mércores, 1 de xaneiro de 2014

Compilación de toponimia de XERMADE



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
___________________________________________________________


A ALOULADA (Cabreiros)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome dunha antiga posesora deste lugar.
O dicionario define o adxectivo "aloulado" como 'que discorre ou se move con torpeza'.

A AUREANA (Piñeiro)
Este núcleo de poboación, que rodea o Rego de Porto Vello, ten un nome de interés toponímico.
Foi analizado por Edelmiro Bascuas, nun dos seus estudos de hidronimia prerromana, e postulou que, ou ben remite ao alcume "aureana" 'que recolle pebidas de ouro no río', ou ben deriva do apelativo de orixe prerromana  aura 'auga' (cf. p. 190 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

O Nomenclator rexistra outro Aureana en Fafián (Sarria), á beira do río Sarria. Tendo en conta a repetición, parece que a hipótese de ser un alcume é máis plausíbel, pois o mantemento do -n- intervocálico ten sentido para referencias persoais ("paisana", "fulana") mais non tería tanto se fose un derivado de "aura".
Finalmente indicar que semella improbábel que o "Aureana" de Fafián remita a este, ou á inversa, pois distan máis de cen quilómetros.

A ABELLEIRA (Xermade, Lousada)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". Polo xeral o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

Aínda que o apelativo "abelleira" tamén corresponde coa "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.
Tampouco podemos desbotar unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

ABOELLE (Xermade)
De *(uilla) Abonelli, forma en xenitivo de Abonelli, remitindo ao nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un  nome de orixe xermánica. 

Alternativamente, o nome do posesor podería ser Bonellus en vez de Abonellus, xa que Abonellus non o atopamos na Hispania e si atopamos Bonellus. Non sería un caso infrecuente o engadido de a- frente a consonante.

A ADRA DO REGO TRAVESO (Roupar)
Unha "adra" é "a parte que correspondeu a cada veciño cando se dividiu un monte comunal" (cf. DdD).

A AGRA (Roupar-lugar da Agra)
Unha "agra" é definida polo dicionario como "finca labrantía de certa extensión e cha, ou conxunto de heredades labrantías, xeralmente de varios donos, cerradas de arredor" (cf. DdD).

O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.
Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager").

O ALBELO (Roupar)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor destes terreos.
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado no séc XIII:
"..Johan martiz dito aluelo.."   (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

Hai un "Cerrado de Xan Albelo" en Cervo que confirma que na zona tamén foi usado este sobrenome, talvez de apelido. O Nomenclator rexistra outros na zona, como O Albelo no Burgo (Muras).

É de notar que, nalgún caso, o adxectivo "albelo" ("branquiño") tamén podería estar caracterizando o terreo como de cor "tirando a branco", talvez pola existencia de barro ou caolín.

A ALDEA (Piñeiro)
A voz "aldea", de orixe árabe (do andalusí aḍḍáy’a), aínda que con difusión tardía no galego, a partir da súa introdución tivo unha gran difusión, tendo 134 ocorrencias na toponimia galega (cf. A. Boullón, 2021. "Panorama da toponimia galega (a través dos seus nomes máis frecuentes)", in Estudos Linguísticos e Literários 71).
En efecto, non aparece na documentación galega ata o séc. XII, e en referencia a núcleos galegos aparece no século XIII:
in aldea de Pineyra de predicto monasterio” a.1223, Ferreira de Pallares.
En galego mantivo o significado semellante ao que tiña en árabe: ‘núcleo pequeno de poboación, de carácter rural e con poucos veciños’.

O ALTO DO VISO (Roupar)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". Cf. DdD

O ALTO DO FIOUCO (Miraz)
Este lugar está atestado no 1753, no Catastro de Ensenada para Miraz:
         ..."fuente o ylló nombrada defiouco"...

AMEIXIDO (Lousada)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Lousada (1753), e formaba un Coouto separado.
O nome remite a un lugar onde abundan (abundaron) as ameixeiras, árbore que dá "ameixas" (latín damascena).

A AMENTA (Roupar -lugar da Agra)
A AMOSA (Cabreiros)
Os topónimos Amenta e  Amosa teñen orixe prerromana, e inclúen o coñecido radical  hidronímico indoeuropeo *am ‘canle, suco, cavar’, a partir da cal Krahe relaciona un bon número de ríos europeos.
O profesor E. Bascuas estudou a frecuente ocorrencia deste radical en Galiza, incluíndo ocorrencias como Amosa, Amio, Amoá, así como o apelativo "ameneiro", "amieiro" (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 207 e ss.).

Por outro lado, Navaza inclúe en xeral os topónimos "Amosa" como abundancial de amieiro, un ameneiral (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").  A evolución *amenosa >  amosa encaixa en galego, aínda que nesta zona  é máis común a forma "ameneiro" ca "amieiro".
Hai outras "Amosa" en Recaré, en Galdo (Viveiro), en Camanzo, en Ollares, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), en Moeche (A Coruña), etc. 
Para Amenta, o Nomenclátor rexistra outa Amenta en Calvos de Randín (Ou), aí como Pedra Amenta en Santiago de C.

ANDRADE (Burgás)
No caso concreto deste "Andrade" de Burgás, tendo en conta que na época medieval o Conde de Andrade era dono das parroquias de Xermade e Burgás, é ben probable que remita á linaxe deste conde, derivando de "(lugar dos) Andrade".

Tamén pode derivar directamente dunha (uilla) Andreati,  xenitivo de Andreas, un possessor dunha uilla 
altomedieval (granxa, explotación agrícola). De feito, o mesmo Xermade vén dun Iermiati, tamén flexión en xenitivo, de Ieremias. Nicandro Ares indica outros exemplos desta flexión vulgar de xenitivo, tales como  Abbas - Abbatis, Cucuphas - Cucuphatis, Thomas - Thomatis (cf. páx. 262 de  "Estudos de toponimia galega". Vol I. N. Ares, 2011). 

A ANELLADA DA ESPERADA (Roupar)
AS ANELLADAS (Roupar)
O topónimo "Anellada" non ten que ver co termo castelán anilla, senón que posiblemente teña a orixe no tema pre-latino *ann-, que Bascuas  liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anilleira", "anido" e "aneiro". 
Para "da Esperada", ver "A Esperada".

O ANGARRÓN (Roupar)
Significado e orixe descoñecidas. 
Talvez podería vir de Arangón por metátese.

A ANGUIEIRA (Roupar)
Lugar onde abundan as anguías.

OS ANOVADOS (Roupar -lugar da Pinguela)
Terreos gañados ao monte. Derivado de "anovar", que define o dicionario como "convertir un monte en labradío ou terreo."

A ANTOA (Piñeiro)
Talvez referido ao nome de muller  "Antoa" (hipocorístico feminino de Antón), ou ben ao diminutivo de "anta" (dolmen), tal como defenden varios autores.

Como nome persoal, "Antoa" xa figura documentada no 1377 (cf. aquí), e aínda en uso no século XIX, rexistrada por exemplo en Vilalba unha "Antoa do Ferreiro" (cf. aquí).

Alternativamente,  autores como Cabeza Quiles e posteriormente Pérez Capelo interpretan "antoa" como diminutivo de "anta", denominación popular dos dólmens do período megalítico.  A esta forma "anta" procedente de antae e con abundante presenza na toponimia engadiríaselle o sufixo -ŏla na formación deste topónimo "Antoa" (cf.  C. Pérez Capelo "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).

O ARANGÓN (Xermade -lugar de Arangón)
O topónimo "Arangón" é  de orixe prerromana, probable derivado da raíz hidronímica indoeuropea *er-, 'fluír, moverse'.
Aínda que non foi explicitamente incluído por E. Bascuas na lista de derivados desa raíz, si foi incluído outro de morfoloxía próxima, "Arangaño" (cf. p. 97 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

O ARUXO (Roupar -lugar do Aruxo, Cazás -lugar do Aruxo)
O topónimo "Aruxo" é de orixe prerromana, e relacionado con correntes de auga. E. Bascuas derívao de *aruwio, da raíz indoeuropea *er-, 'fluír, moverse' (cf. p. 40 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A ARMADA (Roupar -lugar da Armada)
Unha "armada" refírese a unha trampa para cazar animais.

ARMIL (Lousada)

De *(uilla) Hermemiri, forma en xenitivo de Hermemirus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe xermánica. 
Igualmente o nome de posesor puido ser Aremiro, ou Ermildo, tamén de orixe xermánica. Porén, foi máis frecuente o primeiro indicado, o cal documenta o CODOLGA, coas variantes Ermemiro  e Hermemiro en documentos dos séculos X a XII. O Nomenclator rexistra tamén Armilo (Barreiros), da mesma procedencia.

ARREDOR DOS VERDES (Xermade)
Ver "A Chousa dos Verdes".

A ARREDOADA (Burgás -lugar da Arredoada)
Do verbo "arredoar", coas dúas acepcións: "rodear, ir arredor" e "redondear".
O Nomenclator rexistra outro "Arredoada" en Viveiro, así como "A volta da Arredoada" que confirma o significado indicado.

A AVEEIRA (Roupar)
A AVIEIRA (Roupar -lugar da Graña)
AVEÁS (Roupar -lugar de Aveás)
As voces aveeira e "aveal" remiten a lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

A AZOREIRA (Roupar -lugar da Azoreira)
No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado :
        ..."rego da Azureira"...
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

BADOI (Burgás)
De *(uilla) Baddoni, sendo *Baddo o nome do antigo posesor da uilla (casal, explotación agrícola).
O  nome Baddo sería un hipocorístico de orixe goda. Como se sabe, a declinación -o, -oni é frecuente nos nomes de orixe xermánica, especialmente nos monotemáticos hipocorísticos - cf. e.g. A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VIII–XII)"
En efecto, a orixe da raíz Bad- foi xa analizada por J. M. Piel, que postulou  para o topónimo "Bade" unha procedencia en Badde, xenitivo tamén de Baddo, nome de orixe gótica. Para Baddo, derívao como forma cariñosa de Baldo, formado a partir do elemento gótico bald- 'audaz'. Cf. p. 223 e ss. de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

Os datos do Nomenclator son coherentes con esta hipótese: no veciño concello das Pontes existe un núcleo de poboación chamado Badón, que encaixa coa mesma orixe. 

AS BALOIRAS (Roupar)
Grafía alternativa por "Valoiras". 
 Os topónimos Valoira, relativos a "val", inclúen o controvertido elemento -oira, que se lle teñen dado múltiplas interpretacións, desde mera sufixación ata asocialos á cor do ouro. Segundo nós, moitos dos topónimos coa terminación en -ouro/a e en -oiro/a aluden a castros ou a corgas. Neste caso concreto, remitiría a un "Val do Castro" (cf. X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas-Parte I"). 
É interesante, en liña coa interpretación que indicamos de Val do Castro, que efectivamente esta Baloiras se atopa preto do Castro de Castrillón ou Castrillán.

A BALSA (Roupar -lugar da Torre)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
O profesor F. Villar derívaa da raíz indoeuropea *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana").
Alternativamente, podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

OS BARBEITOS (Xermade)

O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

A BARRASCA (Roupar -lugar da Pena Vaqueira)
Significado e etimoloxía incertas.
O dicionario de galego de Aníbal Otero define "barrasco" e "barrascada" como "chaparrón". Cf. DdD. Porén, non parece encaixar cun topónimo, o mesmo que non existen como topónimos **Chuvasco ou **Borrasca.
O dicionario portugués recolle "barrasco" e "varrasco" como sinónimos de "verrón", "porco non castrado destinado á reprodución" (cf. Priberam).

O BARRO (Burgás -lugar do Barro)
O nome deste núcleo de poboación pode ter o significado obvio referido ao elemento natural dese nome, mais tampouco se pode descartar que se refira a un outeiro ou a un lugar moi pedregoso, e derive dunha raíz prerromana *bar- 'altura' (cf. Cabeza Quiles aquí).

O BATÁN DO LESTE (Xermade)
O BATÁN DO OESTE (Xermade)
O BATÁN NOVO (Xermade)
O termo "(muíño do) batán" deriva do latín battere, bater, golpear. Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo. Os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BATOI (Cazás)
Este microtpónimo, considerando a terminación -oi propia da antroponimia, remitirá ao nome dun antigo posesor, moi probablemente dunha uilla altomedival (estabelecemento agropecuario) que debeu existir nese lugar.

En canto ao nome concreto, é complicado de decidir.  Podería provir do nome xermánico Vitta, a partir do xenitivo medieval Vittoni, ou directamente dun Vittoi. O nome Bettoy está documentado a comezos do séc XI:
[...] de Uermudo et de sua mulier Bettoy [...] a. 1001, GuimarãesCartulário (CODOLGA)


BAXÍN (Roupar -lugar de Baxín)
Deriva de  *(uilla) Bagini, forma en xenitivo de Baginus, nome do antigo posesor (e talvez fundador) da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que deu orixe ao actual núcleo de poboación. É un nome de orixe céltica, de feito é o nome dunha divindade céltica.
O Nomenclator rexistra outro "Baxín" no veciño concello de Muras.

OS BESTILLEIROS (Roupar)
O termo "bestilleiro" e "besteiro" designa un soldado que usaba a "besta". Estando neste caso flexionado en plural, parece referirse a uns agros que antigamente pertencerían a un "bestilleiro" ou que tiña ese alcume, ou ese apelido, documentado como tal desde a Idade Media.Como apelido, xa figura atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). No entanto, non é un apelido frecuente nesta zona, segundo o CAG.
Aínda poderíamos pensar nalgún tipo de destacamento militar medieval, pero semella pouco probable para este lugar concreto.

O BEQUE (Roupar -lugar da Casanova)
Debe remitir ao antigo apelido  Oveque dun posesor do lugar. 
En Momán existen tamén  "A Chousa de Xanaveque", que aludirá a un antigo posesor  Xan Oveque (ou Xana Oveque).
Este apelido deriva de nome persoal. 
O apelido Oveque figura atestado xa no 1218:
".. , testis et confirmat; Fr. Petrus Oveque, ..." (cf. CODOLGA).
É frecuente, xa desde o século X o apelido Ovequiz
" ..  Rudericus episcopus cf., Munio Ouequiz ..." (cf. CODOLGA).

O topónimo Beque é frecuente na comarca de Ferrol, aínda que tamén aparece noutras zonas de Galiza.
Cremos descartábel a orixe que postulou Rivas Quintas para os topónimos "O Beque", "Os Beques" e "Os Bequiños" do céltico becc-/bicc-/picc- 'punta'  (cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín"). Da mesma opinión que Rivas foi Cabeza Quiles. Porén, a maioría destes topónimos aparecen en terreos mixtos, ou incluso prados, co cal a interpretación probábel é a que indicamos ao comezo.

A BIRTA DA RIBEIRA (Burgás)
A BIRTA GRANDE (Burgás)
O dicionario define "birta" como "cano" ou guía dos canos nun regadío. O verbo "britar" ou "birtar" é definido como "quebrar, fracturar".
Por outra banda, o dicionario de Sobreira recolle en Ferrol a acepción de "porción pequena de monte, cerrada por si soa" (cf. DdD).

O BOUCELLO (Roupar -lugar do Boucello)
Diminutivo de "bouza".

BREA (Xermade)
De "vrea" ("verea", "vereda").

BROSENDE (Xermade -lugar de Brosende)
De (uilla) Berosindi, forma en xenitivo de Berosindus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

BURGÁS (Burgás)
Est lugar está atestado en 1124 como "Sancta Eolalia de Burganes" (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo...". 1999).
No final do século XVI figura como Burgans, reflexando aínda unha pronuncia con nasalidade (cf. T. Gomez, 1829. "Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI").

J. M. Piel derivara os topónimos Burganes, Burgás, Burgán do apelativo "burgo". 
Por outro lado, Bascuas interpretouno como hidrónimo de orixe antigo-oeuropea, da forma *burga, derivada da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir'. Así, burganes indicaría unha zona de burgas, quer de auga quente ou de simple fervenza (cf. p. 35 e 36 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega"). Bascuas asigna a mesma orixe para o cognado "Burganes" en Zamora.

Finalmente, Miguel Costa derívao de *(uilla) Burgalanis, forma en xenitivo de Burgala, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica (cf. blog Frornarea)

Cremos que, neste caso, pese a autoridade de Bascuas, debe tratarse dun nome de posesor, por dous feitos:  
-- tanto este Burgás como o de Ourol, como o de Chantada, os tres corresponden con entidades de poboación, e o mesmo ocorre con  "Burgáns" en Cambados e "Burgán" en Tordoia. Pola contra, non atopamos ningún "Burgás" ou "Burgáns" corresponden cunha entidade de poboación. 
--Tampouco ningún leva artigo, que indicaría un posíbel uso apelativo. 
Dado o anterior, todo leva a que se tratan de nomen possessoris, en liña coa interpretación indicada de M. Costa. 

BUSCALTE (Roupar -lugar de Buscalte)
No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado :
 ..."en el sitio de Buscalte de abajo"...   
..."otro en el sitio de Buscalte de ariva"...

Probablemente se trate dun sintagma composto coa voz "busto", lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
En canto a "-Calte", remitindo ao nome de posesor, en xenitivo como é habitual nestes casos, non é clara cal sería a orixe específica.

BUSTO REDONDO (Lousada)
O termo "busto" indica lugar para pasto, "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas'  (cf. Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (cf. IEW: 482).

O BUXATEIRO (Xermade)
Lugar onde abundan ou aniñan as aves chamadas "buxato".

CABREIROS (Cabreiros)
Alusión transparente, ao oficio dos antigos poboadores.

O CADAVAL (Xermade, Roupar, Burgás)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé" (cf. DdD).

O CADRO (Lousada,Momán, Miraz)
O CADRO DO MUÍÑO (Roupar)
OS CADROS (Roupar)
Topónimos que probabelmente remitan á disposición chá e rectangular do terreo, á forma cadrada da leira, fronte ao máis xeral de forma alongada. 
En efecto, aínda que os dicionario de galego inclúan a acepción de "establo, corte", se observamos a localización dos topónimos "Cadra" de Foz, Barreiros, Muras, así como a d'As Cadras" en Lousame, derívase que en todos os lugares se refire a fincas rectangulares chás, e en ningún caso ten edificacións nin parece encaixar o lugar para que as tivese.
Non podemos descartar, no entanto, que poida aludir aos restos dunha edificación en cadro, en ángulo recto, e remitir talvez a restos romanos (a planta dunha vila ou outro edificio) ou dun castro. Estas cementacións en escuadra resultarían pouco comúns para os poboadores da Idade Media. En efecto, Pascual Riesco asígnalle esta orixe arqueolóxica a varios "Escuadro" existentes na provincia de Zamora e noutras (cf. P. Riesco, 2019. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, ...").

O CAL DA VALIÑA (Roupar)
O termo "valiña" é o diminutivo de "val". Antigamente o termo "val" era feminino, de aí esta forma.

A CALEIRA (Roupar -lugar da Azoreira Nova)
Indica "lugar onde se extrae o cal, ou forno onde se queima o cal". Cf. DdD.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presenza dunha única planta.

A CALOUSADA (Roupar -lugar da Calousada)
Do composto "Casa Lousada". A existencia de "Casteita" en Muras e de "Casateite" en Mañón reforzan esta interpretación do topónimo.

O CALVARIO (Burgás, Xermade)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPO DE PERNAS (Xermade)
Campo pertencente a unha persoa apelidada "Pernas". Este apelido tivo a súa orixe neste concello, tal como se pode inferir dos datos do CAG.

O CAMPO DO MINGOLO (Roupar)
O termo "Mingolo" é un hipocorístico de Mingos ou Domingos, aludindo ao antigo propietario.

O CAMPÓN (Roupar -lugar da Torre)
Un "campón" designa un "prado de secano de moita extensión" (cf. DdD).

A CAMPOSA (Roupar -lugar da Torre)
A CAMPOSA LONGA (Roupar)
A CAMPOSIÑA (Roupar)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CAMPOSA DE CORSINA (Xermade)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).
En canto ao termo "Corsina", pode vir do nome ou alcume de antiga posesora.

CANDAMIL (Candamil)
De *(uilla) Quendamiri, forma en xenitivo de Quendamirus, aludindo ao nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.

OS CANDEDOS (Roupar)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde abundan os "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen os cognados Cándano, Cándana, Candanal, etc.

A CANDIEIRA (Momán)
Cremos que o nome deste núcleo de poboación deriva de "candaeira" (>candeeira > candieira), o mesmo que "candedo", lugar onde abundan os "candos". Neste senso, tamén Martínez Lema cre que ten que ver coa presenza no lugar de varas de uz secas, usadas para alumar e que xeralmente eran penduradas da gramalleira da lareira (cf. Toponimia de Begonte).
Por outro lado, Gonzalo Navaza interpreta os derivados toponímicos deste substantivo como lugares utilizados para obter algún tipo de combustíbel vexetal, como frouma ou similar (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). 
O Nomenclator rexistra un "Candieiras" en Foz.

O CANEIRO (Burgás -lugar do Caneiro)
Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (cf. M. Sarmiento, 1746-1755. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de Valladares dalle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:
"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."(cf. M. Valladares, 1884. "Diccionario gallego-castellano").
Tamén se recolle para "caneiro" a acepción de "canizo", pero tería menos encaixe nun topónimo.

O CANELO (Roupar -lugar do Campo)
Diminutivo de "cano" 'canle'.

O CANTEIRO (Burgás)
A voz "canteiro" pode aludir a unha persoa dese oficio ou dese apelido. De feito, o apelido "Canteiro" xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

Alternativamente, podemos interpretalo como derivada de "canto", ben no sentido de "recuncho" ou no de "pedra grande non labrada". O dicionario de  Carré Alvarellos recolle esta acepción de "recuncho", remitindo ás voces Canto e curruncho (cf. L.  Carré, 1951. "Diccionario galego-castelán"). 

OS CANTELOS DO ROCÍN (Xermade)
Un cantelo, diminutivo de canto. Neste contexto, o termo "canto" significaría un lugar esquinado, un recuncho. Ver "O Cantón do Coxo" para máis pormenores.
En canto a "Rocín", remite ao antigo posesor. Ver O REGO DO ROCÍN.

O CANTÓN DO COXO (O Burgo)
Formalmente esta voz corresponde co aumentativo de "Canto", ben na acepción de "recuncho" ou ben na de "pedra grande non tallada".
Aínda que os dicionarios de galego non recollen acepción ningunha que encaixe coa toponimia, si figura recollido no vocabulario do galego usado na zona das Médulas (León), no que a voz "cantón" se define como ‘Terreo valdío, pedregoso’ (cf. aquí).

O CAÑOTO (Piñeiro)
O termo "cañoto" significa o mesmo que "canoto", " talo de certas plantas como a col ou o millo". Outra acepción é a "parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta".
Para un topónimo, encaixa interpretalo como aludindo ao alcume ou apelido dun antigo posesor do lugar. Como apelido, xa figura atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). No entanto, non é un apelido frecuente nesta zona, segundo o CAG.
O Nomenclator rexistra unha pena Os Cañotos no Valadouro, e unha aldea en Barreiros.

O CAPEIRÓN (Cazás)
Figura atestado no Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía:
  ..."molino quese nombra do Capeyron"..
Este topónimo debe aludir ao apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Capeirón xa figura rexistrado como capeyron no ano 1300 (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
O dicionario de Eladio Rodríguez define "capeirón" como "capa longa e grande" (cf. E. Rodríguez (1958-1961) "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

A CARBA (Lousada)
O dicionario define "carba" como "especie de carballo, de folla miúda e má calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro".

OS CARBALLÁS (Candamil, Xermade)
Un "carballal" fai referencia un  lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

A CARBALLOSA (Cabreiros, Cazás)
O topónimo alude a un lugar poboado de carballos.

OS CARPIZOS (Cazás)

Aníbal Otero recolleu a voz "carpizo" co significado de carpanza, posiblemente a Cistus hirsutus (cf. A. Otero, 1977. "Vocabulario de San Jorge de Piquín").

O CARRACEDO (Burgás)
O CARREGAL (Cabreiros)
Os topónimos Carracedo, Carrizal e Carregal  remiten a lugares nos que abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos. A voz carregal procede do latín *carricale, derivado de carex, carrizo.
É de notar que a forma "carregal" é máis antiga que as formas "carracedo" e "carrizal", que xa derivaron directamente da forma galega "carrizo".

A CARREIRA (Burgás, Xermade)
O apelativo "carreira", presente no galego, remite a unha (vía) carreira, un camiño feito para a pasaxe de carros ou incluso á presenza de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria,  feminino  do  adxectivo  carrarius,  derivado  do  substantivo  carru (> galego carro), un termo céltico que incorporou o latín.

O Nomenclátor rexistra o topónimo A Carreira noutros 44 concellos galegos, así como a forma en plural As Carreiras, nos concellos do Barco de Valdeorras, Lalín, Mañón, Monfero e A Pastoriza. Tamén encontramos ambas singular e plural sen artigo Carreira  en  Ames,  Padrenda,  Ponteareas,  Taboada  e  Zas;  e  Carreiras  en  Lalín,  Lobeira e Pontecesures. Alén diso, forma parte de nomes de lugar compostos, como Bocacarreira (Begonte), A Carreira Vella (Outeiro de Rei) ou Ponte Carreira (Frades). 

CAS CELA (Roupar)
CASCHAO (Cabreiros)
CAS DIEGO (Roupar -lugar de Cas Diego)
CAS GARCÍA (Xermade -lugar de Cas García)
CAS MASEDA (Roupar)
O termo "cas", de uso común na zona, é apócope de "casa","na casa de",  e é análogo ao francés  chez ou o catalán ca'n. Ao termo "cas" segue o nome, alcume ou apelido do propietario da casa.
Para Cas Maseda, o apelido "Maseda", xa figura atestado en Galiza no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Segundo o CAG, é un apelido frecuente na Mariña, e parece inferirse que tivo a súa orixe no concello do Valadouro.
Para Caschao, o apelido Chao é frecuente en toda a zona, particularmente en Ourol e Muras.

CASA GRANDE, A (Miraz)
Os topónimos "Casa Grande" xeralmente aluden á antiga presenza dunha casa señorial. Ao tratarse dun lugar preto da Torre de Miraz, tampouco podemos descartar que se referise aos "(terreos pertencentes á) Casa Grande" e non á construción propiamente. Descoñecemos a historia local, que axudaría, obviamente, a confirmar ou desmentir a hipótese.

A CASADEDRA (Candamil)
Composto de "Casa de hedra", casa en ruínas.

CASAL (Lousada, Roupar, Roupar -lugar da Torre)
Voz transparente, que procede do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASÓN (Miraz, Xermade, Burgás)

A voz "casón" é o aumentativo de "casa". Moitas das veces "casón" deba interpretarse como aludindo a unha "casa grande", no sentido de "casa señorial".
Para o caso de Miraz é claro, pois o Casón atópase ao pé da Torre de Miraz; dous topónimos que se clarifican un ao outro.

O CASÓN DE GUIZÁN (Xermade)
O termo "casón" remite a unha casa grande, casa señorial, ver O CASÓN.
Canto a Guizán, pode tratarse do apelido ou pode remitir á existencia dunha uilla altomedieval.
O apelido Guizán é detoponímico, derivado dun sitio que tivo ese nome, o cal alude ao nome dun posesor dunha (uilla) Guizani. Trátase da forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica, da raíz gótica *weis- 'sabio', tratado por J. Piel en topónimos portugueses como Guizoi e Vizoi (cf. p. 55 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo IV)

Examinando a frecuencia do apelido Guizán, inférese que o apelido debeu ter a orixe en Xermade, polo que cobra forza que remitise a un oriúndo deste Casón de Guizán. 
Hai un CURRO DE GUIZÁN nesta parroquia, e tamén hai catro terras Guizán en tres freguesías de Vilalba, pero ningún é núcleo de poboación. Queda, pois, en dúbida cal foi o Guizán inicial que deu nome ao apelido dos posesores de todos estes lugares.
Xa sen máis relación que a etimolóxica, atópase un Guizás en Monterroso (Lu) e un Guizáns no Entrimo (Ou).  En Cedeira hai un  Quiza que puido ter a mesma orixe.

O CASTELO (Cazás)

Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRILLÁN (Roupar)
Está atestado como "Castrellan" no Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os límites da freguesía.
Composto derivado de Castru Iuliani, remitindo a un castro dun posesor chamado Iulianus.

O CASTRILLÓN (Xermade)
Derivado do apelativo "castro". Aludirá á antiga existencia dun castro. 
O dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como 
"vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).

O CASTRO (Cabreiros, Burgás, Roupar -lugar de Sucastro)
OS CASTROS (Roupar -lugar da Pinguela)
A voz "castro", do latín castrum 'castelo, fortaleza', designa un poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016, p. 73. "Historia de Galicia").

É de notar que no caso das poboacións que conservan este topónimo, moitas veces non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas.
Coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III.

CASTRORRAMIL (Momán)
De *Castrum Ranamiri, castro dun antigo posesor altomedieval chamado Ranamirus, nome de orixe xermánica. 
Ver "O CASTRO" para máis detalles.

AS CAVADAS (Xermade -lugar das Cavadas)
Alén do significado máis común referido a "terreo que foi cavado, xeralmente para dedicalo a cultivo", o apelativo "cavada" tén a acepción antiga de "foxo" (cf. DdD), do latín caua 'gabia, cova'.
O  alemán G. Schulz, a mediados do século XIX, describía un método de cultivo que consistía nas "rozas" ou "cavadas”, usado en montes e zonas pendentes do oeste de Asturias e parte de Galicia 
cuya cubierta vegetal se cava, seca y quema una vez cada cierto número de años, sembrando y recogiendo una cosecha de trigo, a la que sirve de abono la ceniza de la vegetación quemada”. 
Sería, por tanto, un sinónimo de "rozas".

CAZÁS (Cazás)
A orixe do nome estaría en (uilla) Cazanis, forma en xenitivo de Caza, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un  nome de orixe xermánica.
Está atestado como S. Iuliani de Cazanes en 1077 (cf. p. 377 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
No 1527 aparece como Caçanes no Censo de Pecheros. No final do século XVI xa figura como Cazans, reflexando aínda unha pronuncia con nasalidade (cf. T. Gomez, 1829. "Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI").

AS CERNADAS (Cabreiros)
O termo "cernada" vén de *(terra) cinerata. Significaría, portanto, "as terras queimadas", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza: nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Escribiu Risco: 
"Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (V. Risco, "Terra de Melide").

No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado tamén un "Zernada" nesa freguesía.

O CERQUEIRAL (Piñeiro)
Vén atestado como "zerqueiral" no Catastro de Ensenada de Piñeiro (1753) ao describir os muíños da freguesía.
Este topónimo ten o significado de "lugar onde abundan os cerqueiros". O "cerqueiro" designa unha árbore da mesma familia que o carballo (cf. DdD).
Este topónimo foi recollido xa por Gonzalo Navaza con este significado (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006). 
O Nomenclator rexistra outro "Cerqueiral" en Salceda de Caselas (Pontevedra), así como o plural "Cerqueirás" en Coristanco (A Coruña).

O CEPETAL (Xermade)
Referido a un lugar onde abundan os cepos, os troncos remanentes das árbores cando se cortan.
O apelativo "cepo" procede do latín cǐppŭm ‘poste’.
Existen outros "O Cepetal" en Muras, Galdo, etc. Existe tamén "O Zopetal" en Muras.

A CERVEIRA (Piñeiro)
Topónimo transparente, indicando a antiga presenza de cervos, en abundancia ou criando.
O sufixo -eira neste caso actúa, tal como indicado, como abundancial, o mesmo que ocorre con topónimos como Leboreira (lebres), Lobeira, Coelleira, Golpilleira (raposos), etc.

É de notar que para os topónimos con raíz Cerv- tamén poden ter orixe prerromana. Por exemplo, os Cervantes, Cervaña, Cérvora, Cervia (a actual Servia), considerando os sufixos que inclúen: -nt-, -aña, -ora, -ia, semellan típicos da hidronimia paleoeuropea. Moralejo para o topónimo "Cervantes" postula unha orixe na raíz indoeuropea *(s)kerbh- 'afiado', da que deriva a forma protocelta *kerbo- 'puntiagudo, afiado', ou o letón skarbs 'afiado, agudo' (e tamén o inglés sharp). Naqueles casos indicaría, por tanto, unha elevación do terreo ou un terreo rochoso. 

Volvendo ao topónimo "A Cerveira", nada indica a priori que non se trate da orixe indicada ao comezo deste artigo.

Vén atestado no Catastro de Ensenada de Piñeiro (1753) ao describir os muíños da freguesía.

AS CHAFARICAS (Xermade)
Posiblemente "Chafaricas" se refira a "casopas, cabanas" neste contexto.
O termo "chafarica" non está rexistrado no dicionarios de galego, aínda que si "chafarico" 'casopa, tenderete' (cf. Estraviz). Por outro lado,  "chafarica" figura en portugués, co significado de 'taberna, baiuca'.
Tampouco podemos desbotar unha interpretación como sinónimo de "chafariz" 'fonte', pois tanto a chafariz como a chafarica se lles asigna unha procedencia no apelativo árabe hispano  ihrīǧ 'fonte, poza'.
En conclusión,  cremos que debe interpretarse como "casopas, cabanas" neste contexto, xa que, dada a súa ocorrencia en plural (tanto neste caso como noutros na xeografía galega), non parece probábel que nun pasado existisen varias tabernas no mesmo lugar.

OS CHOUPILLÓS (Burgás)
Posiblemente derive do sobrenome "Choupillón" dun antigo posuidor estes terreos, un alcume en relación a choupar. A formación sería típica na toponimia, cun posesivo adxectival (Os terreos de Choupillón = Os Choupillós)
De feito, o alcume Choupeiro xa figura rexistrado no séc. XIV  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
O Nomenclator rexistra outros topónimos que deben estar relacionados, tamén como alcume do posesor, denominados O Choupín en Ribadeo e Choupín en Viveiro.

A CHOUSA DE NOIA (Xermade)
Debe remitir ao apelido Noia dun antigo posesor desta chousa.
Este apelido vén do topónimo "Noia", o cal foi estudado por Bascuas, que o deriva da forma paleoeuropea (pre-céltica) *noigw-. da raíz indoeuropea *neigw'lavar' (cf. E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006: 354).

A CHOUSA DE PERNAS (Xermade)
Chousa pertencente a unha persoa apelidada "Pernas". Este apelido tivo a súa orixe neste concello, tal como se pode deducir dos datos do CAG.

A CHOUSA DE XANABEQUE (Momán)
Derivado de "Xan Oveque". Ver "O BEQUE" para máis detalles.

A CHOUSA DO CANEIRO (Xermade)
Ver "O Caneiro".

A CHOUSA DO ILLOA (Xermade)
Posiblemente "Illoa", neste caso, estea relacionada con "illó", "terreo pantanoso, parte dunha finca que é máis húmida que o resto do terreo e case sempre está mollada". Cf. DdD.
De feito, E. Bascuas menciona un "Illoa" en Monterroso documentado en 11285 como Viloa.
É, por tanto, un hidrónimo de orixe prerromana, paleoeuropea, derivado da raíz indoeuropea *wel- 'xirar, virar' (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega": 142).

A CHOUSA DOS VERDES (Xermade)
O significado non semella referir á cor dos prados.
Probablemente aluda á pertenza a unha persoa de apelido Verde ou Verdes. De feito o apelido Verdes xa está atestado en Galiza no século XIV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). Segundo o CAG, este apelido é frecuente na actualidade na Terra Chá, mentres que o apelido "Verde" é máis frecuente na provincia de Pontevedra e sur da Coruña.

O CHOUSO DE GONZALBO (Xermade)
Un chouso é unha pequena chousa. Neste caso, indica a que foi antigamente pertencente a Gonzalvo, nome de orixe xermánica.

O COCHÓN (Roupar)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". 
Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
O Nomenclator rexistra outro "Cochón" no viciño concello do Valadouro.

A CODESEIRA (Burgás, Xermade)
O CODESEIRO (Burgás)
O "codeso" é unha planta da familia das leguminosas, similar á xesta. En singular,remite a un lugar onde abunda esta planta. Nos casos de "codeseira", "codeseiro" ou "codesal", igualmente remiten a lugar onde abundan os codesos. 
O codeso, tamén chamado cítiso e piorno, é o nome dunha especie de arbusto, semellante á xesta (Adenocarpus complicatus, aínda que tamén se dá este nome a outras especies como o Adenocarpus hispanicus e o Adenocarpus viscosus) . 
Indicaba Marcial Valladares que 
"Crece en casi todos los montes; florece en junio y julio y sus flores son amarillas. Los labradores úsanla comunmente para barrer y juntar la hoja que los robles y castaños sueltan en el otoño." (cf DdD - M.Valladares, 1884. "Diccionario gallego-castellano").

CODESO (Momán)
Pode referirse á planta, ver A CODESEIRA.
Tamén pode vir dun alcume referido ao posesor do lugar. De feito, o alcume Codeso xa figura rexistrado no séc. XIII : "Iohanni Fernandi, dicto Codesso,
1258, Fernandus Iohannis dictus Codesso, 1273" (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). 

O CONCHARELO (Roupar)
Forma diminutiva,  de "conchal", abundancial de "concha". Talvez sexa un orónimo, referindo á forma de "concha" do terreo.
Por outro lado, os topónimos "Concheiro" e similares foron analizados por Navaza, que indica que algúns deles poderían ser fitotopónimos, dada a acepción de 'noz' para "concho". Xa que logo, "Concheiro" sería sinónimo de "nogaredo", lugar onde abundan as nogueiras. 
Navaza tampouco desbota que algún deles estea relacionado coa "herba concheira" (escrofularia nodosa).

Dada a situación, ben lonxe da costa, desbotamos que o topónimo estea relacionado cun abundancial de cunchas, un depósito prehistórico de cunchas mariñas.
O Nomenclator rexistra outro "Concharelo" no concello de Mañón.

O CONCHOUSO (Roupar)
Derivado do latín cum-clausum "lugar pechado", onde a partícula cum actuaría neste caso de superlativo. No dicionario aparece como "lugar pechado dentro da corte, usado de cortello para os porcos".
Cabeza Quiles define  "conchouso" como "lugar cóncavo ou deprimido", derivado do latín conclausum "horta pechada".

O CONZADO (Burgás)
O dicionario define "conzado" como "terreo coberto de mato a rentes dunha leira" (cf. DdD).

A CORRETA (Burgás)
Significado incerto. Talvez ultracorrección por "Curreta", diminutivo de "curro" 'terreo pechado, inculto, de pasto ou monte baixo', e evoluiría de Curreta para Correta por etimoloxía popular.

AS CORTICELAS (Xermade)
Topónimo que remite á existencia de pequenas cortes. En efecto, "corticela" é o diminutivo de "corte", do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’.
O dobre sufixo -cela/o conservouse na toponimia, así Montecelo (montiño), Portocelo (portiño), Arcucelo (arquiño), Chancela (chaíña), Praducelo (pradiño), etc.

A CORTIÑA (Roupar, Roupar -lugar da Pinguela, Xermade, etc)
AS CORTIÑAS (Xermade)
O termo "cortiña" vén do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivaron cohortina ‘cortiña’ e  cohorticulum  ‘cortello’. 
As "cortiñas" son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A CORTIÑA DE ILLOA (Burgás)
Ver "A Chousa do Illoa".

A CORTIÑA DO ABADE (Roupar)
Debe indicar que a leira pertencía ou pagaba foro a algún mosteiro.

A COTARELA (Burgás, Roupar)
Un "cotarelo" é un pequeno coto, outeiro, pequena colina (cf. DdD). O xénero feminino, neste caso, unicamente podería indicar variación de tamaño con respecto ao masculino, algo maior que un cotarelo.

A COTAREÑA (Roupar)
Referido a coto, talvez un orónimo ou máis ben referido ao antigo posesor, de alcume "cotareño", e de aí "(terra) cotareña", pertencente ao "Cotareño".

O COTO DA PÍA (Lousada)
Indica un coto (lugar elevado, outeiro) no que se encontra unha pía. Podería encontrarse labrada na pena, quer por acción erosiva quer pola acción do home.

O COUTADO (Burgás)
O dicionario define "coutado" como "terreo cercado" (cf. DdD).
Alternativamente, podemos interpretalo como en referencia ao apelido dun antigo posesor. O apelido Coutado xa figura atestado en Galiza no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

O COVELO (Burgás)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".
Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

COVILLÓN (Cazás)
O COVO  (Roupar -lugar da Graña)
A voz "covillón" é un diminutivo de "covo".
O apelativo "covo" remite a un lugar localizado nunha depresión do terreo, nunha concavidade orográfica. 
O significado literal de "covo" é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. DdD).
É por tanto análogo aos topónimos A Cova, que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por autores como Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").


O CUNCHOUSO (Roupar)
O mesmo que "conchouso". Ver "O Conchouso".

OS CURRÁS (Burgás -lugar dos Currás, Candamil, Miraz)
O apelativo Curral defíneo o dicionario como "sitio contiguo á casa, pechado para recoller o gado e curtir esterco". No caso destes topónimos, ao caracterizar o nome da poboación, debe aludir, por tanto, á súa orixe como lugar onde se gardaba o gado. Semella, xa que logo, que era un lugar suficientemente lonxe dos núcleos poboacionais como para crearse alí un novo núcleo.
Hai moitas teorías para explicar a etimoloxía deste topónimo. Así, Corominas afirma que deriva de *currale («circo de carreiras»), á súa vez de currus 'carro'. Outros defenden que procede do latín currere 'correr'. Autores como Rivas Quintas relaciónano coas formas célticas cor-, corr- 'construción circular, curvo'.

O CURRO DE GUIZÁN (Xermade)
Un "curro" é definido polo dicionario como 
"cerca de madeira ou de pedra onde se concentra o gando ceibo do monte, especialmente cabalarías e vacas".
Canto a Guizán, trátase dun antropónimo de orixe xermánica, da raíz gótica *weis- 'sabio', tratado por J. Piel en topónimos portugueses como Guizoi e Vizoi (cf. p. 55 de J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo IV)
Debeu haber un lugar de Guizán, posiblemente non lonxe de onde se atopa o CASÓN DE GUIZÁN.

En Cerdido hai un Rego de Quiza que tería a mesma orixe.

O CURUXÁN DE ABAIXO (Burgás)
Significado incerto. Poderíamos pensar nunha relación con "curuxa", aínda que a terminación  en -án semella estraña. Se relacionado con curuxa, sería análogo a "curuxeira", abundancial de "curuxa", designa un lugar caracterizado pola presenza ou abundancia de ditas aves. Tamén, metaforicamente, indicaría un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

CUVILLÓN (Cazás)
Grafía alternativa por Covillón.Ver COVILLÓN.

A DÁDIVA (Xermade)
A DÁDIVA DO LOIMIL (Xermade)
AS DÁDIVAS (Xermade)
Topónimo que podería indicar que o terreo foi obtido de balde. No entanto, ao ser varios casos, non parece anecdótico e puido aludir á ligazón cun foro con dádiva á igrexa.

A DEVESA (Burgás)
Do latín terra defensa 'terra resguardada, vedada'. Significa "terras cercadas", xeralmente un terreo arborado acoutado con certas restricións e normalmente  destinado a pasto do gando. 
Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

ESCORISCADA (Cazás)
Os dicionarios recollen varias acepcións. A que encaixa para un topónimo sería como participio de escoriscar "Limpar de cantos un labradío", que recolle Rivas Quintas (cf. E. Rivas, 2001. "Frampas, contribución al diccionario gallego"). É unha formación similar á de topónimos como "Estoxada" (limpar de toxos).
Tamén pode ser que remita a "corisco" no senso de vento frío con chouva ou saraiba.

A ESCRITA (Burgás -lugar da Escrita)
O nome deste núcleo de poboación probablemente indica a existencia dun petróglifo. Por veces trátase de gravados de orixe prehistórica e outras refírense a marcas nas pedras ou pedrafitas, ben cun sentido relixioso ou máxico ou ben como sinal dos límites entre vales, parroquias, propiedades monacais ou xurisdicións. 
Descoñecemos neste caso se se conserva.

A ESPERADA (Roupar)
A forma "A Esperada", cremos que deriva dunha falsa deglutinación por  "A Asperada" (sonan igual en galego), sendo "Asperada" un derivado de "Áspera", topónimo frecuente, que parece derivar do latín "terra aspera", ou incluso "aspera loca" (cf. p. 306 de A. Moralejo, 1977. "Toponimia gallega y leonesa").
Tén, por tanto, unha orixe similar á de "O Esperón"  (Muras).

A FALCA (Burgás)
Unha "falca" defínea o dicionario como "Toro de madeira tronzado para serrar". Cf. DdD. Descoñecemos o seu encaixe toponímico, podería tratarse dun alcume.

O FEAL (Xermade, Burgás, Roupar, Candamil)
Lugar onde abunda o feo, herba para forraxe, por veces o silvestre (Deschampsia flexuosa).
Por extensión,  “feal” alude a un “prado que se sega”. Así, na documentación medieval atopamos exemplos como:
“ ... e deuesas e feaes e cortes e cortiñas, ...” (LUCAS, 1991:428).

A FEOUCA (Xermade)
Talvez "feouca" corresponde co significado transparente do termo, posiblemente relativo ao alcume dun antigo posesor ou ben caracterizando a terra como "feouca" pola pouca produtividade.
Alternativamente, relativo ao "feo", indicando terra pouco produtiva, somente de feo.

A FIOSA (Roupar -lugar da Pena Vaqueira)
O termo "fiosa" tén dúas acepcións: a primeira delas o mesmo que "feosa", "feal", paraxe no que abunda o "feo" (cast. heno),  da especie silvestre (Deschampsia flexuosa). Por veces coincidente cun prado.
A segunda acepción é a de "lugar resguardado, cerca das cimas" (cf. DdD). Descoñecemos cal dos dous casos se trata neste topónimo.

FOLGOSO (Lousada)
AS FOLGUEIRAS (Xermade -lugar das Folgueiras, Roupar -lugar das Folgueiras)
Topónimos que remiten a lugar onde abundan (abundaban) os felgos.

A FONTALOUSA (Burgás)
Debe derivar dunha "Fonte da Lousa", remitindo á súa situación ao pé dunha lousa ou á construción da fonte.

O FONTAO (Xermade -lugar do Fontao)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. Moralejo Lasso. "Toponimia gallega y leonesa").

FONTE CEREIXA (Roupar)
Este topónimo pode aludir, máis que á froita indicada, que non encaixaría moito en singular para un topónimo, ao apelido ou alcume "Cereixo" dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Cereixo xa figura rexistrado como Cerasio na Idade Media, ".. Arias Fernandiz, cognomento Cerasio.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia"). A formación sería típica na toponimia, cun posesivo adxectival (Veiga Cereixa = Veiga de Cereixo).
Por outro lado, ao tratarse dun hidrónimo, debemos considerar a asignación do filólogo E. Bascuas  aos topónimos "Cereixa" e "Cereixiña" dunha orixe nunha forma prerromana paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker 'de cor escura, suxo, gris' (cf. p. 297 de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").
O Nomenclator rexistra tamén unha "Veiga da Cereixa" en Muras.

FONTE CUÍÑA (Lousada)
Hai controversia na interpretación dos abundantes topónimos galegos "Cuíña", que comparten orixe etimolóxica cos Cuña e os seus equivalentes portugueses Cunha.
Por unha banda, autores do prestixio de Martínez Lema interprétana como correspondente co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. DdD).
Aínda que se podería pensar na voz patrimonial equivalente a "colina 'outeiro', a voz colina co sentido orográfico trátase dun italianismo introducido no séc. XVII (cf. Corominas, DCECH). Ademais, se viñese do latín collis/collina daría **coliña, non coíña/cuíña.

Por outra banda, se derivan da forma medieval "colina" (tal como figura atestado no caso dunha Uilla Colina), os rexistros medievais non parecen remitir a colinas orográficas senón a elementos moito máis definidos e delimitados na paisaxe (cf. CODOLGA):
(800) - Floriano,DiplomáticaAstur (800):
" .. et vadit ad illo pino, deinde ad colina et vadit ad via Angustina .." 
Floriano,DiplomáticaAstur (831):
" .. seneras uel quidquid ibidem est; et ad Bellenia colina et horreum, binia de Armentari ..."
Andrade,CelanovaTbo (885):
[...] integra vinea, pumares, ceresales, perales, ipsa colina medietate, et de ipso lagare de tercia medietate integra [...]
SáezE,CelanovaCD (935):
[...] , et alia uinea que comparauimus de Tano, et colina integra, et de alias mazanarias et ceresales  [...]
Andrade,Celanova (1009):
[...] vinea ad casa de Gundemaro, levat se de illa colina et vai per succo de Daniel [...]
Lucas,SamosTbo (1026):
[...] suo germano Stevano et de sua suprina pumare super illa colina ; [...]
Lucas,SamosTbo (1052) :
[...] et que vendivit domno Fredenandiz ad illa colina sua tercia in illo ortale [...]
Andrade,CelanovaTbo (1075):
[...] integra in vineas, in pumares, ceresales, ipsa colina media et ipso lagare de tercia medietate  [...]

Esta interpretación tampouco encaixa para o topónimo O Cuiñal (Celanova, Ou), pois un abundancial de outeiros non tería sentido. Tampouco encaixaría para A Cuiñeira Grande (O Grove, Po) por razóns similares.
Nicandro Ares interpretou os topónimos "Cuíña" como talvez 'lugar de coios ou de coles'.
No caso que nos ocupa tampouco encaixa un orónimo, e "cuíña" parece ter unha función adxectival, que podería encaixar con abundancia de coios, aínda que descoñecemos se é o caso. Igualmente semella adxectival no caso de Pedra Cuíña (Palas de Rei, Lu).

FONTE DA NATA (Roupar)
Posiblemente "nata" teña o significado transparente. Porén, parece encaixar dificilmente unha fonte da nata.
Alternativamente, podería vir de "Fonte de Anada", co cal tería a orixe no tema pre-latino *an(n)-, común en hidrónimos, e que Bascuas  liga co radical céltico  *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anella", "anido" e "aneiro" e similares, xeralmente como hidrónimos.

A FONTE DO GATO (Cazás)
Podería tratarse dunha alusión expresiva ao cativa que é a fonte. Sería un uso similar ao Rego do Gato (Xuances), que o saltan os gatos. 

No entanto, dada a frecuencia do apelido Gato na contorna, en particular neste concello, poida que aluda ao apelido da persoa coa que se asocia a fonte. As fontes na toponimia en moitos casos levan asociado o nome persoal, que debe corresponder á persoa que as amañou ou propietaria do lugar.

O nome persoal Gato está ben atestado na Idade Media. Na súa orixe, conflúen un sobrenome de orixe latina procedente do nome do animal (Gattus, Cattus) cunha posible raíz gótica (Gatto, -onis) (HGN, §119; Boullón 1999: 235). 

É un topónimo relativamente frecuente, así hai outra Fonte do Gato, por exemplo, en Ourol e outra nas Ribeiras do Sor (Mañón).

A FONTE OLVIDA (Momán)
Aínda que sexa soamente unha posibilidade, podería tratarse dunha reinterpretación dunha "Fonte do Alvedro". De feito, en Ribadeo atopamos O Olvidal que remite a un lugar onde abundan os albedros. termo é unha deturpación de "erbedal". Un erbedal refire a un lugar onde abundan os érbedos, tamén chamados alvedros ou esvedros. Navaza, de feito, interpretou varios Olvideiro deste modo (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

O Nomenclator rexistra Olvidal (Ribadeo), A Olvideira (Viana do Bolo), Rego dos Olvideiros (Porto do Son), Rego do Olvideiro (Muros), así como Solvidros (Verea) e Suolvido (Vigo), estes dous últimos virán de So-Olvidros e  So-Olvido, respectivamente.

A FONTE ROMEU (Roupar)
O termo "romeu" pode corresponder con varias orixes e significados. 
Pode ter orixe no nome personal Romeo, indicando a persoa que posuía o terreo onde está situada a fonte, ou ben que a arranxou como fonte.
Tamén pode ser alcume derivado do adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago. Indicaría, portanto, "a fonte do peregrino".
Alternativamente, poden estar relacionados coa planta así chamada, que ten o nome científico de Rosmarinus officinalis

A FONTE VACARIZA (Burgás) 
Ver  "A Vacariza".

A FONTELA (Burgás) 

A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén as variantes Fontenla e Fontaela.

AS FORCADAS (Xermade)
A  aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca" ( "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta") é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato, dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
A mesma interpretación dáa Corominas na toponimia catalá, con alta frecuencia dos cognados "Forques", Forcat(s), Forcada (-es), Forcall, Forquet, aludindo a un accidente xeográfico, quer a unha bifurcación nun camiño, río, val ou barranco.

O FORNIL (Burgás)
Este topónimo é analizado por Martínez Lema para o caso de "Forniis", que deriva do plural de *(lugar) fornil (cf. aquí).
Este termo, aínda que inexistente no galego actual, correspondería co francés fournil 'lugar onde se encontra o forno', 'lugar de traballo do panadeiro'. 
Derivaría, xa que logo, de "forno" mediante o sufixo - lis (acusativo - le> -il). Así, Du Cange recolle furnile coa definición "Pars aedis rustica, in qua est furnus, vulgo Fournil".

OS FORNELOS (Xermade)
MONTE DE FORNELOS (Momán)
Os dicionarios de galego definen a voz "fornela" como "boca do forno" e mais "sitio para a cinza, debaixo ou ao pé do forno". Tamén ten a acepción de "alacena na parede".

A motivación para os topónimos Fornela e Fornelo(s) é xeralmente metafórica, para se refererir a dolmens ou a pequenas covas. Tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Tamén indicou Almeida Fernandes que "a metáfora dolménica e a espeleológica são as únicas que, salvo casos especiais, podem satisfacer à congruência toponímica" (cf. A. de Almeida Fernandes, 1991-1993. "Taraucae Monumenta Historica - Livro das doações de Tarouca, I/1: Documenta; I/2: Indices & Studia (Anthroponymia); I/3: Indices & Studia (Toponymia) (Institutiones) (Communia Verba)").

Esta motivación arqueolóxica é por veces evidente, como no caso do topónimo "A Fornela" (Cariño), onde ao pé do lugar atópase a Mámoa de Fornela.
No entanto, tampouco se pode excluír que nalgún caso fixese alusión a forno de tella, de olas, ou a forxa de ferreiros.

OS FORNOS (Roupar -lugar dos Fornos)
Aínda que o significado da voz "forno" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao núcleo de poboación ao que fai referencia.
Tal como indicamos para FORNELOS, o máis probábel é que se trate dun uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas, tal como ocorre para o "Forno dos Mouros" en Mañón.Ver FORNELOS para máis detalles.

O FOXO (Burgás)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Frecuentemente, os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Por tanto, o topónimo  alude a que neste lugar houbo unha trampa (para caza de animais, lobos normalmente) ou talvez indique simplemente un desnivel (valado) do terreo ou tamén a existencia dunha cova. 
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a dous veciño, de San Pantaión e de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor 
"desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso" ("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, mentres que foso = port. fosso, cast. foso) .

A FRAGA DA MOA (Xermade)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

A FRAGA DO CANEIRO (Burgás)
Ver "O Caneiro".

O FRAIXO (Xermade -lugar do Fraixo)
O sitio está atestado no Catastro de Ensenada de Xermade (1753) ao describir os muíños da freguesía
   ... "al sitio do Fraijo"...
Probablemente sexa un derivado do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, por veces son interpretados como referindo a unha colectividade deles.
É estraña a forma en -ai-, mais non única. O Nomenclator rexistra outro "Fraixo" no concello de Mañón, e tamén corresponde cun núcleo de poboación, que no século XVII figura atestado como "Freixo" (cf. Toponimia do concello de Mañón), o cal parece confirmar a hipótese indicada.

FRAMIL (Piñeiro)
De *(uilla) Framiri, forma en xenitivo de Framirus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola). É un  nome de orixe xermánica. O nome Framirus está atestado no período medieval como Framilo (igual que ocorreu con Ramiro / Ramilo).

FREÁN (Cazás)
Está  atestado como "Castrellan" no Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía
... "fuente que se nombra de Frean"...
O topónimo deriva de (uilla) Froiani, forma en xenitivo de Froia, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, de frauja 'señor'. Aínda que descoñecemos documentación antiga que proben esta orixe para este topónimo concreto, si é coñecida a orixe dun lugar "Freán" existente na freguesía de San Mamede de Carnota que figura atestado no Tombo de Toxos Outos como  Frogiam e Froyan, o cal proba esta orixe como (case) segura (cf. p. 737 de F. J. Pérez. "Os documentos do tombo de Toxos Outos").

FURCO DE ABAIXO (Lousada)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis).

A GALLA DOS REGOS (Roupar)
AS GALLAS DO REGO (Roupar)
Neste caso "gallas" podería indicar bifurcación, o lugar onde se bifurca o rego.
Alternativamente,  "gallas" pode indicar "pedras, rochas", o mesmo que ocorre en topónimos similares como "O Rego Galludo" en Muras, e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'.
Ver entrada de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

GANDÍA (Lousada)
Etimoloxía incerta.
Pode vir de *(uillam de) *Wandila, nome de orixe xermánica, indicando o antigo posesor altomedieval da uilla (granxa, explotación agrícola). A evolución sería a normal no galego: Wandila > Guandila > Guandía > Gandía.

GOÍA (Lousada)

No Catastro de Ensenada de Lousada(1753) ao describir os límites da freguesía está atestado :
        ..."una pena de seixo nombrada Castelo de Goías"...

De *(uillla de) Gaudila, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. 
O nome Gaudila corresponde coa forma hipocorística de Gauda
O paso de Gaudila>Goía é normal no galego, coa caída do -d- e do -l- intervocálicos. 
Da mesma raíz atopamos en Galiza tamén o topónimo Goiás (<Gaudilanis, forma en xenitivo de Gaudila).
Este antropónimo está atestado en Galiza, na documentación do Tombo de Sobrado do século X atopamos "hereditate que habemus de patre nostro Gaudila et matre nostra Uistrilli".

A GOLPILLEIRA (Cazás)
Unha "golpilleira" refire a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'. É de notar o uso extensivo nun pasado de golpello como sinónimo de golpe.
É un topónimo frecuente en Galiza. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito gulpilheira 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

A GRAÑA (Roupar -lugar da Graña)
O termo "graña" ven do latín granea, granxa agrícola. Esta voz soamente perdurou na toponimia, fronte á actualmente común "granxa".
É interesante resaltar que estas "grañas" eran moitas veces dependentes dun mosteiro, para o cal producían alimentos.

O ILLÓ (Xermade)
O  termo "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso  (cf. DdD). A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. E. Bascuas) derívano dun termo prerromano paleoeuropeo.

A INSUA (Burgás, Roupar)
AS INSUAS (Roupar)
Do latín insula. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

A LADRELA (Piñeiro)
Este topónimo provén do río Ladrela que pasa por este lugar,  que é afluente do Ladra. Ladrela é a forma en diminutivo, que precisamente se usa na toponimia para referir os afluentes ou o  curso alto de ríos (e.g. Sarela do Sar, Sorela do Sor, etc). De feito, no Catastro de Ensenada para O Aparral (1752) figura atestado ese Río Ladrela.

Posibelmente sexa derivado do tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou antigoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *lat- "pantano, lameiro, lama". O río Ladra xa figura documentado no ano 572 como Latra (cf. CODOLGA). Indicaría talvez, por tanto, un lameiro ou algo similar.

Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "Campo da Ladra" nas Ribeiras do Sor, e xa en Ortigueira temos Ladrido.

A LAGOA (Burgás -lugar da Lagoa, Roupar)
Do latín lacuna 'concavidade, charqueira'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media : 
"per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

LAGOA DAS SAMESUGUEIRAS (Cabreiros)
Significado obvio.
Está atestada como "lagoa dasamasugueirasno Catastro de Ensenada para Cabreiros (1752) ao describir os límites da freguesía.

LÁMPARAS, AS (Xermade)
As denominacións Lámparas, Aceite, Santísimo, Aniversario, Ánimas, Novena, Responso, entre outras, costuman remitir a terreos que estaban ligados a ofrendas relixiosas. No caso d'As Lámparas, castelanismo por Lámpadas, están ligadas ao ao mantemento da lámpada perpetua que iluminaría o Santísimo Sacramento nas igrexas. É un costume que estaba extendido pola Igrexa. Así se documenta, por exemplo, no caso da provincia de Palencia (cf. G. Ortega, "Sociedad y transmisión oral en la toponimia menor palentina").

LANDOI (Cazás)
De (uilla) Nanthoi, derivado do nome dun antigo posesor altomedieval, nome de orixe xermánica. 
A evolución é usual en galego, de feito o mesmo ocorreu co "Landoi" de Cariño, que deriva igualmente de Nanthoi, o cal está atestado (cf. X. González,2015 "Apuntes de toponimia de Cariño" in  "Terras do Ortegal").
Aínda que máis improbable, tampouco podemos descartar que derive dun *(uilla) Landoi nome igualmente de orixe xermánica.

LEBORÉ (Cabreiros)
No Catastro de Ensenada de Cabreiros (1752) ao describir os muíños da freguesía está atestado :
        ... "al sitio de leboré". 
Deriva de *(uilla) Leoveredi, forma en xenitivo de Leoveredus, o nome do antigo posesor altomedieval da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica.

O LEIRO (Roupar -lugar da Graña)
Un "leiro" defíneo o dicionario como "finca de cultivo", xeralmente coa acepción de "terreo labradío de pouca extensión". "Terreo longo e estreito, destinado polo xeral a horta". Cf. DdD.

LIÑARES (Momán)
A LIÑEIRA (Burgás)
Os termos "liñeira" e "liñar" son  fitotopónimos, ambos os dous sinónimos, remitindo a "terreo onde se cultiva o liño" (cf. DdD) , o cal debía indicar unha boa calidade da terra.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

O LODEIRO (Candamil)
O termo "lodeiro" tén dúas acepcións: "Lameira, terreo con lama", e a de "árbore tamén chamada lamigueiro ou lotus" (cf. DdD).
Cremos que correspondería á primeira, aínda que a referencia a unha árbore aíslada, se ben é infrecuente, dáse nalgúns topónimos.

O LOIMIL (Xermade -lugar do Loimil, Burgás)
De "(uilla) Lodemiri, forma en xenitivo de Lodemiruso nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola)nome de orixe xermánica.

LOUSADA (Lousada)
Este topónimo pode aludir ao feito de ser unha casa lousada (con tellado de lousa), en contraposición ás casas pallazas, que serían o normal daquela. 
Isto sería similar ao caso dos topónimos "A Tellada" (Foz) para lugar con casa(s) de tella. 
É interesante notar que parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común.
O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito de cada 15 anos aproximadamente.
Tampouco se pode desbotar que refira a un lugar onde abunda a lousa,  coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.

O MANDEO (Momán)
O MANDEO CATIVO (Momán)
Estas terras, pertencentes á freguesía de Momán, quedan ao pé do Rego da Cova (que desemboca no Rego de Momán). Ao coincidir o nome co Río Mandeo que forma a ría de Betanzos, poderíamos pensar que se trata dun hidrónimo. Se fose un hidrónimo, petencería ao conxunto de hidrónimos de orixe prelatina.
Porén, se reparamos na existencia  na veciña Muras doutras terras A Mandiá, e no lugar veciño  nas Somozas da Mandiá, así como a freguesía de Mandiá en Ferrol, semella que este Mandeo de Momán  podería máis ben gardar relación con estes topónimos.
Teríamos, por tanto, un conxunto de topónimos Mandiá (Muras, As Somozas, Ferrol), Mandeo (Momán) e Mandiaos (Barreiros).  A poboación da Mandiá que orixinaría este de Xermade debe ser a de Recemel (As Somozas).
Podería aludir incluso a un oriúndo do val do Río Mandeo, aínda que este río queda lonxe, polo que semella máis probábel a procedencia das Somozas. 

O MARAPAZ (Roupar) 
O topónimo Marapaz derivaría do nome de muller "María Paz", o mesmo que o topónimo Maraboa (Barreiros) deriva de "María Boa", o de Maradona de "María Dona" e o de Maraseca de "María Seca". Indicaría, xa que logo, "O (terreo de) María Paz". 
Por toda a Mariña atopamos topónimos similares,  coa mesma orixe nun composto de "María". Así, atopamos  A Maradona, Maraseca, e  Maraboa en Barreiros, "A Marapega" (María Pega) no Vicedo, así como "A Maraleixa" (María Aleixa) en Chavín (Viveiro). Xa máis lonxe están Maramiga en Galgao (Abadín), Maramiguez en Cerdedo, etc.
Lembremos tamén o caso da "marafonsa", unha clase de mazá, cuxo nome viría de "María Afonsa". 

O MARCO (Xermade)
O nome "marco" indicaría a existencia dunha pedrafita divisoria, quer prerromana, romana ou medieval.

O MARCO DO BISPO (Roupar)
O nome "marco" indicaría a existencia dunha pedrafita divisoria. Neste caso trátase dun penedo.
En canto ao termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

MARÍA ALBA (Roupar)
O nome deste lugar refereriría ao nome dunha antiga propietaria do predio.
O apelido "Albo" tería a súa orixe en Ourol, tal como se deduce da  Cartografía dos Apelidos de Galicia.
O feito de o apelido ser "Alba" e non "Albo" non é problema formal, senón que confirma a antigüidade do topónimo: lembremos  que da Idade Media ata o Séc. XVIII houbo o costume de adaptar morfoloxicamente ao femenino os sobrenomes das mulleres (cf. A. Boullón, 2017. "La antroponimia en Galicia en el siglo XVIII", in Namenkundliche Informationen 109/110). 
Como topónimo tamén atopamos un lugar chamado "María Arteira" en Frexulfe (O Valadouro) e outro "María Amada", así como "María Amiga" en Xove, así como Mariñalba tamén en Xove.

AS MARIÑÁS (Burgás -lugar das Mariñás)
Posiblemente o nome deste lugar remita a un antigo posesor mariñao, oriúndo da Mariña. Tamén pode aludir ao nome dun antigo posesor chamado Mariño ou Marinianus, nome de orixe latina.

MARMOIRAL (Cazás)
Os topónimos "Marmoiral", "Marmoirais", "Marmural" e "Marmoural", frecuentes en Galiza e Portugal, parece indicar antigas necrópoles, ou tamén zonas de mámoas.  
Nalgúns casos, a relación é clara, como no caso de "Marmoirais" en Cabeceiras de Basto (Portugal), correspondente cunha zona de mámoas (cf. aquí)
O profesor J. M. Piel ao estudar os topónimos marmoiral, marmoural, mormorial e mermorial derivounos de "memorial", tal como recolle Du Cange para memoriale. Piel explíca marmoiral como cruce de memorial con "mármore", indicando que teñen sentido de monumento funerario. Cf. aquí.
Por outro lado, José Cornide recollera no "Catálogo de palabras gallegas" este termo, de pouco uso, como sinónimo de "foxo".

OS MARTELOS (Xermade -lugar dos Martelos)
O termo "martelos" posiblemente indique a existencia dun batán ou mazo hidráulico, quer para bater o liño ou tamén para labores de ferreiro.

MAZANDOI (Piñeiro)
É clara a orixe do nome desta poboación nun antropónimo, un nome de posesor altomedieval, dada o sufixo -oi que presenta. No entanto, é difícil, sen coñecermos atestación antiga, cal sería o nome que o orixinou, dado que o sufixo -oi pode indicar orixes distintas.
Semella plausible que proveña de *(uilla) Macedonii, dun antigo posesor chamado ou alcumado  Macedonius. Existen un Manzoi en Muras (cf. "Toponimia Muras") e outro en Carballido (Lugo), así como outros chamados Mazón e Mazoi.
No caso que nos ocupa, o mantemento do -d- intervocálico semella difícil, en canto que o movimento da nasalidade para a segunda sílaba non é extraordinaria, ocorre por exemplo en "menciña".
No caso de Santalla de Mazoi, figura atestado como Macedoni no ano 760, e como Maceoi no 1088 (cf. "Nomenclator toponímico Medieval da diócese de Lugo", in Lucensia núm. 5, 1992).

Aínda que apenas como mera hipótese, poderíamos interpretalo como Mansu *Andoi, un mansus pertencente a un posesor chamado Andoi, nome de orixe xermánica. Aínda que este nome non o atopemos documentado, o sufixo é frecuente na antroponimia xermánica galega, e o prototema and- tamén  figura en Andila, Andao e Andeán, xa tratado por J. M. Piel. Cf. p. 131 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II

A respecto de "mansu", o termo do baixo latín mansus figura na documentación medieval (cf. s.v. en Du Cange, "Glossarium Mediae et infimae latinitatis", s.v.) cun valor equivalente ao de uilla ‘casa de campo, incluíndo as construcións achegadas e os terreos’.
Os mansus eran tamén chamados os  terreos cedidos a colonos a cambio dunha renda

MEDE (Cazás)
Posiblemente de *(uilla) Metii,  forma en xenitivo de Metius, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un nome de orixe latina.

O MEDEIRO (Xermade)
O medeiro é a pequena meda que se fai no terreo cos mollos antes de os levar para a meda. Segundo Rivas Quintas, o "medeiro" distínguese da "meda" ou "medeira" en que esta é a que se fai co conxunto de todos os mollos traídos dos distintos medeiros. Tamén rexistra a outra acepción de "medeiro": a eira na que se pón a meda. Cf. DdD.

MEDIAFARIÑA (Cazás)
Este topónimo é usado coas formas Mediafariña e Modiafariña.
Ver MODIAFARIÑA.

O MEIRIÑO (Momán)
Do latín  maiorīnus 'pertencente ao maior'.
O nome "meiriño" indicaba antigamente un "empregado xudicial'  ou un 'maxistrado de funcións semellantes ás dos correxedores'.
Alternativamente, aínda que mais improbábel ao levar o artigo, do mesmo nome como antropónimo Maiorīnus (cf. p.294 Kajanto).

O MILLAZAL (Cazás)
O nome remite a un lugar onde abundaría o millo miúdo (panicum miliaceum), pois é improbábel que este nome sexa posterior á introdución nestas terras do millo americano, que colleu o nome "millo" a partir do xa existente millo miúdo.
O topónimo ten dobre sufixación abundancial, e aínda que non figura recollido na obra de Navaza, non presenta dúbidas en canto á súa interpretación como fitotopónimo.

MIRAZ (Miraz)
Esta freguesía figura atestada xa no ano 998:
".. in Saure, circa aula muris, villa Miraci ..", " vila Miraz.. na comarca do Sor, preto da igrexa de Muras, vila Miraz.." (cf. "España sagrada"tomo XL: 408).
No 1753 aparece no Catastro de Ensenada como "San Pedro de Piñeiro de Miraz".
O nome remite a unha (uilla) Mirachi, forma en xenitivo de Mirachius, nome do antigo posesor desa uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
En efecto, Mirachius é un antropónimo rexistrado no Medioevo (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

OS MIRACES (Miraz)
O topónimo alude á posesión deste lugar por unha persoa de apelido Miraz.

A MODIA (Burgás)
AS MODIAS (Xermade -lugar das Modias)
O termo "modia" remite a unha mámoa ou túmulo primitivo. Aínda que ten tamén unha acepción máis xeral de "coto, colina", a anterior debe ser a orixinaria. De feito, no Catastro de Ensenada para Cazás (1753), por exemplo, aínda é usado este termo con esa acepción.

MODIAFARIÑA (Cazás)
Este topónimo é usado coas formas Mediafariña e Modiafariña.
Se a forma orixinaria foi Modia Fariña, aludiría a unha modia pertencente a un antigo posesor de apelido ou alcume Fariña. Como apelido e alcume xa era usado no séc. XII:
[...] , conf. Petrus Farina , conf. Petrus Barba,  [...]  a. 1181, Toxos Outos (CODOLGA).
O uso Mediafariña por Modiafariña trataríase simplemente dunha reinterpretación popular moderna.
No entanto, como a outra forma alternativa usada para este topónimo é , podemos pensar que a forma orixinaria fose Mediafariña, remitindo a un alcume "media fariña". O paso a Modiafariña acontecería polo influxo da bilabial (similar a "somana" por semana).

MOMÁN (Momán)
Este topónimo remite a unha *(uilla) Medumani,  forma en xenitivo de Meduma, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. Esta hipótese foi defendida por Miguel Costa (cf. "Freguesias da Terra Chá", Frornarea).

Por outro lado, J. M. Piel interpretouno como  derivado de *(uilla) Mummiani forma en xenitivo de *Mummianus (cf. J. Piel. "Nomes de "possessores" latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa"). Elixio Rivas compartiu esta hipótese tamén (cf. E. Rivas. "Toponimia de Marín").


No entanto, se reparamos na documentación medieval, atopamos esta freguesía atestada como Mooman, o cal descarta practicamente a hipótese de Piel e reforza a indicada por Costa.

En efecto, nun documento en castelán de 1488, indicando as contribucións á guerra de Granada, figura:
".. San Mamed de Mooman dos mill mor.."  (cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ").

No final do século XVI figura atestado xa como Moman: 

"La iglesia de S. Mome de Moman" cf. T. Gomez, 1829. "Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI")

Finalmente, indicar que aínda que o nome Meduma teña orixe xermánica, isto non nos di nada da etnia do posesor, xa que os nomes desta orixe eran comúns en Galiza na Alta Idade Media.

OS MONTES DA GRAÑA (Roupar)
Ver "A GRAÑA".

OS MONTES DE COUZANCHO (Roupar)
Composto de "Couce Ancho".  O termo "couce" neste caso viría de calce "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

MUÍÑO DO PAPEIRO (Burgás)
Está atestado no Catastro de Ensenada de Burgás (1753) ao describir os muíños da freguesía.
Remite por tanto a un antigo propietario apelidado ou alcumado "Papeiro". Na Idade Media está atestado como apelido (cf. e.g. aquí). Rivas Quintas rexistra a acepción de "tonto" para papeiro, alén da de "persoa afeizoada ás papas",  en sorna pola importancia dada ás papas antigamente (cf. E. Rivas aquí). 

MUÍÑO DE FÉRVEDAS (Lousada)
Significado transparente, que remite a un "cachón", augas que caen en cascada. 
O termo férveda, tal como acontece co sinónimo "fervenza", expresará a sensación de ferventía producida pola caída brusca da auga ao superar un desnivel.
O Nomenclátor  de  Galicia  rexistra un lugar chamado Férveda no concello de Silleda (Po) e outro no de Carballo (A Co), con cadansúa caída de auga. 

ORXÁS (Lousada)
Plural de "orxal", terreo plantado de "orxo" (cebada) ou que produce abundante orxo.

O PAGO (Burgás)
OS PAGOS (Burgás)
O termo "pago", do latín pagus, indica un terreo ou aldea.

PAIDAVELLA (Roupar -lugar de Paidavella)
Este topónimo remite a un antigo posesor do lugar que se chamaría "Paio da Vella".  Os hipocorísticos Pai e Pei, de Paio, son frecuentes na toponimia galega, así temos na veciña As Pontes o lugar de Paipaz (de "Pai Paz").

A PALLOTA (Momán)
O apelativo "pallota" indica un "alpendre", e tamén "choza feita de táboa e pallas" e "palleiro" (cf. DdD).

PALMAZ (Roupar -lugar de Palmaz)
De *(uilla) Palmacii forma en xenitivo de Palmaciuso nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que tería existido nese lugar

Este nome figura en Kajanto, e está atestado no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).  Piel (1947, §238) deriva estes topónimos do nome Palmatius, nome de dous mártires cristiáns. É de orixe latina, en relación co verbo palmare ‘sinalar’. 

Este topónimo rcóllese tamén no concello de Lalín e coa variante con seseo Palmás en Moaña. En Galicia tivo uso, o mesmo ca o feminino Palmatia, polo menos ata o século x (Boullón 1999, 346).

A PANDA (Roupar, Piñeiro)
Unha "panda" designa unha lomba, un terreo combado ("pandado").

A PANDELLA (Roupar -lugar da Pinguela)
Diminutivo de "panda". Ver "A Panda".

O PAPEIRO (Burgás)
Referido ao alcume dun antigo posesor. Ver "Muíño do Papeiro".

O PAPELLE (Burgás)
Posiblemente de *(agru) Pappelli, dun antigo posesor chamado *Pappellius, nome de orixe xermánica.
Porén, tamén podería derivar de "O Papello", por relaxación da vogal final despois de palatal. De feito, existe tamén en Burgás outro sitio chamado "O Papeiro", que podería estar relacionado.

PARADASNOS (Miraz)
Forma composta aludindo a unha "parada de Asnos".
Os topónimos Parada remiten polo xeral a lugares nos que se facía un alto no camiño para descansar as persoas e os animais, así como a lugares específicos para dar servizo aos animais que servían de transporte. Por veces o motivo da escolla do lugar era pola configuración orográfica, mais podían ser igualmente outras causas.

AS PARRUGUEIRAS (Xermade -lugar das Parrugueiras)
Significado e orixe incerta. 
Podemos pensar na acepción común de "parrugueira", sinónimo de "borralleira", talvez relacionado coa actividade das rozas. Se fose ese o caso,  tería un uso similar aos topónimos "Cernada".

O Nomenclator rexistra tamén "As Parrugueiras" en Muras, "A Parrugueira" en Vilalba, así como "O Parrugueiro" en Xove. Ademais, é interesante notar a existencia dun "O Parrugal" en Cariño e mais dun "O Parrogal" no Vicedo, que semellan abundanciais, que dan por tanto conta da existencia dunha antiga voz *párruga, ou talvez *párrega.
Por outro lado, tendo en conta o topónimo Parga  de Guitiriz, que está atestado na Idade Media como Parrega, tamén podemos pensar que estean relacionados e teñan unha orixe nunha mesma base prerromana.

A PASADIÑA (Piñeiro)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, no Vicedo, en Xove, en Ferrol.

A PATEIRA (Xermade)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións. Para un topónimo, as de mellor encaixe son as de "pequena lagoa ou poza na que paran os patos selvaxes", e mais a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) no que se crían patos, capóns, etc" (cf. DdD)
Tamén A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima"). Igualmente Joseph M. Piel interpretou o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

En conclusión, trátase dun zootopónimo que remitirá a un lugar no que paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que alí habería.

O PAZO (Lousada, Cazás)
O termo "pazo" deríva do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre. E de notar que as referencias medievais a un pazo non deben entenderse como un pazo na actualidade, senón que remitirían simplemente á casa do señor, de boa feitura, probablemente de cantería, de dous andares e cuberta de tella ou lousa, en contraste coas demais casas que serían de planta baixa e cubertas de palla.

Nestes dous casos, sendo núcleos de poboacion, semella ben probábel esta interpretación. 

A PEDRALBA (Xermade)
Composto por "pedra alba". O termo "alba" correspondería co adxectivo latino alba 'branca'. 

O PEDRÓN (Lousada, Roupar, Burgás, Momán)
Segundo os dicionarios, o apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo (cf. DdD).
Os topónimos "Padrón", "Pedrón" e "Padornelo" fan moitas veces referencia a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. Pedrón e Padrón son cognados do portugués pedrão e padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV:
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”. 
Por veces estes Pedrón /Padrón/Pedrão corresponderían con demarcacións de territorios na época medieval. 
Corominas apunta a posibilidade de algún deles remontar en realidade a unceltismo petronu, adxectivo formado sobre petru, que nas linguas celtas é o número "catro", en referencia a unha encrucillada ou xuntanza de catro camiños (cf. Corominas, DCECH, s.v. padrón).

PEICELLE (Xermade)
O mesmo que no topónimo PAIDAVELLA, debe remitir a un nome de poseor, a un antigo posesor chamado Paio Celle. No entanto, este apelido non figura no CAG nin atopamos documentado, aínda que podería derivar de Celii, xenitivo de Celius.

O PELAIMO (Xermade, Roupar -lugar da Graña)
O topónimo remite a un "pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar").
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.
O Nomenclator rexistra un  "Polaimo" en Muras, no Viveiró, un  "Rego do Polaimos" e "Palaimo" en Ourol e "Os Polaimos" en Mañón.

A PENA DA NEBRA (Roupar)
Topónimo transparente,  unha pena frecuentemente coberta pola néboa. O apelativo "nebra" é unha variante de "néboa".
O Nomenclator rexistra igualmente unha PENA DO NUBEIRO na veciña freguesía de Lousada.

A PENA DE ARCA
 (Cazás)
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. As "arcas" ou "mámoas" eran usadas frecuentemente como marco entre dúas comunidades, e por iso, ás veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

A PENA DO NUBEIRO (Lousada)
Topónimo transparente,  unha pena frecuentemente coberta pola néboa. O apelativo "nubeiro" designa unha nube densa e baixa, que indica tormenta.
O Nomenclator rexistra igualmente unha PENA DA NEBRA na veciña freguesía de Roupar.

Por outro lado, o "nubeiro" ten tamén a acepción de ser mitolóxico, polo que aínda que improbábel, podería ser unha alusión anecdótica. Indicaba Leite de Vasconcelos (1845): 
"Diz-se que quando ha tempestade apparecem na fontes uns homens muito altos e feios, que lançam as agoas da terra para as nuvens, para fazerem os trovões e as chuvas: estes homens são os "nubeiros". Informação do sr. D. Eduardo Pondal, que acrescenta que taes seres em Bergantiños se chamam "tronantes".- De "nubeiros" e "nubeiras", "com facultades para atraer el nublado", fala D. Manuel Murguía na sua obra Galicia, Barcelona 1888.

A PENAMUSGA (Lousada)
Forma derivada do sintagma "pena musga". O termo "musga"  adxectiva a pena como "musgada", no sentido de "chea de musgo". Sería unha formación similar á "Pena Hedra" (Alfoz), que ten a sinónima "Pena Hedrada" (Xove).
O Estraviz dannos outras acepcións para "musga", como a de sinónimo de "fronza, que encaixaría, e tamén a de adxectivo remitindo a "que ten as orellas curtas", que tamén podería encaixar metaforicamente.

PEPÍN (Cazás)
De (uilla) Peppini, forma en xenitivo de Peppinus, remitindo ao nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome hipocorístico de orixe xermánica (a mesma orixe que a dos antropónimos dos reis francos Pippins e Pippinus Minor).  
Na microtoponimia lucense consérvanse Pepín e Pipín noutros concellos, como As Penas de Pipín, Os Campos de Pipín e A Fonte de Pipín na Pontenova, en Riotorto O Tallo de Pipín, en Pastoriza O Coto e O Monte de Pipín e en Ribeira de Piquín, O Chouso de Pepín.

O PEREIRO (Burgás)
A súa orixe pode estar relacionada con pirariu (árbore) ou con petrariu ("pedreiro"). 
Con documentación antiga ou co coñecemento da orografía da zona, podería ser diferenciados parte deles.

O PERPEZ (Xermade)
O PERRAPADO (Burgás)
O hipocorístico "Per", forma sincopada de Pedro/Pero é frecuente na toponimia galega (cf. X. Gonzalez, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").
No caso de Perpez alude a un Pero Perez, un antigo posesor do lugar.
No caso de Perrapado remite a un Pero Rapado, antigo posesor do lugar. Aínda que non está atestado para este lugar, si figura un "Pero Rapado" no ano 1144 en Xubia (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).

A PESQUEIRA (Burgás -lugar da Pesqueira)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se capturan salmóns e outros peixes, polo xeral perto dos muíños ou aceñas. 
En concreto, unha "pesqueira natural"  designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial"  designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras  xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. aquí).
Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cachoeiras ou fervenzas (cf. DdD).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.

A PÍA (Lousada -lugar da Pía)
Unha "pía" é unha "pedra escavada en forma de vaso".
Podería encontrarse labrada na pena, quer por acción erosiva quer pola acción do home (e ser, por tanto, un petróglifo).

A PICHA (Burgás)
A PICHA DA SILVA (Xermade)
Á parte do significado do órgano sexual, o apelativo "picha" indica "fonte pequena que deita auga" (cf. Estraviz), e está relacionada con "picho", "pichoca", "pichel" e "picheira". 
Canto á súa etimoloxía, os vocábulos picho, picha, picheira deben provir dunha voz onomatopeica *picc- ou *bicc- ‘punta, pico’ pola forma bicuda e sobresaínte dos pichos.

Hai cerca de 400 topónimos rexistrados , todos co sentido de "lugar polo que sai a auga".
Para o vocábulo "Silva", ver "A Silva".

A PICOTA (Roupar -lugar da Pena Vaqueira)
A PICOTA (Burgás)
O termo "Picota" ten dúas acepcións principais  a de "cima dun monte" e a de "o pau espetado, poste ou columna no que se executaba as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos".  Curiosamente, para o existente en Burgás debe interpretarse como "cima de monte", pois é o caso, e ademais atópase lonxe dos núcleo de poboación, en canto que "A Picota" da Pena Vaqueira atópase no medio da poboación e non se trata dunha cima,  así que semella plausíbel pensar que debeu ser  o lugar de axusticiamento.Para a segunda acepción, o dicionario  de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como 
"La picota, ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos.." (Cf. DdD).
A Picota é sinónimo de Rollo, coa única diferencia que conceptualmnte a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.

Para máis detalle, consultar a entrada "Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal" no blog da "Pena da Cataverna".

O PICOUCELO (Candamil)
O nome deste núcleo de poboación vén do diminutivo de "Picouzo", co antigo sufixo diminutivo -elo.
O topónimo "picouzo" é frecuente en Galiza. Deriva de "pico", "a parte máis elevada ou aguda de algo". A orixe de "pico" é discutida, quer de orixe prerromana, talvez céltica, *pikk-, quer do latín piccum.

A PIGAROA (Momán)
Está atestada "Puente Pigueroano Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía.
Esta poboación tomou o nome do río Río Pigaroa, afluente do antigo río Pígara, chamado actualmente Río da Labrada, afluente do Río Ladra. Como en moitos outros casos, o nome en diminutivo é aplicado para un afluente ou para o curso alto do río (cf. Ulla - Ulloa, Sar - Sarela, etc).

Na Idade Media aínda se chamaba Pígara o río Labrada, e perviviu dando o nome á poboación vilalbesa de Pígara, así como a unha freguesía do concello de Guitiriz. 
Seguindo a E. Bascuas (cf. aquí), derivaría da raíz indoeuropea *peig- /*peik- 'coloreado, de varias cores'. Indica Bascuas que sería paleoeuropea e non céltica, pois Pokorny non rexistra ningunha palabra céltica con esa orixe. Non sería unha raíz da hidronimia, senón que sería aplicada pola cor das augas (ou dos fondos do río), tal como acontece no caso do "río Pinto".

O PIMPÍN (Roupar)
No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os límites da freguesía está atestado:
 ..."a una fuente nombrada penpin"...
Está atestada tamén como "fuente pinpin" no Catastro de Ensenada para Cabreiros (1752) ao describir os límites da freguesía.
Probablemente de orixe onomatopeica, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O Nomenclator rexistra múltiplas fontes "Pimpín".
Tamén no asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

A PINGUELA (Roupar -lugar da Pinguela)
O termo "pinguela" ven de "pingar", "caer a auga ou o líquido", derivado do latín tardío *pendicare 'estar colgado ou inclinado'.
Pinguela significa o mesmo que "pimpela", "Fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte". Cf. RAG.
É un topónimo relativamente frecuente, por exemplo no concello veciño de Muras.

PIÑEIRO (Piñeiro)
O nome deste núcleo de poboación alude á existencia da árbore deste nome.

O PÍO (Xermade)
O termo "pío" ten múltiplas acepcións, mormente a de maseira de pedra ou de madeira. Polo xeral na toponimia alude a un recipiente de pedra, que puido ter un uso para acumular a auga da chuvia ou a que brota dunha fonte, ou ter uso para morteiro dalgún tipo.
Poden aludir concretamente á existencia de píos para a industria artesanal da pel, xa que os píos eran os recipientes nos que se alagaban as peles con casca de piñeiro (pío de casca) ou con cal (pío de cal) co obxectivo de eliminar delas os restos orgánicos e proceder ao seu curtido (cf. L. Carrasco e G. Navaza, 2014. "Toponimia do Val de Fragoso").

A PIPELA (Roupar -lugar da Graña, Burgás)
O mesmo que pipelo e pimpelo, remite a unha fontaíña que mana un fío de auga ou que pinga, simplemente. cf. DdD.

O PLANTÍO (Roupar)
Nome abundancial de plantas en xeral. Así é interpretado por Navaza como "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Posiblemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada.  Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Por outro lado, interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 

OS POLAIMOS (Roupar)
Plural de "Polaimo", o mesmo que "pelaimo". Ver O PELAIMO.

O PORPAZ (Miraz)
Topónimo que alude a un Pero Paz, un antigo posesor do lugar, con Pero a forma medieval para Pedro, e Paz apelido, común na comarca. É un caso análogo ao topónimo Paipaz das Pontes, nese caso co hipocorístico Pai (de Paio).
O hipocorístico "Per", forma sincopada de Pedro/Pero é frecuente na toponimia galega.  De feito, neste concello temos tamén O Perpez e O Perrapado e Preanes. (cf. X. Gonzalez, 2022.  "O nome " Pero" na (micro) toponimia").
Noutros moitos topónimos da comarca, conformados polo sintagma Por- mais apelido, son igualmente resultado dun antigo Pero. 

Neste caso concreto, hai tamén un PORTO DE PORPAZ, co cal queda certa dúbida se Porpaz viría de "Porto Paz". A probabilidade é baixa, tendo en conta que temos próximos un Portocastro en Roupar e un Portosilva e Portalousa en Xermade, o que indica que se remitise a "Porto", o máis probable é que se mantivese como **Portopaz.

PORTALOUSA (Xermade)
O nome deste núcleo de poboación, dada a abundancia de topónimos "Porto-" neste concello, debe vir dun antigo "Porto da Lousa", indicando un porto (pasaxe do río) feito de lousa por onde se cruzaría o río ou regato, concretamente o "Rego Zapateiro". Notar que, dada a situación do lugar, non procede que se refira a un porto de montaña.

PORTO DE ARCA (Xermade)
PORTOCASTRO (Roupar)
PORTOSILVA (Xermade)
Un porto, neste contexto, refire a un paso de montaña ou de río. 
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Para "arca", ver "A Pena de Arca". 
No caso de Portocastro, parece indicar a existencia dun castro neste porto de montaña.
No caso de Portosilva, o termo "silva" posiblemente tivese a acepción antiga de "fraga", "bosque".

A POUPARIÑA (Momán)
Este  núcleo de poboación comparte topónimo coa veciña Poupariña das Pontes, así como cun terreo en Ourol.
Tendo en conta o significado portugués de poupa 'bubela' (lat. 'upupa'), Joseph M. Piel, interpretou os topónimos "Poupa"  e "Poupariña" como nomes da "bubela", se ben non se mostra convencido (cf. J. M. Piel, par. 37 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

Dado que unha referencia á ave bubela en singular non encaixa moito na toponimia, o máis probábel é que se trate do alcume dunha antiga posesora do lugar. Dada a coincidencia próxima desta Poupariña e da de Xermade, semella plausible pensar que un deles foi o orixinario, en canto que o outro, e tamén o terreo de Ourol, poderían aludir á procedencia do posesor.

O PRADO DA MOA (Xermade)
Ver "A Fraga da Moa".

O PRADO DA VESURA (Lousada)
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. RAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.
Está atestada a "presa de vesurano Catastro de Ensenada para Cabreiros (1752) ao describir os límites da freguesía.

O PRADO DO MINGOLO (Roupar)
Ver "O Campo do Mingolo".

OS PRADOS VERDES (Xermade)
O significado talvez sexa o transparente, referido á cor dos prados.
Porén, hai outro topónimo "A Chousa dos Verdes" que non parece corresponder co significado obvio (ver máis enriba).

PREANES (Cazás)
Debe derivar de Pero Eanes, remitindo a un antigo posesor, do mesmo xeito que existe Xaneanes en Lobios e en Celanova, e tamén en Portugal, así como  Esteveanes, Gonçaleanes , etc ..
O nome Pero é a forma común medieval de Pedro, e as formas  Per-, Por- e Pre-, sincopadas de Pedro/Pero son frecuente na toponimia galega.  De feito, neste concello temos tamén O Perpez e O Perrapado e Porpaz. 
O apelido Eanes foi polo xeral en Galiza castelanizado, maiormente a partir do século XVIII, para a forma castelá "Yáñez". Por tanto, podemos supor que este topónimo ten máis de dous séculos.

O PREITO (Roupar -lugar da Graña)
Referido a disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

A PUNTILLIÑA (Xermade)
O nome desta leira, no lugar das Casas Novas, debe aludir a unha  "pontelliña", diminutivo de pontella 'Pequena ponte de madeira ou pedra para cruzar regatos'. Ten sentido ao tratarse dunha zona onde pasa un pequenos regato ao lado.
O pechamento *Ponteliña > Puntilliña, polo influxo de palatais é normal na pronuncia tradicional galega.  Igualmente, Rivas Quintas indicou o caso, ao estudar estes topónimos na súa "Toponimia de Marín", dun "O Puntillón" atestado como "Pontellón" en 1885.

A PURRILLA (Xermade -lugar da Purrilla)
O nome desta poboación debe remitir á voz castelá "porrilla" 'maza pequena'.
Podería tratarse da alusión ao alcume dunha antiga posesora do lugar. No entanto, sen documentación antiga que o confirme, pode tratarse dun topónimo "importado", pois os topónimos Porrilla son relativamente frecuentes no centro e sur da península, como Cerro de La Porrilla (Madrid). 

A presenza dun topónimo foráneo, importado, non sería estraño nesta zona, en particular o veciño concello de Muras, con topónimos interpretábeis en base a un poboamento mozárabe (ou de ex-escravos musulmáns), tales como Leganitos, Mezquita, Mouriscón. En Xermade temos Sagramón, tamén de posíbel orixe foránea.

QUEIXADO DE TRAS DO MURO, O (Burgás)

Este topónimo, igual que os relacionados Requeixo, Queixoiro, Queixeiro, Queixada, Queixa,  son derivados do latín vulgar *capsĕŭm ‘da forma de caixa’. 
A motivación para o topónimo sería, por tanto, metafórica aludindo un lugar cun relevo de características análogas do "queixo" humano. ou sexa, cunha parte chá rematando nunha pendente pronunciada.

Etimoloxicamente, Edelmiro Bascuas interprétado doutro modo, e relaciona Requeixo co hidrónimo *rek-, tema que explica o termo rego e derivados (cf. E. Bascuas, 2000. "Rego y requeixo. Una pervivencia hispana de la raíz ind. er- ‘moverse", in Verba 27).

Tamén poderíamos interpretalo como "terreo pertencente a unha persoa referida como "Queixeiro", de oficio ou alcume, aínda que é máis improbable.


A RAMALLEIRA (Roupar -lugar do Aguillón, Xermade)
Lugar frondoso, onde abundan os ramallos, as árbores pequenas ou os arbustos. Cf. DdD.
É posible que os topónimos Ramalleira, Ramallal, Ramalledo aludan ao aproveitamento das podas das árbores (carballos e similares) para alimento do gado.

O sitio de Xermade está atestado no Catastro de Ensenada de Xermade (1753) ao describir os muíños da freguesía
   ... "al sitio da Ramalleira"...

A REBORDELA (Burgás, Xermade)

De "Reboredela", diminutivo de "reboreda". Indicaría, por tanto, unha pequena carballeira. Cf. p. 1257, N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.

O REBOREDO (Roupar -lugar do Reboredo)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo”  vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial.

OS REBUXENTOS (Piñeiro)
Este topónimo debe vir de "Rabuxentos", nome xocoso con que puideron ser alcumados os antigos habitantes do lugar como enrabexados, de trato áspero.  Eladio Rodríguez no seu dicionario definiu "rabuxo" como "Desabrido, acrimonioso, áspero no xenio e no trato."

Por outro lado, o filólogo J. A Palacio relacionou este topónimo "Rebuxentos" con  "Rebuxán", o cal interpreta como 'terreno que se desecha' y sería semánticamente semejante a  'residuo de terreno que deja fuera el muro que lo cierra'. Na nosa opinión, sería extender excesivamente o campo semántico de rebuxo , e aínda admitíndoo así, semella encaixar mal para o nome dunha poboación.

Na contorna, o Nomenclator rexistra "O Rebuxento" en Silán (Muras) e mais en Ferreira do Valadouro.

A REGA (Roupar, Roupar -lugar da Agra, Burgás, Lousada)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, ver E. Bascuas aquí.

O REGO DO MAZO (Roupar)
Rego no que houbo un "mazo" ou "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

REGO DO PAPEIRO (Burgás, Cabreiros)
Referido ao alcume dun antigo posesor. Ver "Muíño do Papeiro".

O REGO DO ROCÍN (Xermade)
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor dun lugar ao pé deste rego. O alcume Rocín está rexistrado xa no séc. XIII ".. Pelagius Pelagii, dictus Rocin.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
A existencia doutro "Rocín" na viciña parroquia de Silán (Muras) parece confirmar esta hipótese, posiblemente derivados ambos do mesmo posesor.

O REGO DO SAPO (Cazás)

No Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os muíños da freguesía está atestado :
        ... "en el sitio do Rego do Sapo". 
Os topónimos "Rego de Sapo(s)" son frecuentes en Galiza. 
Aínda que o máis probable sexa que corresponda co significado obvio, tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).

REGO DOS ILLÓS (Xermade)
Ver "O ILLÓ".

O REGO MOSQUEIRO (Lousada)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

A REGOÑA (Burgás)
Regoña deriva de "rega". O dicionario defínea como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. DdD.

O REGUENGO (Cabreiros)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. DdD.
O nome provén do latín tardío regalengum 'real, pertencente ao rei, patrimonio do rei'. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. "Grande Dicionário da Língua Portuguesa", 452).

A RENDA (Burgás)
Podería indicar o pago dunha renda ou foro. 
Tamén podería provir do latín ranetam, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). 

A RIBALTA (Roupar)
Composto de "Riba alta", indicando unha ribeira elevada.

RÍO CHAMOSELO (Roupar)
Río que nace en Xermade e desauga no Eume ao seu paso polas Pontes. O nome responde á forma en diminutivo antigo de "chamoso", que podería provir de flammosu 'ardente, inflamado' ou de clamosu, no sentido de 'rumoroso, resoante'. A respecto do conxunto de topónimos como Chamizal, Chamizo, Chamoso, Chamosa, comúns en Galiza e en Portugal, Fernandes (1999: 182) relaciónaos coa "cor xeral da paisaxe, quer pola xeoloxía (terreos avermellados), quer pola vexetación (Fernandes, Armando de A. Fernandes, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um dicionário").
Igualmente, Navaza interpreta varios destes como fitotopónimos relacionados semanticamente co latín flamma, relativos a “lugares onde se procuraban guizos para alumar ou para o lume, procedentes de diferentes especies vexetais” (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").


Non lonxe desta zona atopamos o río Chamoso (O Corgo), afluente do Miño. Nicandro Ares, para o caso do antigo Condado de Chamoso, no Corgo (Lugo),  atopou documentación antiga, aínda que aparece tanto como Flamosus como Clamosus.

RÍO DE GOIMEL (Cazás)
Figura atestado no Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía:
  ..."puente Pigueroa, de alli sigue hasta juntarse con el rio nombrado de Goimell"..
Tamén se cita no mesmo documento o monte de Goimell. Houbo, xa que logo, un lugar Goimel, nalgún lugar xa desaparecido.

O nome dese lugar provén de  (uilla) Guimiri, forma en xenitivo de Guimirus, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. É un antropónimo de orixe xermánica, a partir da raíz Gogi- (a orixe concreta desta raíz é controversa, talvez de gauja ou de gaudi) e da terminación -mirus (> gótico *mereis 'famoso').
O nome Guimirus está atestado na Idade Media en Galiza (cf. p. 254 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999).

O ROCELLO (Xermade)
O nome "rocello" é o diminutivo de "roza" 'monte que se cava ou ao que se lle queima a broza para cultivalo'. Neste sentido, Rivas Quintas tamén recolle "rocello" en Begonte como "Monte bajo con esquilme" (cf. DdD). 

Hai unha acepción, que se recolle en Guitiriz e noutros puntos da Terra Chá, de "terreo pequeno e cercado". Esta acepción semella derivada e secundaria, probabelmente máis recente, polo que nos incluinamos pola acepción máis común (cf. Fernando Vázquez López, 2002. "A toponimia na Terra Chá lucense no Concello de Guitiriz", in Actas do I Congreso Internacional de Onomástica Galega "Frei Martín Sarmiento").

ROSENDE (Cazás)
Este lugar figura atestado no Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía:
  ..."de alli a la fuente nombrada de Rosende"..
O topónimo deriva de (uilla) Ranosindi, forma en xenitivo de Ranosindus, nome de orixe xermánica. que correspondería co nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).
Hai outro "Rosende" no veciño concello de Friol. Descoñecemos se gardaron relación.

ROUBÍN (Xermade -lugar de Roubín)
Posiblemente de *(uilla) Raubini, forma en xenitivo de Raubinus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. Aínda que non estexa documentado este nome na Galiza, si está no século XIII na Bélxica (cf. aquí)

ROUPAR (Roupar)
Esta freguesía figura atestada no séc XIII:
"..inter Roupar et Pontes de Eume, et est medietas totius ville.." a. 1223, CD Meira (CODOLGA).
De *(uilla) Rauparii, forma en xenitivo de Rauparius, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que tería existido nesta freguesía. É un  nome de orixe xermánica. 

A ROXEDOIRA (Burgás)
Significado e orixe incerta. A priori semella claro: de "ruxidoira", relativo ao ruído do lugar, pola auga que discorre ou polo vento ao soprar. Lembremos que a voz "ruxidoira" é sinónimo de fervenza.
Porén, hai tantos "Rexedoira" como "Ruxidoira/Roxedoira, co cal queda a dúbida se este topónimo foio antigamente un "Rexedoira" tamén.
Se ese for o caso gardaría relación coa acción de "rexer" ("gobernar"), e por tanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna. 
O Nomenclator rexistra case 60 topónimos Rexedoira/o, Rexedora, Rexidoira/o ou Rexidoura, fronte a uns 50 Ruxida, Ruxidoira/o, Roxedoira/o ou Roxideira/o. Vendo estas cifras, semella improbable que a deturpación Roxedoir@ > Rexedoir@ fose maioritaria, polo que Rexedoira e Rexedoiro(s) semellan ter surxido como tales, e por tanto non teren en xeral relación con "ruxir".

A ROZA (Roupar, Burgás, Xermade)
Lugar onde se practicaba a agricultura da "roza" (do latín ruptea), consistente en queimar un monte ou terreo inculto para despois cavalo e sementar trigo ou centeo  aproveitando a vexetación queimada como abono.

AS ROZAS VEDRAS (Cazás)
O adxectivo "vedra" é sinónimo de "vella", derivado do latín uetera.

A RÚA (Burgás)
Este topónimo corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). 
A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘enruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba. 1982).

A SAGRADA (Burgás)
Topónimo que alude a unha finca situada preto do "sagrado", que designa as terras arredor da igrexa, tanto fosen adicadas a cemiterio como se non.

O SAGRAMÓN (Miraz)
O nome deste núcleo de poboación ten orixe e significados unha miga escuros.
Aparece documentado no Diccionario de Madoz no 1849 como Sagramon.

Poderíamos pensar nun certo paralelismo formal co topónimo Cadramón (a famosa serra veciña), e supoñer unha orixe nun sintagma conformado polo adxectivo "sagro" e mais o nome "monte".  A evolución fonética de *Sagromonte > Sagramón non presentaría problemas. Porén, esta orde adxectivo+nome resultaría un caso ben insólito, pois esta estrutura, común na toponimia francesa, é a inversa da galega. Por tanto, faise unha interpretación moi ousada.

Tamén ousada, aínda que suxestiva, semella a interpretación de ser un topónimo importado, talvez en relación co famoso Sacromonte granadino. Se así for, sería plausible pensar nunha importación do topónimo por (re)poboadores mozárabes nos tempos medievais. 
En efecto, estamos nunha zona, en particular o veciño concello de Muras, con presenza de topónimos interpretábeis en base a un poboamento mozárabe (ou de ex-escravos musulmáns), tales como Leganitos, Mezquita, Mouriscón.

SANCHE GRANDE (Piñeiro)
SANCHE PEQUENO (Piñeiro)
Este lugar aparece atestado no Catastro de Ensenada de Piñeiro (1753) ao describir os muíños da freguesía:
        ... "en el sitio de sanchez" (sic)
O topónimo remite a unha (uilla) Sanctii, forma en xenitivo de Sanctius, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). Este nome  é frecuente na documentación medieval galega, tanto Sanctius como Sanctio.

O SANGRADOIRO (Momán)
Para o termo "sangradoiro", a intrpretación máis probable debe ser a  recollida no dicionario Estraviz como 
"Sulco ou cal por onde se desvia a água de um rio, fonte ou terreno, sangradeiro."

A SEARA (Burgás)
A voz "seara" designa ‘sementeira de cereal’, 'monte de rozas no que se cultiva centeo', así como o de "pedazo de terra cultivada".
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo".  
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co sufixo -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que, tanto na parroquia de Chavín (Viveiro), como na de Portocelo (Xove), ou na de Insua (Ortigueira), conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

O SEO (Cazás)
Significado e orixe incerta.
Podemos interpretalo como derivado do latín sinu ‘curvatura',  co cal se referiría na toponimia a unha depresión no terreo. De feito, queda rexistrada no dicionario de Constantino García como "depresión cerrada en terreo chao onde conflúen no invierno algunhas augas que desaparecen no verán”.
Atópase tamén un "Vilardeseo" en Rábade, para o cal Martínez Lema dá a indicada interpretación (cf. P. Martínez, 2018. "Toponimia de Begonte e Rábade").

SEQUITO (Burgás)
Etimoloxía incerta. Debe tratarse dun alcume do nome do posesor.

O SEIXIDO (Xermade -lugar do Seixido)
Lugar no que abundan os seixos.

O SEIXO  (Cazás)
OS SEIXOS BRANCOS (Roupar)
A voz "seixo" é común no galego, derivada do latín saxu ‘pedra grande, rocha’. Ten dúas acepcións:  “pedra dura de pequeno tamaño, xeralmente lisa e arredondada” e tamén un “tipo de rocha xeralmente branca e moi dura”. 

Na toponimia, un "Seixo" en singular remite a unha pena de seixo, que por veces serve de marco. Un exemplo témolo no Catastro de Ensenada (1752,1753), no cal é común este uso na zona da Mariña, Ortegal,  ao referenciar os límites das freguesías, sendo moitos marcos o nome de "Seixo de ..". Así, no Catastro de Ensenada de Foz (1753), ao definir os límites desa freguesía: 
".. siguiendo por la vega de Escanlar a un Seijo blanco que en ella se halla .."
No caso do Seixo de Cazás, queda preto do dolme de Mediafariña, polo que é altamente probábel que se tratase dunha pedrafita.

O SERRÓN (Roupar)
O topónimo "Serrón" aludiría, en sentido figurado, a unha "montaña apuntada e larga".

AS SERVENTÍAS DE ARRIBA (Roupar)
AS SERVENTÍAS DE ABAIXO (Roupar)
Unha "serventía" designa un lugar dunha finca suxeito a dereito a paso por persoas alleas, xeralmente para traballos agrícolas.

SESULDE (Burgás -lugar de Sesulde)
De (uilla) Sisuldi, forma en xenitivo de Sisuldus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica. 
En efecto, J. Piel, que menciona este "Sesulde" específico de Xermade, e o interpreta como derivado da raíz gótica sis-, de sisus 'canto fúnebre' e máis wulthus 
'esplendor' (cf. J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI: 346). 

A SILVA (Xermade -lugar da Silva)
O termo "silva" neste caso, ao ser singular, non correspondería co significado actual do apelativo, senón co significado orixinario do latín silva 'bosque, fraga'.

A SILVEIRA VELLA (Candamil)
O termo "silveira" debe corresponder co significdo antigo derivado do latín silvaria "fraga desbrozada para o cultivo; lugar boscoso".

A SILVELA (Xermade -lugar da Silva)
Figura aestado no Catastro de Ensenada de Cazás (1753) ao describir os límites da freguesía:
  ..."peña loseña que se nombra da silbela"..
O topónimo remite a unha pequena fraga ou bosque. En efecto, ao ser "silvela" a forma antiga de diminutivo, xa substituída no galego medieval, o significado do apelativo "silva" non sería o actual, senón co significado orixinario,  do latín silva 'bosque, fraga'.

O SISTO (Xermade -lugar do Sisto)
O sitio está atestado no Catastro de Ensenada de Xermade (1753) ao describir os muíños da freguesía
   ... "al sitio do Sisto"...

Canto ao significado, os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares poderían derivar do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gado", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.


Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva (cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que nos leva a rexeitar de pleno esta hipótese.

SOBREBREA (Burgás)
Composto de "Sobre Brea", lugar "situado por riba de Brea". 
Ver "Brea".

O SOUTO (Miraz)
O termo souto, no galego actual e mais en portugués significa "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". Procede do latín saltum, e orixinariamente designaba un "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou a significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a preservación dos topónimos "souto" en Galiza.

O SUMEIRO (Cabreiros -lugar do Sumeiro)
Podería derivar de "sumir" "absorber, empapar" (cf. DdD), co que indicaría un "terreo que se encharca" ou similar. A palabra "sumir" tén orixe incerta.  Corominas deriva "sumir" do latín sumere, e rexeita completamente que derive de submergere, afirmando que "por razones fonéticas es imposible". 

Por outro lado, hai unha acepción en portugués para "sumeiro" de "sumento, cheio de suco", ou sexa "zumento" (aínda que non a atopamos nos dicionarios clásicos, senón en ). En calquer caso é dubidoso, pois sería estraña a pronuncia "sumeiro" frente á esperada de "zumeiro".
Alternativamente, do latín summarius, no sentido de "cume, outeiro, o lugar máis alto". Rivas recolle esta acepción (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala"). No entanto, non o atopamos en ningún dicionario de galego.

A TARAÑEIRA (Roupar -lugar da Graña)
O TARAÑEIRO (Roupar)
O termo "tarañeira" indica 'terreo pobre, pedregoso, de mala calidade'.
É de orixe prerromana, posiblemente relacionado cos  topónimos Taranco e Tarancos, coa mesma raíz e cun sufixo tamén prerromano.
Existen outros moitos topónimos similares, así outro  Tarañeira en Guitiriz, e Taraños en Cedeira e Mañón, etc.

A TARROEIRA (Xermade)
O mesmo que no caso do topónimo "Tarrual", designa un lugar de terras duras, nas que abundan os"terróns".

O TAXÍN (Burgás)
Podería derivar de *(agru) Taginii, forma en xenitivo de Taginius, nome do antigo posesor medieval do terreo, nome de orixe latina, tal como indica Piel, aínda que con dúbidas (cf. "Tagim" en p. 358, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI). 
Porén, a presenza do artigo pode apuntar alternativamente para un apelativo que tería sido usado noutros tempos. Así, podería derivar da base hidronímica paleoeuropea  *tag-, derivada da raíz *ta- 'derreterse, fluír lentamente'. Aínda que Bascuas non menciona este caso concreto, si menciona amplamente a base *tag-, incluíndo o topónimo Taxes (Louro, Muros). 


TEIXIDO (Lousada)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos" (do latín taxu).

A TORRE (Burgás -lugar da Torre)
O termo "torre" nestes topónimos non sempre se refire estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

O TOUTELO (Piñeiro)
No dicionario "toutelo" é definido como "mota, montículo que se eleva a modo de mámoa". Cf. DdD.
Da mesma raíz indoeuropea *teu 'inchar' deben ser as voces galegas "toutullón" 'mogote', "toutou" 'persona rechoncha, ó pequeña y gruesa', así como a coñeciada "touza" (<*tautia).

A TOUZA (Cabreiros)
A TOUZA VELLA (Cabreiros)
O termo "touza" tén un significado  "Espesura de rama baixa, mato, bouza". Tamén tén outra acepción de "viveiro de árbores, devesa, bosque de carballos". Cf. DdD.

AS TRÉMOAS (Burgás)
De (terras) trémoas, indicando terras pantanosas, moles, que "treman" coas pisadas.

A TRENZA (Roupar)
O apelativo común "trenza" non parece ter moita aplicación na explicación dun topónimo, polo tanto podemos moi seguramente desbotar tal orixe.

Podería explicarse como formada a partir de "Tenza", por influencia do apelativo "trenza". O substantivo "Tenza", derivado do latín tenentia, figura definido nos dicionarios galegos como "cada a súa faixa de terreo que na división periódica dos montes comúns das freguesías lle é adxudicado a cada veciño", ou ben "faixa de terra, segregada doutra maior, por medio de marcos ou fitos e sen intermisión de valado ou parede". En efecto, Gonzalo Navaza rexistra o topónimo "Trenza" na fala do Ourovello, e asígnalle tal orixe (cf. G. Navaza, "A toponimia do Ourovello" - Toponimia de Paderne).
Atopamos outro "A Trenza" en Vedille (Muras).

O UZAL (Lousada, Momán)
O apelativo "uzal" indica un lugar no que abundan as uces. Noutras zonas chámase "barcial" (abundancial de "barcia") Cf. DdD

A VACARIZA (Piñeiro) 
No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os límites da freguesía está atestado :
  ... "el arroio nombrado da Bacariza". 
O termo "vacariza" é recollido polos dicionarios de galego cos significados de "curtidoría de peles" e tamén co de "curral de vacas". Cf. DdD e Estraviz.

O VEDRO (Roupar)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 
Alternativamente, de "(agro) vedro", do latín  vetulu 'vello'. Incluso habería a posibilidade remota de que refira a un lugar onde abunda a planta chamada "bredo" ou "bedro",  do latín blitum ("Amaranthus blitum"). Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".

A VEIGA NAVALLA (Lousada)
Composto de "veiga", de significado transparente e de Navalla, adxectivando a veita.
Os topónimos Navallo e Navallos son frecuentes en Galiza, así na Mariña e no Ortegal, o Nomenclator rexistra tamén "O Navallo" en Ortigueira, Mañón, O Valadouro e Os Navallos no Vicedo e Barreiros.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é 
"o mesmo que navalhão; pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. Terrasquentes  www.terrasquentes.pt)
Formacións da mesma orixe atopamos no portugués navalhão, o salmantino navazo 'valle pantanoso' e mais no aragonés navajo "balsa para el ganado". Da mesma raíz, ademais da indicada Nava, temos Navia (co cognado portugués Neiva) e Navaza. En resumo, O Navallo deben remitir a lugar no que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.
Neste topónimo concreto, Veiga Navalla, trátase por tanto de unha tautoloxía.

A etimoloxía é controversa, tal como comentamos de seguido.
Tradicionalmente interprétase como derivado da voz prerromana "nava" 'val, chaeira rodeada de montes', 'lugar pantanoso', xunto co sufixo diminutivo do lat. -culos, sufixo presente noutras formas de orixe prerromana, como "Os Covallos", que deriva de "cova".

Por outro lado, outros autores sinalan a inexistencia na toponimia da forma "Nava", así como que para algúns dos topónimos Navallos, están atestadas formas antigas Lavallos, que apuntarían á orixe nun étimo con L-. Así, por exemplo:
[...] se vadit ad cimam de Teyxoneyras et per portum de Laualo et  [...] (cf. CODOLGA).
Por tanto, podería tratarse dun derivado da raíz hidronímica indoeuropea *lou- 'lavar', da cal provén igualmente a nosa voz lavar, do latín lavare 'lavar'.
En soporte desta interpretación, está atestada esta vacilación N-/L- na toponimia, así Novexilde < Lovegildi < Leovegildi, Lebozán < Nebozan < Nepotiani (cf. CODOLGA), igual ca no sentido oposto, e.g. Landoi < Nandoi (cf. CODOLGA). Esta vacilación explícase por  disimilación de consoantes laterais (-l-,-ll-) ou nasais (-n-,-m-).

É de notar que, independentemente da etimoloxía, o que segue sendo bastante clara é a motivación, de  remitiren a lugares que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

A VELOSA (Cazás)
O Nomenclator rexistra outro A Velosa en Santo Acisclo do Valadouro (Foz). 
Seguindo a Navaza, o máis probábel para Velosa semella ter a orixe nunha Abelosa, con aférese do "a" inicial. Remitiría por tanto a un lugar no que abundan as abeleiras.
Por outro lado, podería corresponder co alcume ou apelido Veloso dun antigo posesor, de feito este apelido xa está atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"), e tamén pode aludir metaforicamente á vexetación, como debe ocorrer tamén co topónimo O Velosal rexistrado en Verea (Ourense).
Tamén o poderiamos interprear como metáfora capilar toponímica, tal como ocorre con Pelosos, Calvo, Pelado, Rapado, Capeludo.

O VERDEAL (Xermade)
O adxectivo verdeal, do latín verdenalis, indica unha cor que tira a verde, do mesmo xeito que  Rubial, ou Roibal, que tira á cor ruba. 
Na orixe  puido ser aplicado á cor do lugar ou, máis probabelmente, referido a unha varietal de castiñeiro ou outras árbores.
Como varietal de castiñeiro xa está atestada na Idade Media, tal como indica Xoán F. Fernández: 
«dous castineyros uerdeaes», 
«Item huun castineiro verdeal», 
 «et vay topar a fondo a o castyneiro grande verdeal», 
«hũa castineira gonçaluo et de outra verdeal», 
«Jten ho oytauo dos castineiros vellos verdeás das Curujas».
(cf. X. F. Fernández, 2022. "Do monte, das aveas, dos castiñeiros, dos pomares e doutras froiteiras:contribucións para a historia agraria de Galicia").

O Nomenclator rexistra un "A Verdeal" en Muras.

A VESURA (Lousada, Miraz)
No Catastro de Ensenada de Roupar (1753) ao describir os límites da freguesía está atestado :
..."a una fuente nombrada da Bisura"...
O termo "vesura" é un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. RAG.
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

O VIEIRO (Lousada)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
 No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que este derivado venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga (cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
É interesante notar que esta interpretación é coincidente co uso en portugués antigo  (s.v. "vieiro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).

VILACIDE (Cabreiros, Candamil)
De "Uilla Citi",  flexión en xenitivo de Situs, forma romanizada do árabe Sîd 'señor', á súa vez derivado de Sayyid
O nome Cito é atestado na Idade Media, así en 1036 atopamos:
"... in Villa de Alvarios, hereditate de Cito, ..." (cf. p.406, tomo XL de P. Florez. "España Sagrada").
O sobrenome Cide tamén figura atestado na Idade Media ("Froia Venerio, cognomento Cidi" 1018, CODOLGA).

O VILAR (Roupar , Roupar -lugar do Vilar, Momán)
O VILAR NOVO (Burgás)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)": 221). 
A orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados é máis ben agronímica, máis que de núcleos habitados. Na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". 
Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi 
"Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.
Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes".  Esta é a acepción xeral que ten en Xermade, de feito hai múltiples microtoónimos deste nome, que non aluden a núcleos de poboación, tales como O Vilar de Rego, O Vilar de Xemaré, O Vilar do Agro Vello, O Vilar do Aruxo, O Vilar do Carballal, O Vilar do Pedrido de Abaixo, O Vilar do Pedrido de Arriba, O Vilar do Portonovo, O Vilar do Queixado, O Vilar do Río, O Vilar do Sisto, O Vilar Novo, O Vilar Cativo, O Vilar da Cancela, O Vilar da Ferreira, O Vilar da Fonte, O Vilar da Fonte Vacariza, O Vilar da Igrexa, O Vilar da Pena Vaqueira, O Vilar da Presa, O Vilar de Abaixo, etc.

O VILAR DE CARTAS (Barreiros, Reinante)
O topónimo "Cartas", frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.
Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.
Cf. aquí.

O VILAR DE GOCENDE (Xermade)
De *uillare Godesindi, dun posesor medieval chamado Godesindus, nome de orixe xermánica (cf. P. Martínez. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens").

VILARIÑO (Xermade -lugar do Vilariño)
Pequeno vilar. Ver "O Vilar".


O VISO DAS CAVADAS (Xermade)

Un "viso" designa un sitio alto, sitio elevado, con boa vista. 
Con respecto de "Cavadas", referiría ao correspondente labor agricola que se fai nun lugar previamente a bravo ou monte.

O XARDÍN (Roupar)
Topónimo transparente,  probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados). Poida que o sentido figurado fose positivo, de estar situado ao abrigo dos ventos e posiblemente orientado para o sur.
Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..". Vol II, 1979). Esta acepción encaixa nalgún dos "Xardín" que coñecemos.

XEMARÉ (Burgás -lugar de Xemaré)
Está atestado como "Jimareino Catastro de Ensenada de Burgás (1753) ao describir os muíños da freguesía.
Topónimo derivado de  (uilla) Uimaredi, xenitivo de Uimaredo, o nome do posesor da uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval, nome de orixe xermánica.
O nome Vimaredo era frecuente na Idade Media (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).
Aínda que poida resultar estraña a evolución, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
O Nomenclator rexistra un Ximarei en Cospeito, que ten a mesma orixe, así como varios Ximará(s),  en Viveiro, Moeche, Xuances, Alfoz. Tamén atopamos, con distinto acento, Xímara en Barreiros e máis na Pontenova, así como a indicada Pena de Ximarao en Cedeira, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, Pena de Ximarao, en Cedeira, etc. 
É de notar un Jemariz atestado no Catastro de Ensenada de Xermade (1753) ao describir os límites da freguesía.

XERMADE
 (Xermade)
O topónimo fai referencia ao nome do antigo poseedor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). 
En concreto, tal como postula Miguel Costa, viría de (uilla) Ieremiati, como flexión vulgar en xenitivo do nome bíblico Ieremias,  nome atestado na Galiza na época medieval
 (cf. frornarea). En efecto, para o apelido Andrade, Nicandro Ares, citando a Gradgent, considérao derivado dun *Andreati, que sería unha flexión vulgar de xenitivo para Andreas, o mesmo que abbas - abbatis, Cucuphas - Cucuphatis, Thomas - Thomatis (cf. N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I.  2011: 262). Na toponimia galega aparecen aínda outros como Illade, de Elías.

É de notar que no seu momento, J. Piel postulou *(uilla) Germinati, forma en xenitivo de Germinatus, nome de orixe latina, citando tamén os exemplos de Xermeade, en Muíños (Ourense) e en Palas de Rei (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos na toponímia galego-asturo-portuguesa", in Biblos).

O Nomenclator rexistra outro topónimo Xermade, correspondente a un lugar de Ardán, Marín (Pontevedra). Puido existir outra poboación deste nome no concello de Bergondo ou no de Paderne, dada a frecuencia deste apelido nesa zona (cf.  CAGs.v. "Germade").

O XERMIL (Xermade)
Derivado dun (fundus) Gelmiri, forma en xenitivo Gelmirus, o nome do posesor altomedieval. É posíbel que se trate dunha  (uilla) Gelmiri, que remitiría a unha uilla altomedieval que puido haber nese lugar.
É un nome de orixe xermánica.

O XESTEIRÓN (Roupar)
O topónimo remite a un lugar onde abundan as xestas.

A ZAIPA (Miraz)
Figura xa atestado no Catastro de Ensenada de Momán (1753) ao describir os límites da freguesía:
     ... "fuente que llaman da Zaipa"...

Alén deste Zaipa, encóntrase ademais a "Medoña da Zaipa". Por el pasa o "Rego de Zaipa". Tamén existe o topónimo Zapia en San Miguel de Reinante, e "Veiga de Zapia" en Ribadeo. Semella que estamos fronte dun hidrónimo, algunha referencia a augas, talvez charca ou similar.
Podemos aventurar que Zaipa e Zapia deriven dunha forma prerromana *Sal-ap-p-ya , hidronímico de orixe indoeuropea, cun significado de 'charca, arroio da charca, lagoa' . Estaría composto polas raíces indoeuropeas *sal- 'sal, auga estancada' e  *ap- 'auga, río' .
A evolución de *Salappya para Zaipa non presenta ningunha particularidade (*Salappia>Saapia> Zapia>Zaipa)
A hipótese desta orixe en *Salappia é detallada na entrada Zaipa Mirachi  do blog Pena da Cataverna.

A ZALAROIA (Momán)
Pensamos que o nome deste núcleo de poboación deriva dun hidronímo formado por un composto de orixe prerromana indoeuropea.
Podería ter a orixe na raíz indoeuropea *sal 'auga estancada, sal'. Ver máis detalles na entrada de blog Pena da Cataverna.

ZARRACÍN (Momán)
Vén atestado no Catastro de Ensenada de Momán (1753) ao describir os muíños da freguesía:
     ... "en el sitio de la Rivera de Zarrazin"...

Posiblemente derive de  (uilla) Sarracini, flexión en xenitivo do nome persoal Sarracenus, ou directamente de (uilla de) Sarracin, nome atestado na Idade Media. Indica Boullón Agrelo que, aínda que  como nome propio inicialmente tivese unha connotación étnica, finalmente deixou de ser representativo de tal orixe (cf. A. Boullón. "Antroponimia medieval galega (ss. VIII-XII)". 1999).

Da mesma opinión foi Piel, así como E. Rivas (915), tanto para "Zarracín" como para "Sarracino" (976, 1065), "Sarrazino" (1055), "Serracino" (978, 1080), en Portugal, León e Asturias (cf. E. Rivas,1991. "Onomástica persoal do Nordeste Hispano").
Así mesmo, Pascual Riesco indica na provincia de Salamanca unha aldea próxima a Ledesma, Sarraçin (1335), que coincidiría coa actual Peñasarracín.

Alternativamente,  podería provir de (uilla) Zarraquini,  forma en xenitivo de Zarraquinus, remitindo ao antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola).  O antropónimo Zarraquinus é un hipocorístico de Zarracco, nome de orixe basca (cf. L. Koutnesova "Antroponimia Medieval privativa de la península Ibérica" in "Onomástica galega: con especial consideración da situación prerromana".  2007: 147). Da mesma opinión é Miguel Costa aquí.


----------
NOTA BENE: Por agora, alén da toponimia maior, somente engadimos os microtopónimos das parroquias de Xermade, Roupar e Burgás, ao seren os únicos que proporcionaba a Xunta no Nomenclator.