis", s.v.) cun valor equivalente ao de uilla ‘casa de campo, incluíndo as construcións achegadas e os terreos’.
Os mansus eran tamén chamados os  terreos cedidos a colonos a cambio dunha renda

MEDE (Cazás
Posiblemente de *(uilla) Metii,  forma en xenitivo de Metius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.

O MEDEIRO (Xermade)
O medeiro é a pequena meda que se fai no terreo cos mollos antes de os levar para a meda. Segundo Rivas Quintas, o "medeiro" distínguese da "meda" ou "medeira" en que esta é a que se fai co conxunto de todos os mollos traídos dos distintos medeiros. Tamén rexistra a outra acepción de "medeiro": a eira na que se pón a meda. Cf. DdD.

O MEIRIÑO (Momán)
Do latín  maiorīnus 'pertencente ao maior'.
O nome "meiriño" indicaba antigamente un "empregado xudicial'  ou un 'maxistrado de funcións semellantes ás dos correxedores'.
Alternativamente, aínda que mais improbábel ao levar o artigo, do mesmo nome como antropónimo Maiorīnus (cf. p.294 Kajanto).

MIRAZ (Miraz)
Probablemente  de *(uilla) Mirachi, forma en xenitivo de Mirachius, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). É un nome rexistrado no Medioevo. (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
En efecto, figura atestada no ano 998 como "villa Miraci": ".. in Saure, circa aula muris, villa Miraci ..", que cremos que correspondería con " .. na comarca do Sor, preto da igrexa de Muras, vila Miraz..". Cf. páx 408 de "España sagrada"tomo XL.

Alternativamente, de *(uilla) Mirazi, forma en xenitivo do nome do antigo posesor. Piel-Kremer, # 185, 6a,  derivan un conxunto de nomes de *Mira(ne), entre eles o patronímico Mirazi, documentado en 981 e en 1078 en documentos portugueses;  califícano como "patronímico con sufixo especial"; tamén figura, este topónimo  "Miraz", documentado como Mirazi en 1033.

A MODIA (Burgás)
AS MODIAS (Xermade -lugar das Modias)
O termo "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida. Descoñecemos o lugar concreto.

MOMÁN (Momán)
Este topónimo remite probablemente a unha *(uilla) Medumani,  forma en xenitivo de Meduma, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. Esta hipótese foi defendida por Miguel Costa (cf. "Freguesias da Terra Chá", Frornarea).

Por outro lado, J. M. Piel interpretouno como  derivado de *(uilla) Mummiani forma en xenitivo de *Mummianus (cf. J. Piel. "Nomes de "possessores" latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa").


Na busca da interpretación máis plausible, se reparamos na documentación medieval, atopamos esta freguesía atestada como Mooman, o cal descarta practicamente a hipótese de Piel e reforza a indicada por Costa.

En efecto, nun documento en castelán de 1488, indicando as contribucións á guerra de Granada, figura:
      ".. San Mamed de Mooman dos mill mor.."  (cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ").

Finalmente, indicar que aínda que o nome Meduma teña orixe xermánica, isto non nos di nada da etnia do posesor, xa que os nomes desta orixe eran comúns  en Galiza na Alta Idade Media.


OS MONTES DA GRAÑA (Roupar)
Ver "A GRAÑA".

OS MONTES DE COUZANCHO (Roupar)
Composto de "Couce Ancho".  O termo "couce" neste caso viría de calce "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

MUÍÑO DO PAPEIRO (Burgás)
Muíño dun antigo propietario apelidado ou alcumado "Papeiro". Na Idade Media xa está atestado como apelido (cf. e.g. aquí).
Rivas Quintas rexistra a acepción de "tonto" para papeiro, alén da de "persoa afeizoada ás papas", probablemente en sorna pola importancia dada ás papas antigamente (cf. E. Rivas aquí). 


ORXÁS (Lousada)
Plural de "orxal", terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo.

O PAGO (Burgás)
OS PAGOS (Burgás)
O termo "pago", do latín pagus, indica un terreo ou aldea.

PAIDAVELLA (Roupar -lugar de Paidavella)
Probablemente remitindo a un antigo posesor do lugar que se chamaría "Paio da Vella". Aínda que menos probable, é posible que alternativamente proveña dun "Piago da Vella".

A PALLOTA (Momán)
O apelativo "pallota" indica un "alpendre", e tamén "choza feita de táboa e pallas" e "palleiro". Cf. DdD.

PALMAZ (Roupar -lugar de Palmaz)
De *(uilla) Palmacii forma en xenitivo de Palmaciuso nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Este nome figura en Kajanto, e está atestado no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).

A PANDA (Roupar, Piñeiro)
Unha "panda" é unha lomba, un terreo combado ("pandado").

A PANDELLA (Roupar -lugar da Pinguela)
Diminutivo de "panda". Ver "A Panda".

O PAPEIRO (Burgás)
Probablemente referido ao alcume dun antigo posesor. Ver "Muíño do Papeiro".

O PAPELLE (Burgás)
Posiblemente de *(agru) Pappelli, dun antigo posesor chamado *Pappellius, nome de orixe xermánica.
Porén, tamén podería derivar de "O Papello", por relaxación do "o" despois de palatal. De feito, existe tamén en Burgás outro sitio chamado "O Papeiro", que podería estar relacionado.

AS PARRUGUEIRAS (Xermade -lugar das Parrugueiras)
Significado e orixe incerta. 
Podemos pensar na acepción común de "parrugueira", sinónimo de "borralleira", talvez relacionado coa actividade das rozas. Se fose ese o caso,  tería un uso similar aos topónimos "Cernada".
O Nomenclator rexistra tamén "As Parrugueiras" en Muras, "A Parrugueira" en Vilalba, así como "O Parrugueiro" en Xove. Ademais, é interesante notar a existencia dun "O Parrugal" en Cariño e mais dun "O Parrogal" no Vicedo, que semellan abundanciais, que dan por tanto conta da existencia dunha antiga voz *párruga, ou talvez *párrega.
Por outro lado, tendo en conta o topónimo Parga  de Guitiriz, que está atestado na Idade Media como Parrega, tamén podemos pensar que estean relacionados e teñan unha orixe nunha mesma base prerromana.

A PASADIÑA (Piñeiro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, no Vicedo, en Xove, en Ferrol.

A PATEIRA (Xermade)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións. Para un topónimo, as de mellor encaixe son as de "pequena lagoa ou poza na que paran os patos selvaxes", e mais a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) no que se crían patos, capóns, etc". Cf. DdD
Tamén A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima"). Igualmente Joseph M. Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
En conclusión, trátase dun zootopónimo que remitirá a un lugar no que paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que alí habería.
A PEDRALBA (Xermade)
Composto por "pedra alba". O termo "alba" correspondería co adxectivo latino alba 'branca'. 
Alternativamente, aínda que improbable, "Alba" podería derivar da forma paleoeuropea *alv-, frecuente en hidrónimos. Cf. pp. 271 e 275 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O PEDRÓN (Lousada, Roupar, Burgás, Momán)
Segundo os dicionarios, o apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo (cf. DdD).
Os topónimos "Padrón", "Pedrón" e "Padornelo" fan moitas veces referencia a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV:
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.
Por veces estes "Pedrón" (ás veces "Padrón") corresponderían con demarcacións de territorios na época medieval. 
Corominas apunta a posibilidade de que algún deles remonte en realidade a un celtismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PEICELLE (Xermade)
Etimoloxía incerta. Pode estar relacionado con "Paidavella" (ver entrada correspondente).
Para a orixe, podemos pensar en tres alternativas:
1) podería referirse a "terras dun antigo posesor chamado Paio Celle". No entanto, este apelido non figura no CAG nin atopamos documentado, polo tanto semella improbable.
2) pode tratarse da evolución do latín pagum Celii, un "pago" dun antigo posesor chamado Celius.
3) finalmente, tamén pode vir de Pelagium Celii, un "piago" dun antigo posesor chamado Celius.

O PELAIMO (Xermade, Roupar -lugar da Graña)
Posiblemente referido a "Pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.
O Nomenclator rexistra un  "Polaimo" en Muras, no Viveiró, un  "Rego do Polaimos" e "Palaimo" en Ourol e "Os Polaimos" en Mañón.

A PENA DA NEBRA (Roupar)
O apelativo "nebra" é unha variante de "néboa". Indicaría, por tanto, unha pena frecuentemente coberta pola néboa.

A PENA DE ARCA
 (Cazás)
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. As "arcas" ou "mámoas" eran usadas frecuentemente como marco entre dúas comunidades, e por iso, ás veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

A PENAMUSGA (Lousada)
Forma derivada do sintagma "pena musga". O termo "musga" probablemente adxective a pena como "musgada", no sentido de "chea de musgo". Sería unha formación similar á "Pena Hedra" (Alfoz), que ten a sinónima "Pena Hedrada" (Xove).
O Estraviz dannos outras acepcións para "musga", como a de sinónimo de "fronza, que encaixaría, e tamén a de adxectivo remitindo a "que ten as orellas curtas", que tamén podería encaixar metaforicamente.
Con todo, a primeira das opcións, remitindo ao musgo, semella a máis probable.

PEPÍN (Cazás)
 De (uilla) Peppini, forma en xenitivo de Peppinus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola),  nome hipocorístico de orixe xermánica (a mesma orixe que a dos antropónimos dos reis francos Pippins Pippinus Minor). 
Non tería, por tanto, este antropónimo ningunha relación co actual "Pepe".

O PEREIRO (Burgás)
A súa orixe pode estar relacionada con pirariu (árbore) ou con petrariu ("pedreiro"). 
Con documentación antiga ou co coñecemento da orografía da zona, podería ser diferenciados parte deles.

A PESQUEIRA (Burgás -lugar da Pesqueira)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se capturan salmóns e outros peixes, polo xeral perto dos muíños ou aceñas. 
En concreto, unha "pesqueira natural"  designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial"  designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras  xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. aquí).
Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cachoeiras ou fervenzas (cf. DdD).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.

A PÍA (Lousada -lugar da Pía)
Unha "pía" é unha "pedra escavada en forma de vaso".
Podería encontrarse labrada na pena, quer por acción erosiva quer pola acción do home (e ser, por tanto, un petróglifo).

A PICHA (Burgás)
A PICHA DA SILVA (Xermade)
Á parte do significado do órgano sexual, o apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". Hai cerca de 400 topónimos rexistrados , todos co sentido de "lugar polo que sai a auga".
Para o vocábulo "Silva", ver "A Silva".

O PICOUCELO (Candamil)
O nome deste núcleo de poboación vén do diminutivo de "Picouzo", co antigo sufixo diminutivo -elo.
O topónimo "picouzo" é frecuente en Galiza. Deriva de "pico", "a parte máis elevada ou aguda de algo". A orixe de "pico" é discutida, quer de orixe prerromana, talvez céltica, *pikk-, quer do latín piccum.

A PIGAROA (Momán)
Termo de orixe paleoeuropea, da mesma raíz que o río Pígara, estudado por E. Bascuas (cf. aquí).
Derivaría da raíz indoeuropea *peig- /*peik- 'coloreado, de varias cores'. Indica Bascuas que sería paleoeuropea e non céltica, pois Pokorny non rexistra ningunha palabra céltica con esa orixe. Non sería unha raíz da hidronimia, senón que sería aplicada pola cor das augas (ou dos fondos do río), tal como acontece no caso do "río Pinto".

Tanto Bascuas como outros autores interpretan "Pigaroa" como diminutivo de "pígara",   co sufixo -ŏla (< -oa) engadido á  base indicada *pígara (cf.  C. Pérez "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015). Tal como ten analizado Bascuas, é frecuente o uso dos termos en diminutivo para indicar a parte alta dun río ou ben un afluente.


O PIMPÍN (Roupar)
Probablemente de orixe onomatopeica, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber  lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc, reforza esta hipótese.
Esta hipótese parece confirmarse tendo en conta que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

A PINGUELA (Roupar -lugar da Pinguela)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa o mesmo que "pimpela", "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte". Cf. RAG.
É un topónimo relativamente frecuente, por exemplo no concello veciño de Muras.

PIÑEIRO (Piñeiro)
O nome deste núcleo de poboación podería ser un fitónimo, indicando a existencia da árbore deste nome, aínda que é pouco probable, ao tratarse dun núcleo de poboación.  Tamén podería ter orixe no xentilicio Pinarius, nome do antigo posesor.  O non levar artigo o nome tamén reforza a hipótese previa.

A PIPELA (Roupar -lugar da Graña, Burgás)
O mesmo que pipelo e pimpelo, remite a unha fontaíña que mana un fío de auga ou que pinga, simplemente. cf. DdD.

O PLANTÍO (Roupar)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Posiblemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

OS POLAIMOS (Roupar)
Plural de "Polaimo", o mesmo que "pelaimo". Ver "O PELAIMO".

PORTALOUSA (Xermade)
Probablemente, o nome deste núcleo de poboación, dada a abundancia de topónimos "Porto-" neste concello, esteamos frente a un antigo "Porto da Lousa", indicando un porto ("pasaxe") feito de lousa por onde se cruzaría o río ou regato, concretamente o "Rego Zapateiro". Notar que, dada a situación do lugar, non procede que se refira a un porto de montaña.

PORTO DE ARCA (Xermade)
PORTOCASTRO (Roupar)
PORTOSILVA (Xermade)
Un porto, neste contexto, refire a un paso de montaña ou de río. 
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Para "arca", ver "A Pena de Arca". 
No caso de Portocastro, parece indicar a existencia dun castro neste porto de montaña.
No caso de Portosilva, o termo "silva" posiblemente tivese a acepción antiga de "fraga", "bosque".

A POUPARIÑA (Momán)
Este  núcleo de poboación comparte topónimo coa veciña Poupariña das Pontes, así como cun terreo en Ourol.
Tendo en conta o significado portugués de poupa 'bubela' (lat. 'upupa'), Joseph M. Piel, interpretou os topónimos "Poupa"  e "Poupariña" como nomes da "bubela", se ben non se mostra convencido (cf. J. M. Piel, par. 37 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tal como escribiu Piel, "Ich lasse es bei dieser auswahl bewenden" ("déixoo na selección").

O PRADO DA MOA (Xermade)
Ver "A Fraga da Moa".

O PRADO DA VESURA (Lousada)
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. RAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

O PRADO DO MINGOLO (Roupar)
Ver "O Campo do Mingolo".

OS PRADOS VERDES (Xermade)
O significado talvez sexa o transparente, referido á cor dos prados.
Porén, hai outro topónimo "A Chousa dos Verdes" que non parece corresponder co significado obvio (ver máis enriba).
Alternativamente, de "Prados Verde", derivado do Viridiixenitivo do nome Viridius.

PREANES (Cazás)
Derivado de "Pero Eanes", nome dun antigo posesor, do mesmo xeito que existe Xaneanes en Lobios e en Celanova, e tamén en Portugal, así como  Esteveanes, Gonçaleanes , etc ..
O apelido Eanes foi polo xeral en Galiza transformado para a forma castelá "Yáñez".

O PREITO (Roupar -lugar da Graña)
Referido a disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

QUEIXADO DE TRAS DO MURO, O (Burgás)

Este topónimo, igual que os relacionados Requeixo, Queixoiro, Queixeiro, Queixada, Queixa,  son derivados do latín vulgar *capsĕŭm ‘da forma de caixa’. 
A motivación para o topónimo sería, por tanto, metafórica aludindo un lugar cun relevo de características análogas do "queixo" humano. ou sexa, cunha parte chá rematando nunha pendente pronunciada.

Etimoloxicamente, Edelmiro Bascuas interprétado doutro modo, e relaciona Requeixo co hidrónimo *rek-, tema que explica o termo rego e derivados (cf. E. Bascuas, 2000. "Rego y requeixo. Una pervivencia hispana de la raíz ind. er- ‘moverse", in Verba 27).

Tamén poderíamos interpretalo como "terreo pertencente a unha persoa referida como "Queixeiro", de oficio ou alcume, aínda que é máis improbable.


A RAMALLEIRA (Roupar -lugar do Aguillón, Xermade)
Lugar frondoso, onde abundan os ramallos, as árbores pequenas ou os arbustos. Cf. DdD.

A REBORDELA (Burgás, Xermade)

Posiblemente, de "Reboredela", diminutivo de "reboreda". Indicaría, por tanto, unha pequena carballeira. Cf. p. 1257, N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.

O REBOREDO (Roupar -lugar do Reboredo)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo”  vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial.

A REGA (Roupar, Roupar -lugar da Agra, Burgás, Lousada)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, ver E. Bascuas aquí.

O REGO DO MAZO (Roupar)
Rego no que houbo un "mazo" ou "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

REGO DO PAPEIRO (Burgás, Cabreiros)
Probablemente referido ao alcume dun antigo posesor. Ver "Muíño do Papeiro".

O REGO DO ROCÍN (Xermade)
O termo "Rocín" ten unha etimoloxía incerta. Podería vir do termo do apelativo "rocín", "cabalo de traballo", aínda que non semella axeitado para un topónimo.
Alternativamente, pode ser undo latín Russini, xenitivo de Russinus, antropónimo rexistrado na Hispania.
A existencia doutro "Rocín" na viciña parroquia de Silán (Muras) parece confirmar esta hipótese, posiblemente derivados ambos do mesmo posesor.

O REGO DO SAPO (Cazás)

Os topónimos "Rego de Sapo(s)" son frecuentes en Galiza. 
Aínda que o máis probable sexa que corresponda co significado obvio, tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).

REGO DOS ILLÓS (Xermade)
Ver "O ILLÓ".

O REGO MOSQUEIRO (Lousada)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A REGOÑA (Burgás)
Regoña deriva de "rega". O dicionario defínea como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. DdD.

O REGUENGO (Cabreiros)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. DdD.
O nome provén do latín tardío regalengum 'real, pertencente ao rei, patrimonio do rei'. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. "Grande Dicionário da Língua Portuguesa", 452).

A RENDA (Burgás)
Podería indicar o pago dunha renda ou foro. 
Tamén podería provir do latín ranetam, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966. Tamén cf. Martínez Lema p. 232 aquí).

A RIBALTA (Roupar)
Composto de "Riba alta", indicando unha ribeira elevada.

RÍO CHAMOSELO (Roupar)
Río que nace en Xermade e desauga no Eume ao seu paso polas Pontes. O nome responde á forma en diminutivo antigo de "chamoso", que podería provir de flammosus 'ardente, inflamado' ou de clamosus, no sentido de 'rumoroso, resoante'.
O máis axeitado para un topónimo semella, sen dúbida, a de clamosus "rumoroso", que encaixaría perfectamente no caso de ser o río o que dese o nome ao núcleo de poboación. Esta é tamén a opinión de Nicandro Ares, para o caso do antigo Condado de Chamoso, no Corgo (Lugo), para o que atopou documentación antiga, aínda que aparece tanto como Flamosus como Clamosus.

O ROCELLO (Xermade)
Diminutivo de "roza", "monte que se cava ou ao que se lle queima a broza para cultivalo". Esta é a opinión tamén de Rivas Quintas, que o define como "Monte bajo con esquilme". 

ROSENDE (Cazás)
De (uilla) Ranosindi, forma en xenitivo de Ranosindus, nome de orixe xermánica. que correspondería co nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).
Hai outro "Rosende" no veciño concello de Xermade. Descoñecemos se gardaron relación.

ROUBÍN (Xermade -lugar de Roubín)
Posiblemente de *(uilla) Raubiniforma en xenitivo de Abonelli, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. Aínda que non estexa documentado este nome na Galiza, si está no século XIII na Bélxica (cf. aquí)

ROUPAR (Roupar)
De *(uilla) Rauparii, forma en xenitivo de Rauparius, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. 

A ROXEDOIRA (Burgás)
Significado e orixe incerta. A priori semella claro: de "ruxidoira", relativo ao ruído do lugar, pola auga que discorre ou polo vento ao soprar. Lembremos que a voz "ruxidoira" é sinónimo de fervenza.
Porén, hai tantos "Rexedoira" como "Ruxidoira/Roxedoira, co cal queda a dúbida se este topónimo foio antigamente un "Rexedoira" tamén.
Se ese for o caso gardaría relación coa acción de "rexer" ("gobernar"), e por tanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna. 
O Nomenclator rexistra case 60 topónimos Rexedoira/o, Rexedora, Rexidoira/o ou Rexidoura, fronte a uns 50 Ruxida, Ruxidoira/o, Roxedoira/o ou Roxideira/o. Vendo estas cifras, semella improbable que a deturpación Roxedoir@ > Rexedoir@ fose maioritaria, polo que Rexedoira e Rexedoiro(s) semellan ter surxido como tales, e por tanto non teren en xeral relación con "ruxir".

A ROZA (Roupar, Burgás, Xermade)
Lugar onde se practicaba a "roza" (do latín ruptea). A agricultura da "rozas" consistía en queimar un monte ou terreo inculto para despois cavalo e sementar trigo ou centeo  aproveitando a vexetación queimada como abono.

AS ROZAS VEDRAS (Cazás)
O termo "vedra" é sinónimo de "vella", derivado do latín uetera.

A RÚA (Burgás)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘enruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982).

A SAGRADA (Burgás)
Topónimo que alude a unha finca situada preto do "sagrado", que designa as terras arredor da igrexa, tanto fosen adicadas a cemiterio como se non.

SANCHE GRANDE (Piñeiro)
SANCHE PEQUENO (Piñeiro)
De (uilla) Sanctii, forma en xenitivo de Sanctius, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. 

A SEARA (Burgás)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado.
Ten orixe prerromana, derivada dunha forma sénara. Corominas asígnalle unha posible orixe celta, talvez de sena ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna).
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

O SEO (Cazás)
Significado e orixe incerta.
Podemos interpretalo como derivado do latín sinu ‘curvatura',  co cal se referiría na toponimia a unha depresión no terreo. De feito, queda rexistrada no dicionario de Constantino García como "depresión cerrada en terreo chao onde conflúen no invierno algunhas augas que desaparecen no verán”.
Atópase tamén un "Vilardeseo" en Rábade, para o cal Paulo Martínez Lema dá a indicada interpretación (cf aquí).

SEQUITO (Burgás)
Etimoloxía incerta. Podería non ter que ver cun castelanismo, senón cun termo prerromano. Neste sentido, é importante notar a frecuencia de topónimos con sufixo -ito nesta comarca, tais como Leganitos e Pepito, séndolle a este sufixo por veces atribuída unha orixe céltica.

O SEIXIDO (Xermade -lugar do Seixido)
Lugar no que abundan os seixos.

OS SEIXOS BRANCOS (Roupar)
Probablemente indique lugar onde abundan os seixos brancos. Nalgún dos casos, dos frecuentes topónimos "Seixos Brancos", indica unha colocación polo ser humano deses seixos, en relación con túmulos neolíticos.

O SERRÓN (Roupar)
O topónimo "Serrón" aludiría, en sentido figurado, a unha "montaña apuntada e larga".

AS SERVENTÍAS DE ARRIBA (Roupar)
AS SERVENTÍAS DE ABAIXO (Roupar)
Unha "serventía" é un lugar dunha finca suxeito a dereito a paso por persoas alleas, xeralmente para traballos agrícolas.

SESULDE (Burgás -lugar de Sesulde)
De (uilla) Sisuldi, forma en xenitivo de Sisuldus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. 
En efecto, J. Piel, que menciona este "Sesulde" específico de Xermade, e o interpreta como derivado da raíz gótica sis-, de sisus 'canto fúnebre' e máis wulthus 'esplendor' (cf. p. 346, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). 

A SILVA (Xermade -lugar da Silva)
O termo "silva" neste caso, ao ser singular, non correspondería co significado actual do apelativo, senón co significado orixinario do latín silva 'bosque, fraga'.

A SILVEIRA VELLA (Candamil)
Probablemente, o termo "silveira" neste caso non correspondería co conxunto de plantas "silva", senón co latín silvaria "fraga desbrozada para o cultivo; lugar boscoso".

A SILVELA (Xermade -lugar da Silva)
Alusión a unha pequena fraga ou bosque. En efecto, ao ser "silvela" a forma antiga de diminutivo, xa substituída no galego medieval, o significado do apelativo "silva" non sería o actual, senón co significado orixinario do latín silva 'bosque, fraga'.

O SISTO (Xermade -lugar do Sisto)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.


Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987. Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que nos leva a rexeitar de pleno esta hipótese.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOBREBREA (Burgás)
Composto de "Sobre Brea", lugar "situado por riba de Brea". 
Ver "Brea"."

O SUMEIRO (Cabreiros -lugar do Sumeiro)
Podería derivar de "sumir" "absorber, empapar" (cf. DdD), co que indicaría un "terreo que se encharca" ou similar. A palabra "sumir" tén orixe incerta.  Corominas deriva "sumir" do latín sumere, e rexeita completamente que derive de submergere, afirmando que "por razones fonéticas es imposible". 

Por outro lado, hai unha acepción en portugués para "sumeiro" de "sumento, cheio de suco", ou sexa "zumento" (aínda que non a atopamos nos dicionarios clásicos, senón en ). En calquer caso é dubidoso, pois sería estraña a pronuncia "sumeiro" frente á esperada de "zumeiro".
Alternativamente, do latín summarius, no sentido de "cume, outeiro, o lugar máis alto". Rivas dálle esta acepción (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala"). No entanto, non o atopamos recollido en ningún dicionario de galego.

A TARAÑEIRA (Roupar -lugar da Graña)
O TARAÑEIRO (Roupar)
O termo "tarañeira" indica 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así outro  Tarañeira en Guitiriz, e Taraños en Cedeira e Mañón, etc.

A TARROEIRA (Xermade)
O mesmo que no caso do topónimo "Tarrual", lugar onde abundan os"terróns" ou "tarróns".

O TAXÍN (Burgás)
Podería derivar de *(agru) Taginii, forma en xenitivo de Taginius, nome do antigo posesor medieval do terreo, nome de orixe latina, tal como indica Piel, aínda que con dúbidas (cf. "Tagim" en p. 358, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI)
Porén, a presenza do artigo pode apuntar alternativamente para un apelativo que tería sido usado noutros tempos. Así, podería derivar da base hidronímica paleoeuropea  *tag-, derivada da raíz *ta- 'derreterse, fluír lentamente'. Aínda que Bascuas non menciona este caso concreto, si menciona amplamente a base *tag-, incluíndo o topónimo Taxes (Louro, Muros). 


TEIXIDO (Lousada)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

A TORRE (Burgás -lugar da Torre)
O termo "torre" nestes topónimos non sempre se refire estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

O TOUTELO (Piñeiro)
No dicionario "toutelo" é definido como "mota, montículo que se eleva a modo de mámoa". Cf. DdD.

A TOUZA (Cabreiros)
A TOUZA VELLA (Cabreiros)
O termo "touza" tén un significado  "Espesura de rama baixa, mato, bouza". Tamén tén outra acepción de "viveiro de árbores, devesa, bosque de carballos". Cf. DdD.

AS TRÉMOAS (Burgás)
Probablemente de (terras) trémoas, indicando terras pantanosas, moles, que "treman" coas pisadas.

A TRENZA (Roupar)
O apelativo común "trenza" non parece ter moita aplicación na explicación dun topónimo, polo tanto podemos moi seguramente desbotar tal orixe.
Podería explicarse como formada a partir de "Tenza", por influencia do apelativo "trenza". O substantivo "Tenza", derivado do latín tenentia, figura definido nos dicionarios galegos como "cada a súa faixa de terreo que na división periódica dos montes comúns das freguesías lle é adxudicado a cada veciño", ou ben "faixa de terra, segregada doutra maior, por medio de marcos ou fitos e sen intermisión de valado ou parede". En efecto, Gonzalo Navaza rexistra o topónimo "Trenza" na fala do Ourovello, e asígnalle tal orixe (cf. G. Navaza, "A toponimia do Ourovello" - Toponimia de Paderne).
Atopamos outro "A Trenza" en Vedille (Muras).

O UZAL (Lousada, Momán)
O apelativo "uzal" indica un lugar no que abundan as uces. Noutras zonas chámase "barcial" (de barcia) Cf. DdD

A VACARIZA (Piñeiro) 
O termo "vacariza" é recollido polos dicionarios de galego cos significados de "curtidoría de peles" e tamén co de "curral de vacas". Cf. DdD e Estraviz.

O VEDRO (Roupar)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 
Alternativamente, de "(agro) vedro", do latín  vetulu 'vello'. Incluso habería a posibilidade remota de que refira a un lugar onde abunda a planta chamada "bredo" ou "bedro",  do latín blitum ("Amaranthus blitum"). Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".

O VERDEAL (Xermade)
Posiblemente de "o (agro) verdeal", do latín verdenalis, terra de cor que tira a verde, do mesmo xeito que existe "A Rubial", que tira á cor ruba. O Nomenclator rexistra un "A Verdeal" en Muras.

A VESURA (Lousada, Miraz)
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. RAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

O VIEIRO (Lousada)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga (cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

Por outra banda, Nicandro Ares interprétao como derivado de viarius "referido a vía, camiño, verea", ou incluso ao antropónimo Viarius (cf. p. 835 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega", 2011). 

VILACIDE (Cabreiros, Candamil)
De "Uilla Citi",  flexión en xenitivo de Situs, forma romanizada do árabe Sîd 'señor', á súa vez derivado de Sayyid
O nome Cito é atestado na Idade Media, así en 1036 atopamos:
"... in Villa de Alvarios, hereditate de Cito, ..." (cf. p.406, tomo XL de P. Florez. "España Sagrada")

O VILAR (Roupar , Roupar -lugar do Vilar, Momán)
O VILAR NOVO (Burgás)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). 
A orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados é máis ben agronímica, máis que de núcleos habitados. Na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". 
Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.
Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes".  Esta é a acepción xeral que ten en Xermade, de feito hai múltiples microtoónimos deste nome, que non aluden a núcleos de poboación, tales como O Vilar de Rego, O Vilar de Xemaré, O Vilar do Agro Vello, O Vilar do Aruxo, O Vilar do Carballal, O Vilar do Pedrido de Abaixo, O Vilar do Pedrido de Arriba, O Vilar do Portonovo, O Vilar do Queixado, O Vilar do Río, O Vilar do Sisto, O Vilar Novo, O Vilar Cativo, O Vilar da Cancela, O Vilar da Ferreira, O Vilar da Fonte, O Vilar da Fonte Vacariza, O Vilar da Igrexa, O Vilar da Pena Vaqueira, O Vilar da Presa, O Vilar de Abaixo, etc.

O VILAR DE CARTAS (Barreiros, Reinante)
O topónimo "Cartas", frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.
Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.
Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

O VILAR DE GOCENDE (Xermade)
De *uillare de Godesindi, dun posesor medieval chamado Godesindus, nome de orixe xermánica (cf. P. Martínez. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012).

VILARIÑO (Xermade -lugar do Vilariño)
Pequeno vilar. Ver "O Vilar".


O VISO DAS CAVADAS (Xermade)

Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". 
Con respecto de "Cavadas", referiría ao correspondente labor agricola que se fai nun lugar previamente a bravo ou monte.

O XARDÍN (Roupar)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979).

No entanto, talvez algún "Xardín" poida vir de *(uilla) Sardini, a forma en xenitivo de Sardinus, indicando un antigo posesor, con nome de orixe xermánica. O antropónimo Sardinus está rexistrado en Galiza, cf. CODOLGA.


XEMARÉ (Burgás -lugar de Xemaré)
Probablemente teña orixe en (uilla) Uimaredi, xenitivo de Vimaredo, nome de orixe xermánica.
O nome Vimaredo era frecuente na Idade Media (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).
Porén, é de notar a estraña evolución do fonema inicial: en galego non representa unha evolución normal a de /guimaré/ > /ximaré/, que se interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimaré", con gheada. No entanto, nesta zona onde se ubica este topónimo non hai gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares. Isto tamén o indica Boullón Agrelo, estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada (cf. A. Boullón "A gheada na onomástica (achegas á estandarización)", Estudos de lingüística galega, 2012, nº 4).
Existen múltiples topónimos con esta estraña evolución, como Ximarei en Cospeito, que ten a mesma orixe, así como Ximará en Alfoz,  Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, etc. 


XERMADE
 (Xermade)
O topónimo fai referencia ao nome do antigo poseedor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
En concreto, tal como postula Miguel Costa (cf. frornarea), viría de (uilla) Ieremiati, como flexión vulgar en xenitivo do nome bíblico Ieremias,  nome atestado na Galiza na época medieval. En efecto, para o apelido "Andrade", Nicandro Ares, citando a Gradgent, considérao derivado dun *Andreati, que sería unha flexión vulgar de xenitivo para Andreas (o mesmo que abbas, abbatis, Cucuphas, Cucuphatis, Thomas, Thomatis). Cf. p. 262 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I.  2011. 
Alternativamente, tamén poder provir de *(uilla) Germinati, forma en xenitivo de Germinatus, nome de orixe latina. Esta foi a opinión de J. Piel, que cita tamén os exemplos de Xermeade, en Muíños (Ourense) e en Palas de Rei (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos na toponímia galego-asturo-portuguesa", in Biblos). Tamén é seguida esta opinión por Nicandro Ares. A evolución Xermeade> Xermade, encaixaría, sendo análoga á de Andreade>Andrade.
Elixio Rivas indica a existencia doutro topónimo Xermade, correspondente a un lugar de Cangas (Pontevedra) (cf. E. Rivas, "Onomástica persoal do noroeste hispánico").

Puido existir outra poboación deste nome no concello de Bergondo ou no de Paderne, dada a frecuencia deste apelido nesa zona (cf.  "CAG"s.v. "Germade").


O XERMIL (Xermade)
De (fundus) Gelimeri, forma en xenitivo Gelimerus, o nome do posesor medieval, nome de orixe xermánica.

O XESTEIRÓN (Roupar)
O topónimo remite a un lugar onde abundan as xestas.

A ZAIPA 
(Miraz)
Alén deste Zaipa, encóntrase ademais a "Medoña da Zaipa". Por el pasa o "Rego de Zaipa". Tamén existe o topónimo Zapia en San Miguel de Reinante, e "Veiga de Zapia" en Ribadeo. Semella que estamos fronte dun hidrónimo, algunha referencia a augas, talvez charca ou similar.
Podemos aventurar que Zaipa e Zapia deriven dunha forma prerromana *Sal-ap-p-ya , hidronímico de orixe indoeuropea, cun significado de 'charca, arroio da charca, lagoa' . Estaría composto polas raíces indoeuropeas *sal- 'sal, auga estancada' e  *ap- 'auga, río' .
A evolución de *Salappya para Zaipa non presenta ningunha particularidade (*Salappia>Saapia> Zapia>Zaipa)
A hipótese desta orixe en *Salappia é detallada na entrada Zaipa Mirachi  do blog Pena da Cataverna.

A ZALAROIA (Momán)
Pensamos que o nome deste núcleo de poboación deriva dun hidronímo formado por un composto de orixe prerromana indoeuropea.
Aventuramos unha orixe en algo similar a *sal-l-ar-owia, composto que incluiría a raíz indoeuropea *sal- 'auga estancada, sal', xunto con "*aroia", que viría tamén dun elemento hidronímico paeloeuropeo, neste caso *ar-u-, da raíz *er- 'fluir', estudada por Bascuas (cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Ver máis detalles na entrada de blog Pena da Cataverna.

ZARRACÍN (Momán)
Posiblemente de (uilla) Zarraquini,  forma en xenitivo de Zarraquinus, hipocorístico de Zarracco, nome de orixe basca e indicando o antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Cf. p. 147 de L. Koutnesova "Antroponimia Medieval privativa de la península Ibérica" in "Onomástica galega: con especial consideración da situación prerromana".  2007. Da mesma opinión é Miguel Costa aquí.

Alternativamente,  pode provir de (uilla) Sarracini, flexión en xenitivo do nome persoal Sarracenus. Indica Boullón Agrelo que, aínda que  como nome propio inicialmente tivese unha connotación étnica, finalmente deixou de ser representativo de tal orixe (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).


Da mesma opinión foi Piel, así como E. Rivas (915), tanto para "Zarracín" como para "Sarracino" (976, 1065), "Sarrazino" (1055), "Serracino" (978, 1080), en Portugal, León e Asturias (cf. E. Rivas,1991. "Onomástica persoal do Nordeste Hispano").

Así mesmo, Pascual Riesco indica na provincia de Salamanca unha aldea próxima a Ledesma, Sarraçin (1335), que coincidiría coa actual Peñasarracín, tamén coñecida como Peñacerrecín o Peñazarracín.


----------
NOTA BENE: Por agora, alén da toponimia maior, somente engadimos os microtopónimos das parroquias de Xermade, Roupar e Burgás, ao seren os únicos que proporciona a Xunta no Nomenclator.

Ningún comentario:

Publicar un comentario